Jacobo Senín voa en Caldelas

O piloto do Buxa Motor Poio encabeza o dobrete da súa escudería xunto a Alexis Viéitez na quinta edición da Subida a Pontecaldelas. Miguel García, do Convento Motosport, foi terceiro
O coche de Jacobo Senín. CEDIDA
photo_camera O coche de Jacobo Senín. CEDIDA

Jacobo Senín cumpriu cos prognósticos que o acreditaban como favorito para facerse co triunfo na V Subida a Pontecaldelas gañou amosando un dominio incontestable.

O piloto do Buxa Motor Poio estivo acompañado no podio polo seu compañeiro de escudería, o pontevedrés Alexis Viéitez. A terceira praza final correspondeu a Miguel Ángel García, do Convento Motosport.

O santiagués foi dominador de principio a fin e obtivo o mellor tempo en tódalas pasadas que se realizaron sobre o trazado, aínda que só se computaban as dúas máis rápidas.

Pechou a súa participación sobre o asfalto caldelán cun tempo de 4:17:324 acumulado, no que computaron os dous tempos do sábado á tarde. A manga máis veloz foi a primeira, na que estableceu unha marca de 2:07.586. Na segunda pasada empeorou dous segundos e dúas décimas que non lle impediron, así e todo, ser o que menos tempo empregou en percorrer o treito: 2:09.738.

No domingo á mañá, o gañador final foi máis conservador, feito que non imposibilitou que volvese deter o reloxo co rexistro máis baixo nas dúas últimas pasadas, que non lle foron precisas para obter o triunfo definitivo a bordo do seu Barqueta Nova Proto.

Por detrás del, Viéitez tamén foi regular, con rexistros arredor de 2:16 o sábado á tarde. Onte á mañá a súa primeira subida foi algo máis precisa, o que lle permitiu baixar ata 2:14.856, a mellor das catro que completou. Na cuarta quenda empeorou as súas prestacións e a do seu Fórmula Celtic Dicode. O agregado dos seus mellores dous tempos sumaron un 4:30.983.

Dada a superioridade que os dous homes do Buxa Motor amosaron, a emoción trasladouse á pelexa polo podio. O sábado, Daniel Rodríguez, terceiro home do Buxa Motor Poio, foi o mellor dos mortais na suma das súas dúas pasadas. Alfonso Ventín, do Pontevedra 1984 Team, tamén estaba na pelexa e o erro do primeiro percorrido de Miguel García esixíalle unha boa actuación onte para poder rescatar un segundo resultado que acomapañase o seu 2:25 da segunda pasada.

Finalmente conseguíu outro 2:25 na súa primeira subida do domingo para asegurarse o terceiro lugar. A proba, puntuable para o Campionato de Galicia de montaña, contou coa participación de máis de medio centenar de vehículos.

A afección do motor achegouse ás estradas para gozar coa velocidade e a espectacularidade dos participantes. Entre os presentes, estivo o alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz, que non deixar pasar a ocasión de vivir o espectáculo en primeira persoa.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios