Jorge Puig e Navarrete vencen na Pinga Pinga

O atleta do Atletismo Santiago e a corredora do Fútbol Club Barcelona foron os máis rápidos dunha proba con medio milleiro de deportistas
(_G4A5844.JPG) Carrera Pinga Pinga amplia cobertura A las 17 son las carreras absolutas antes hay menores
photo_camera Un instante de la prueba. GONZALO GARCÍA

Jorge Puig, do Club Atletismo Santiago, e Esther Navarrete, do Fútbol Club Barcelona, venceron a décimo segunda edición da Pinga Pinga que onte se celebrouen Santomé de Piñeiro, co campo de fútbol da parroquia como centro neurálxico.

Clasificación
Clasificación

Puig empregou 25 minutos e 38 segundos en percorrer os esixentes 7,5 quilómetros do percorrido e desfíxose dos seus rivais paso a paso ata chegar en solitario á liña de meta. Detrás del, a máis de medio minuto, apareceu no céspede sintético do Chan do Piñeiro o representante da Sociedad Gimnástica de Pontevedra Manuel Lorenzo, cun rexistro de 26:02, mentres que na terceira posición rematou un clásico do fondo e as carreiras populares de Galicia, Akka Essaadaoui, que fixo un tempo de 26:57.

Puig marcou un ritmo elevado que foi peneirando o grupo metro a metro ata formar un cuarteto no que estaban el e os dous compañeiros no podio, ademais do cuarto clasificado, o veterán Abel Barros, do Atletismo Moraña, que como é habitual nel logrou o primeiro posto no seu grupo de idade, Master B (maiores de 45 anos).

Puig puido realizar os últimos quilómetros en solitario e sen a presión dos seus perseguidores para entrar na liña de meta cos brazos en alto. 

Non moito despois dos catro mellores homes compareceu na liña de chegada a primeira muller. Esther Navarrete proclamouse campioa con absoluta autoridade, como era de prever dado o seu nivel e a lista de inscritas. A viguesa do Barcelona rematou cunha marca de 29:06. Fixo a carreira incrustada en grupos de homes e sempre con gran vantaxe con respecto ás demais mulleres. Detrás dela, no segundo lugar, cunha marca de 30:52, compareceu na meta Sandra Mosquera, do Atletismo Comesaña. A terceira praza do caixón feminino correspondeu a Beatriz Fernández, do Corredoiras, cun tempo de 32:06. As tres estiveron entre os 27 máis rápidos totais da carreira.

Un tempo solleiro, se cadra caloroso de máis para a práctica atlética, acompañou aos deportistas por un terreo con grandes desniveis, costas de subida e baixada nunha proba xa afianzada dentro do calendario de probas populares da Federación Galega e recoñecible pola esixencia.

Un total de 155 deportistas tomaron parte na carreira de categoría absoluta. Pero ademais deles, houbo unha grande participación da rapazada nas diferentes probas que se levaron a cabo. Os sub-14 e sub-16, un total de 75 participantes, completaron un circuíto tamén esixente sobre unha distancia de dous quilómetros.

Máis novos. Menos tiveron que percorrer os rapaces e rapazas das demais categorías: sub-12, sub-10, pitufo e chupete. As catro distancias leváronse a cabo no propio céspede do campo de fútbol de Chan do Piñeiro, coa presenza dos pais dos deportistas e unha grande afluenza de público que puido gozar coa actividade dos atletas.

Os máis pequenos da casa puideron realizar a carreira de 100 metros para os chupetes, acompañados polos seus pais, no que foi unha nova festa deportiva e atlética na localidade, baixo a dirección e organización do CD Pinarium.