Javi Llorente regresa ao banco do Marín Peixegalego

O adestrador leonés retorna ao primeiro equipo marinense, mentres que Iván Villaverde será o seu axudante e seguirá exercendo a coordinación das categorías base do club
Javi Llorente. JAVIER CERVERA
photo_camera Javi Llorente. JAVIER CERVERA

Javier Llorente regresa ao Marín Peixegalego. O adestrador leonés será o novo responsable do banco do primeiro equipo marinense despois de dous anos e medio fóra do club, trala súa renuncia en febreiro de 2020. Desde aquela, o técnico mantívose vencellado á institución morracense, aínda que sempre nun segundo plano. 

O retorno de Llorente ao club producirá un troco na estrutura técnica que afectará, principalmente, a Iván Villaverde. O preparador pontevedrés deixará o seu lugar no primeiro plantel, pero seguirá dentro da entidade. A partir de agora, será coordinador da base, función que xa viña desempeñando nos últimos anos, e axudante de Llorente no primeiro plantel.

Llorente leva a meirande parte da súa vida vencellado á entidade marinense. Na campaña 2007-08 fichou como xogador. Retirouse no club de Marín nesa faceta por mor dos efectos das lesións e principiou a súa ligazón nos bancos de maneira inmediata.

Llorente foi o inquilino do banco da Raña desde 2012 ata 2020 e con el o club logrou un ascenso a LEB Plata e dous a LEB Ouro

Desde o curso 2008-09 estivo unido nas categorías base da entidade. Dirixiu os conxuntos cadete e xuvenil en cadansúa fase final dos Campionatos de España. Co primeiro bloque o Peixe foi subcampión nacional, nun dos máis grandes fitos da historia da entidade. 

Desde a campaña 2012-13, o leonés pasou ao banco da primeira escadra. Con el no banco, o club logrou tres ascensos: na campaña 2015-16 obtivo o salto a LEB Ouro. Na 2017-18 e na 2018-19, a entidade subiu dous chanzos, desde EBA ata Ouro, novamente.

O técnico estivo á fronte do plantel na campaña 17-18 na liga EBA, na que bateu o récord histórico de partidos consecutivos gañados na competición, nunha campaña impecable, sen ningunha derrota: os 30 triunfos na fase regular, o triunfo na final do grupo A e os tres enfrontamentos da fase polo ascenso celebrada na Raña.

A mala dinámica do equipo do curso 2019-20 en LEB e a súa longa traxectoria dentro do club, levouno a dimitir a finais de febreiro de 2020.

Comentarios