Inverno de retoques...ou de estrelas no Pontevedra

Pitu e Damià Sabater foron as altas do Pontevedra nun mercado invernal que xeralmente serviu para paliar deficiencias na estrutura do equipo granate, pero que mesmo lle deu para asinar a xogadores determinantes
Pitu, en Pasarón. RAFA FARIÑA
photo_camera Pitu, presentado este martes en Pasarón. RAFA FARIÑA
O día do seu debut, contra o Celta B en Pasarón, Igor fixo un hat-trick e o Pontevedra gañou por 3-1 contra o filial celeste. Aquilo aconteceu en xaneiro de 2006 e foi o exemplo máis sinalado do que representa unha gran fichaxe no mercado de inverno. O salto de calidade que o maior dos irmáns De Souza achegou ao PCF en dúas ocasións é imposible de medir. O seu impacto no xogo, non só con goles, foi seguramente o maior dunha fichaxe en xaneiro na historia do club.

Sen embargo, o mercado de inverno non sempre proprociona tantas ventaxes aos equipos de fútbol que acoden a el. Lonxe de ser unha operación de reconstrución facial, adoita ser unha sinxela cirurxía para corrixir defectos que poden converterse nun problema.

Iso é o que pretendeu facer o Pontevedra no actual mercado de inverno de 2021, no que conseguíu facerse cos servizos de dous futbolistas que chegan para complementar ao colectivo e solucionar déficits naturais ou adquiridos. A dirección deportiva optou por incorporar a un centrocampista, Damià Sabater, ante a baixa de longa duración de Romay e os problemas físicos de Adrián Cruz, e ademais incorporou a un xogador versátil para o ataque, que poida dar máis opcións tanto a Rufo, Charles e Diz como a Álex González, Calvillo, Jorge Fernández e Óscar. Así se fixo con Pitu.

Ningún dos dous parece chamado a ser unha estrela que marque unha época no Pontevedra, pero pode axudar a facer máis competitivo ao equipo, se se acoplan e ofrecen o mellor do seu rendemento.

Na última década o Pontevedra fixo de todo no mercado: desde mínimos retoques, ata reconstrucións importantes e mesmo contratacións de auténticas estrelas.

Ese foi o caso da campaña 2018-19, probablemente no que chegaron as incorporacións máis chamativas: Borja Domínguez e Álvaro Bustos. Ámbolos dous foron pezas moi destacadas naquel colectivo que, sen embargo, non se meteu na loita polo play-off de ascenso a Segunda División debido a un mal final de temporada.

A campaña pasada tamén chegou á cidade en xaneiro outro home chamado a ser determinante para o club: Rufo. O dianteiro madrileño fixo goles nos partidos nos que estivo co Pontevedra e, aínda que neste comezo de curso non está a ter a mesma puntería, é un futbolista fundamental para o equipo por todo o que suma, non só de cara á porta. Con el chegaran José García, Adri Cruz e Eneko Zabaleta, confirmado como un notable lateral esquerdo neste campionato.

productivo. Xaneiro case sempre lle fixo ben ao Pontevedra. Na campaña 2017-18 o equipo loitaba pola perermanencia e mellorou a súa fisonomía grazas ás incorporacións de Darío Flores, Nacho López, Pibe e Eder Díez, cada un achegando en maior ou menor medida o seu gran de area.

Na temporada anterior, Eneko Eizmendi foi o único movemento. Sen unha achega rutilante, acabou tendo o seu valor no equipo.

Menos peso tiveran na 2015-16 os tres futbolistas que recalaran en Pasarón na procura de axudar ao Pontevedra a alcanzar o play-off. Nin Antonio Bello, nin Hugo Rodríguez nin Vicente Company impediron que o equipo quedara sen premio nunha discreta segunda metade de temporada.

As peculiaridades da Terceira División (categoría na que as fichaxes se poden realizar entre o día do peche do mercado estival de Segunda B e a apertura da ventá de inverno) provocaron moitos trocos durante os outonos, especialmente na tola temporada 2011-12.

Pero tamén houbo fichaxes en xaneiro e mesmo nos últimos momentos do mercado. O ano 2015, por exemplo, apareceron Bruno, Lobato e Álvaro Muñiz. No curso anterior, fíxoo Pedro Crespo. E na austera campaña 2012-13, o Pontevedra apostou polo veterán David Pérez.

David Nogueira, Óscar Martínez e Buba chegaron en xaneiro de 2012 ao PCF.

Iso si, Para fichaxes, as do ano do descenso a Terceira, o 2010-11. Ata oito altas que non serviron para evitar que o Pontevedra caíse no pozo.

Polo camiño quedaron algúns futbolistas moi relevantes, algúns que chegaran a ofrecer un gran nivel e outros que decepcionaron. En algúns outros casos, foron lesións de longa duración ou problemas persoais os que provocaron baixas non desexadas. Este último motivo foi o que afastara a Candela e David Feito de Galicia. Mentres que xogadores como Romay ou Javi López se converteron nas vítimas indesexadas das lesions que acabaron co Pontevedra mergullándose no mercado para atoparlles sustitutos.

Comentarios