O piragüísta máis Duro

Jaime Duro proclámase campión do mundo de maratón C-1 en categoría sub-23 na localidade portuguesa de Ponte da Lima e logra un dobrete histórico xunto ao seu compañeiro no Ciudad de Pontevedra Diego Piñeiro
Jaime Duro, en Ponte da Lima. RFEP
photo_camera Jaime Duro, en Ponte da Lima. RFEP

Jaime Duro proclamouse campión do mundo de maratón C-1 na distancia longa, en categoría sub-23 nos campionatos que se celebran estes días na localidade portuguesa de Ponte da Lima. O canoísta do Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra impuxo a súa lei e chegou á liña de meta cun rexistro de 1:52.19, cunha vantaxe moi ampla sobre todos os seus adversarios. Duro estivo acompañado no podio polo seu compañeiro de club Diego Piñeiro, que finalizou a súa participación cunha marca de 1:54.59. O segundo lugar do caixón correspondeu ao húngaro Sebastyen Simon, que entrou na meta a un minuto e 15 segundos do lerezano.

Duro comezou  a proba con total determinación e desde os primeiros metros deixou claras as súas intencións ao formar un trío en cabeza coa parella de maxiares, Simon e Marton Horvath. Piñeiro intentou seguir o ritmo, pero acabou perdendo terreo e viuse cazado polo italiano Leonardo Quattroccolo. No paso pola primeira portaxe, os tres de diante abrían a competición cunha vantaxe de 20 segundos sobre a parella formada por Piñeiro e Quattroccolo. O ritmo que marcaban os húngaros era seguido por Duro nunha segunda volta na que se mantiñan as distancias con respecto ao dúo galego-transalpino que viña por detrás intentando empalmar coa cabeza.

Malia proximidade cos de diante e a impresión de que podían cazar en calquera momento, foi un espellismo para eles, xa que no terceiro paso cronometrado perderon dez segundos máis e ficaron a medio minuto do trío de líderes, distancia que non serían quen de reducir con posibilidades reais de conectarse co grupo cabeceiro. 

O primeiro troco serio da proba produciuse co intento de fuxida de Sebastyen Simon, que acelerou e puxo en apertos tanto a Jaime Duro como ao seu compatriota Horvath. Así e todo, ámbolos dous resistiron sen grandes dificultades. Na quinta portaxe, Duro e Horvath fuxiron da vixiancia de Simon, que deu mostras de fraqueza. Nesa penúltima volta, Horvath afundiuse e Simon volveu unirse no primeiro lugar con Duro, ata a portaxe. Nese momento, o pontevedrés acelerou o ritmo e deixou novamente ao seu acompañante.

O treito de río que o separou da liña de chegada permitiulle ir incrementando as súas diferenzas ata entrar en primeiro lugar destacado e erguer os brazos como triunfador. Por detrás, Piñeiro tamén superaba a un desfondado Horvath e descolgaba ao representante italiano para acceder á liña de chegada no terceiro lugar.

Jaime Duro suma un ouro e unha prata nos campionatos, entre a proba curta e a longa, e confirma o seu enorme potencial para probas de longa distancia. Pola súa banda, Piñeiro se suma á colección de metais da delegación pontevedresa e galega no maratón.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios