Jordi Carrasco, 'Impossible is nothing'

O atleta popular morañés Jordi Carrasco principiou a correr hai cinco anos, cando pesaba 105 quilos e despois dunha vida na que nunca fixera deporte. O pasado domingo rematou en sétimo lugar a Media de Pontevedra, cun rexistro de 1:13.17, cun peso actual de 62 quilos
Jordi Carrasco, no seu taller, cos tenis cos que rematou a Media de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Jordi Carrasco, no seu taller, cos tenis cos que rematou a Media de Pontevedra. DAVID FREIRE
Jordi Carrasco nunca fixera deporte na súa vida ata os 42 anos. Comezou a estudar Maxisterio con 18 e non tardou en descubrir que era un tipo de grandes retos. Aquel mesmo verán principiou a traballar na construción en Canarias. Regresou a Galicia a montou unha empresa de hortalizas e despois, outra de transportes. Botou 15 anos sentado na cabina dun tráiler, conducindo centos de quilómetros. Agora córreos.

Carrasco deixou atrás aquela vida: vén de vender o último camión. Agora adícase ao taller que posúe en Moraña, con varios empregados ao seu cargo. Ao mesmo tempo está a estudar oposicións. Dorme cinco horas diarias e é o tipo coa maior vitalidade e forza de vontade que pariu nai.

Non é de sorprender que fose quen de converterse nun atleta de alto nivel partindo da nada. O pasado domingo entraba na meta do CGTD de Pontevedra, na XXVI Media, na sétima posición, cun rexistro de 1:13.17. "Fixéronme correr 500 metros máis. Iso son case dous minutos", protestou sen perder o sorriso, ao comprobar que o seu GPS non marcaba os 21.097 regulamentarios.

Ata hai cinco anos, Carrasco nunca sudara facendo deporte. Como moito, nalgunha pachanga no recreo ou nas aulas de Educación Física. Andaba polos 105 kilos de peso. "Problemas físicos non tiña, a pesar de que estaba inmenso", lembra. Pero seu pai si. Padecía diabetes por causa do sobrepeso. A enfermidade estaba a acabar con el. "Non podía chegar así aos meus últimos anos. Vía a un veciño meu de 76 anos que corre e pensei teño que chegar a esa idade como este tipo". E desde aquel momento, comezou a súa carreira, a súa enésima lección de vida. Hoxe está nos 62 kilos.

Os comezos foron duros. "O primeiro quilómetro que fixen, debeume botar quince minutos facelo". Erguíase co corpo dorido polo esforzo cada mañá, pero neses primeiros meses, os máis complexos, non se rendeu.

"A carreira quitábame o estrés do traballo e ao mesmo e ao mesmo tempo vía que estaba a perder a barriga"

Pronto chegaron os resultados, sobre todo na vida persoal. "Pasei de que me custase baixar para cambiar unha roda, de sufrir a agora estar lixeiro como unha pluma. A carreira quitábame o estrés do traballo. Despois desa media hora ou 40 minutos que corría ao día, chegaba coa cabeza nova á casa. E ao mesmo tempo vía que me estaba a desaparecer a barriga", lembra.

Ao pouco tempo, xa estaba a conseguir rexistros só ao alcance duns elixidos. Aos sete meses, estaba a correr o quilómetro en catro minutos (ritmo que moitos corredores non acadan en toda a vida). Daquela andaba polos 80 e moitos quilos.

Ao ano e medio, con 80 kilos de peso, xa fixera 1h 17' nunha media maratón, na de Vilagarcía.

Pablo Díaz foi o seu primeiro guía, o seu primeiro adestrador, aínda que decidiu deixalo porque vía que comezaba a obsesionarse cos rexistros. "Agobíabame ter que facer determinados ritmos".

"A primeira maratón non me custou nada. Fixen 2h 47'. Hai xente que bota toda a vida para baixar das tres horas"

NOVOS RETOS. Ten entre cella e cella varios retos. O primeiro deles, bater os récords galegos do seu grupo de idade tanto en maratón (2h 27') como en medio maratón (1:10.40).

Como paso previo está a preparar a Maratón de Valencia, con Víctor Riobó, director técnico da Gimnástica. "Quería facer unha marca xeitosa, sobre 2h 30'".

Para lograr ese tempo, contará coa cooperación da lebre da fondista española Nuria Lugueros, que procura un rexistro de 2h 31' na carreira levantina.

Polo de agora só correu unha proba de 42 quilómetros, cunha marca de 2h 47'. "Non me custou nada. Fíxena asubiando. Fomos falando outro atleta e máis eu. Cheguei a Pontevedra e todo o mundo me dixo vaia tempazo. É que hai xente que bota toda a vida para baixar de tres horas!".

Adestra dúas horas diarias en Pontevedra. Descansa só os mércores e as fin de semanas fai unha quenda máis longa. "Creo que podería mellorar bastante. Estou a meterlle poucos quilómetros ao corpo. Nunca pasei de 100 á semana. Vexo que hai marxe", expresa optimista, sempre pensando en grandes horizontes aos seus 47 anos.

O último gran reto que ten en mente é participar nunha ultramaratón de 100 ou 150 quilómetros, paixón que descubriu despois de facer case 100 no Camiño dos Faros por relevos que acometeu coa xente da SD Compostela. Non ten límites.

A chave. Non come carne e bebe auga do mar
Jordi Carrasco fala en medio de fogóns, mentres elabora o seu propio xantar. "Hoxe toca verduriña e tofu. Menos carne, do resto vou comendo de todo. Buscamos as proteínas por outro lado, polo tofu e a soia", expresa o veterán atleta morañés, que é unha persoa cunha curiosidade insaciable, para quen a nutrición é parte fundamental do seu rendemento.

"Desde hai dous anos e medio non probo a carne. E o peixe, unha vez cada quince días. Nada de productos industrais, nada de fariñas nin cereais», anuncia. Iso si, para el é vital achegar outros elementos á súa dieta que os vexetais que merca non teñen nas cantidades recomendadas. "É moi importante suplementarse con magnesio, porque as hortalizas mercadas son demasiado artificiais e non teñen diso. O cerebro xa non che pide o azucre", expresa o fondista.

Sen dúbida, o máis chamativo de toda a súa dieta é a súa inxesta de auga do mar. Un 20 por cento dos líquidos que absorbe o seu corpo son auga mariña, líquido que protexe o sistema inmunolóxico e ten función isotónica.

Carrasco fixo virtude da crise do covid-19. Durante o confinamento, adquiriu moitos coñecementos. "Na pandemia empecei a ler e aprender sobre nutrición. Baixei dez kilos máis, que eran graxa. Agora, co nutricionista co que traballo, teño un 10 por centro de graxa corporal. Foi o último arreón para baixar máis de tempo".

A alimentación e o exercicio dalle toda a enerxía que precisa para estudar unhas tres ou catro horas diarias para ás oposicións, traballar unhas sete horas no taller e durmir unicamente unhas cinco ao día. Unha auténtica máquina.

Comentarios