Víctor Vázquez e David Soto proclámanse como intocables de Ángel Rodríguez

Son os únicos xogadores do Pontevedra que disputaron enteiros os sete partidos de liga de Segunda RFEF Charles e Seoane tamén foron titulares en tódolos enfrontamentos ligueiros, pero foron substituidos en cadanseu encontro
Víctor Vázquez 'Churre' e David Soto, este xoves sobre o céspede de Pasarón. GONZALO GARCÍA
photo_camera Víctor Vázquez 'Churre' e David Soto, este xoves sobre o céspede de Pasarón. GONZALO GARCÍA

Víctor Vázquez e David Soto son os últimos superviventes de Ángel Rodríguez. A parella de centrais do Pontevedra son os futbolistas que máis tempo levan disputado do primeiro plantel granate. De feito, son os dous únicos xogadores que completaron tódolos minutos das sete xornadas que se levan gastadas ata agora.

Cuestionados por un rendemento por debaixo do agardado nalgúns partidos deste comezo da campaña, feito manifestado en erros individuais concretos, o marinense e o ourensán son dúas pezas intocables para o técnico leonés.

Polo de agora levan 630 minutos encadeados, nos que se produciron altos e baixos no seu rendemento, pero nos que nunca deixaron de estar presentes nas aliñacións.

A parella de centrais aséntase despois dun inicio de campionato con dúbidas, no que foron sinalados polo adestrador 

Ámbolos dous sufriron, mesmo, un toque de atención público por parte do seu adestrador, despois da derrota que o bloque da cidade do Lérez sufriu contra o Leganés B no campo de Pasarón. Un locuaz preparador granate sinalaba os erros da defensa como principais causantes da situación do colectivo daquela.

Sen embargo, en partidos seguintes non foron eles os sacrificados. Rodríguez apostou por mudar de aires na portería e aliñou a Pablo Cacharrón en lugar de Álvaro Cortés. Tamén prescindiu de Samu Araújo, outro zagueiro cuestionado polos seus erros de marcaxe. Pero nunca á súa parella de ouro no centro da zaga.

De tal maneira, Vázquez e Soto parecen mellorar ao ritmo que o fai o equipo. Dúas semanas consecutivas sen encaixar goles parecen poñer fin, polo de agora, ao problema defensivo. E ámbolos dous suman plentitude de minutos.

Hai outros dous compañeiros de equipo que levan xogados tódolos duelos de liga como titulares, polo de agora. Trátase de Seoane, que completou 613 dos 630 minutos en disputa, e Charles, substituído en tres ocasións e que só deixou de estar no céspede 30 minutos no que vai de campionato.

Ademais deles, cabe sinalar que hai outros cinco futbolistas que tomaron parte en tódalas citas ligueiras, con desigual protagonismo, iso si.

Javi Rey e Alberto Rubio foron titulares en cinco oportunidades e suplentes en dúas, mentres que Manuel Romay, Oier Calvillo e Martín Diz contaron menos nos onces iniciais, aínda que sempre gozaron de presenza no terreo de xogo.

Ángel Rodríguez empregou a 19 futbolistas, dos cales 17 foron titulares nalgunha ocasión e nove participaron en tódolos duelos 

Romay entrou ao campo desde o banco en catro ocasións, Calvillo só foi titular dúas veces e Diz só principiou no once de saída unha oportunidade, malia ter minutos tódalas fins de semana.

No estremo oposto ao de Víctor Vázquez e David Soto atópanse Santi Figueroa e Pablo López. Especialmente rechamante é a situación de Figueroa, que no curso pasado, nunha categoría superior, gozaba de minutos con moita frecuencia, e neste nin sequera foi convocado unha vez.

López, ao igual que Iñaki Martínez, que non dispón de ficha do primeiro equipo, foron convocados unha vez sen chegar a xogar. Mentres que os dous substitutos potenciais dos marcadores granates, Samu Santos e Javi Pacheco dispuxeron de minutos de forma testemuñal en cadanseu partido.

Polo de agora, Ángel Rodríguez fixo xogar a un total de 19 futbolistas dos 21 que teñen licencia co primeiro plantel lerezano. Deles, 17 foron titulares nalgunha ocasión. Rodríguez convocou a 22 homes diferentes (20 do primeiro equipo e Iñaki e Fabio, que non chegaron a debutar, do filial).

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios