Javier Magariños, a autoridade do rugby pontevedrés

O exxogador do Mareantes convértese no único árbitro de categoría nacional da cidade dun deporte no que competiu ata antes da pandemia
Javier Magariños no pub Basset de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Javier Magariños no pub Basset de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Javier Magariños é a voz da autoridade do rugby pontevedrés. Desde hai unhas semanas pode presumir de ser o único árbitro lerezano de categoría nacional. Un pequeno fito conseguido por este exxogador do Mareantes RC que ten o corazón dividido entre Santiago e Pontevedra.

Maga, como así é coñecido no mundiño, viuse seducido polo asubío a década pasada grazas a arbitraxe de Paco Cobas, un colexiado que lle demostrou que impartir xustiza podía ser edificante. "Gustoume tanto a súa personalidade e a forma de levar o partido, que decidín probar". 

Daquela era xogador do Mareantes e comezou a compaxinar as dúas actividades: coa tensión propia de calquera xuíz, pero tamén con paixón. Foi desde as categorías máis baixas ata chegar ao rugby de máximo nivel estatal.

O descanso no confinamento permitiulle esquecerse dos golpes para sempre, sentir o benestar do repouso e evitar regresar ao campo de batalla. "Ao principio alternaba as dúas cousas. Pero coa pandemia decateime de que podía xirar o pescozo sen ter dor e optei por deixar de xogar a pasar a ser árbitro exclusivamente". 

"Coa pandemia decateime de que podía xirar o pescozo sen dor e optei por deixar de xogar e ser árbitro exclusivamente", explica

Foi facendo os cursos dos diferentes niveis, aprobándoos e dando o salto aos diferentes graos, ata que no pasado febreiro obtivo o título de categoría nacional.

Iso habilítao para dirixir partidos de División de Honor B, Honor Feminino e sub-23, ademais da máxima categoría, División de Honor. Polo de agora, a Federación confinarao a partidos de menor responsabilidade e rango. A máxima categoría deberá agardar, polo momento. "Estou en época de rodaxe", sinala.

Como colexiado presume dos seus excompañeiros, os xogadores. Dan sentido a aquilo de que o rugby é un xogo de viláns practicado por cabaleiros. "A conducta realmente é exemplar. O comportamento adoita ser excelente. Podes amosar dez cartóns amarelos ao longo do partido e rematalo e estar falando tranquilamente cos xogadores dese equipo durante o terceiro tempo, con total normalidade. É como debería ser en tódolos deportes sempre. As cousas tiñan que ser así".

E se o respecto polas regras, polo colexiado, polo rival  e polo xogo é tanto, por que fai falta un árbitro entón?

Maga racha co mito de perfección. En rugby tamén hai excepcións. "Sempre fai falta un árbitro. Primeiro, porque sempre hai de todo. Sempre hai algún xogador con peor intención que outros. E segundo, porque hai cousas das que non sempre somos conscientes cando estamos a xogar: ás veces non vemos un pase adiantado ou unha entrada pola liña de banda".

Como tódolos deportes, o rugby tamén cambiou. Cambiaron os campos, cambiaron as regras e cambiaron algúns usos. "Había uns anos, cando aínda xogaba eu, diciamos que todo o que estaba no chan era céspede". Se había un rival deitado e sufría un pisotón, todo o mundo aceptaba, vítima incluída, que o lance formaba parte do xogo. "As ideas pasaron de aí a un rugby máis entretido. As regras ademais modificáronse e concretaron moito máis algúns aspectos do xogo".

"Sempre fai falta un árbitro. Primeiro, porque sempre hai de todo no campo. E segundo, porque hai cousas das que non sempre somos conscientes cando xogamos", reflexiona

En xeral, os colexiados reciben máis comprensión e respecto ca protestas. "Non hai problemas. Os xogadores entenden que temos erros como árbitros igual que eles os cometen como xogadores".

Así se comprende que apenas haxa polémicas, mesmo en erros flagrantes, como o do galés Nigel Owens que lle serviu a Nova Zelandia para ser campioa do mundo cun ensaio tras un balón adiantado flagrante. "Decidiu recoñecer o seu erro e dar exemplo dirixindo partidos da 3 división infantil de Gales". Niso tamén son un mundo diferente. 

Como acontece con outros deportes, as federacións apostan para os retos internacionais por colexiados máis novos. Por iso adoitan promocionar promesas que poidan ter unha carreira máis dilatada. Maga, xa por enriba dos 40, non parece desilusionado con esa realidade porque "sería un soño, pero non é un obxectivo".

Comentarios