O inicio de ano máis incerto para o deporte pontevedrés

Os clubs de elite da comarca retornan á actividade para preparar a volta á competición expectantes ante os efectos da pandemia ► O Arxil principiou xa os adestramentos e este luns fano o Poio Pescamar, o Marín Futsal, o Cisne e o Teucro tralos pertinentes tests de antíxenos
Arboleya coa bóla xunto a Víctor Deco no derbi pontevedrés de División de Honor Prata. RAFA FARIÑA
photo_camera Arboleya coa bóla xunto a Víctor Deco no derbi pontevedrés de División de Honor Prata. RAFA FARIÑA

Nunca tan incerto se presentara o comezo do ano para os clubs deportivos de Pontevedra. A cantidade masiva de contaxios producidos durante as festas de Nadal na sociedade mantén alerta ás entidades antes do retorno aos adestramentos. A meirande parte dos equipos séniores de alto nivel da comarca retornan ao traballo este luns á tarde.

Voltan vestir de curto o Cisne, o Teucro, o Poio Pescamar e o Marín Futsal. Xa o fixeran con anterioridade o Arxil e o Pontevedra Club de Fútbol e está pendente de atopar alternativas para o seu programa semanal o Marín Peixegalego.

No baloncesto, as cousas parecen avanzar con normalidade no Arxil, que retomou as sesións a principios da pasada semana sen contratempos, máis alá dun aillamento dunha xogadora do Mafari e outra do xuvenil por contactos estreitos cun contaxiado.

Membros do corpo técnico tamén permanecen alerta por contactos estreitos en pasadas datas. Pero, polo de agora, as verdes están a levar un bo regreso ao traballo, sen positivos no primeiro plantel.

Cabe sinalar que aínda non se incorporaron ao colectivo tres xogadoras: Marga Moreira, Adriana Aparicio e Ruth Adams, pero en tódolos casos por situacións alleas á pandemia. O club agarda contar con elas entre este lunes e este martes. As verdes teñen partido o domingo á mañá en Canarias contra o Lagunera Adareva, rival directo na loita polos postos de honra.

Despois de non poderen disputar o derbi de decembro, o Cisne e o Teucro voltan este luns ao Municipal para preparar o seu retorno á liga, o 15 de xaneiro. O club azul farao primeiro, se a pandemia lle dá unha tregua despois de dous gromos no seu vestiario e tres partidos suspendidos xa na primeira volta. Os de Irene Vilaboa realizarán test de antíxenos antes de principiaren a adestrar.

Se todo está en orde, ás 20:30 poderán exercitarse. Os azuis teñen tres partidos menos por mor dos casos que padeceron durante unha primeira metade do curso para esquecer.

O Cisne principiará os adestramentos unha hora antes, no mesmo escenario cós teucristas. O bloque que dirixe Jabato tamén efectuará os pertinentes test. De correr todo ben, os xogadores deberán estar na cancha ás 19:30 para comezar a suar o turrón. Aínda que teñen un duelo pendente, contra o mesmo Teucro, a situación é exactamente a oposta: liderado indiscutible e con triunfos nas canchas máis difíciles.

As dúas escadras de Primeira División de fútbol sala da comarca tamén teñen previsión de retomar os ensaios este luns, coa vista posta nos compromisos de Copa da Raíña da fin de semana que vén.

O Poio Pescamar traballará á tarde no Municipal da Seca se non hai contratempos salientables nos resultados das probas. O bloque de Manu López Cossío, que en principio terá dispoñibles a tódalas xogadoras, á espera dos test de este luns, ten previsto principiar a adestrar ás 18.00 horas.

A situación do Marín Futsal é similar. Non se coñecen casos no colectivo. Este luns, nas probas de antíxenos previas ao comezo do traballo, confirmarase se as xogadoras e técnicos libraron de contaxiárense.

O Peixegalego, pendente do adestrador Iván Villaverde, confinado

No caso do Marín Peixegalego, que tiña previsto exercitarse desde este lunes para preparar o compromiso do sábado que vén contra o Unicaja Oviedo (A Raña, 20.00 horas), xurdiu un novo problema covid-19.

O adestrador do plantel, Iván Villaverde, deu positivo. O preparador atópase con bo estado de saúde e síntomas leves, confinado no seu domicilio, pero non pode desenvolver as sesións desta semana.

O club traballa en alternativas de cara a preparación do primeiro encontro da segunda volta. Cabe sinalar que o Peixe xa tivo que suspender en dúas ocasións o partido da última xornada da primeira volta, contra o Santo Domingo Betanzos, primeiro por positivos no seu propio vestiario e en segundo lugar polos casos detectados no equipo rival.

Comentarios