Juan Pedro Trujillo vence con autoridade a Epic Race 2022

O experimentado biker cordobés superou con claridade ao luso Bruno Rosa nunha proba na que o Abrunheira Bike Team venceu por tríos e o AD Fornelos se impuxo na categoría de parellas 
Momento da saída de Epic Race. RAFA FARIÑA
photo_camera Momento da saída de Epic Race. RAFA FARIÑA

O ciclista cordobés Juan Pedro Trujillo proclamouse vencedor da Epic Race Pontevedra 2022 na distancia longa, de 300 quilómetros, que transcorreu polas montañas da comarca de Pontevedra e das colindantes.

O experimentado biker andaluz estivo acompañado no podio polo portugués Bruno Rosa e por Javier López. 

O andaluz mantivo o man a man con Rosa na primeira etapa, na que o ciclista luso mesmo chegou a rematar na primeira posición, cuns segundos de vantaxe no primeiro paso cronometrado situado en Meaño.

Sen embargo, xa no segundo punto intermedio, ao remate da segunda etapa, en Portas, o líder da Copa de España Máster xa mandaba cun certo colchón de tres minutos sobre o seu rival. Os demais corredores das probas individuais circulaban a anos luz dos dous principais protagonistas da proba.

A distancia foi incrementándose paseniñamente, etapa a etapa, ata que o gañador chegou á liña de meta, xa na madrugada do domingo, superadas por un cuarto de hora as doce da medianoite.

Pouco despois chegaba o seu único contrincante polo triunfo. Javier López fíxose co terceiro lugar do caixón nunha cita na que só remataron a distancia longa en categoría individual 30 ciclistas. Entre eles, ningunha muller.

Na clasificación por tríos da proba de longa distancia, o triunfo correspondeu ao Abrunheira Bike Team do país veciño, que bateu nun emocionante treito final da competición ao Bicilab. O Gasóleos Cantalejo concluíu no terceiro lugar da proba.

Nas parellas, o AD Fornelos fixo bo uso do coñecemento do terreo para impoñer a súa lei, por diante do Venimos por la Cerveza e o Armenteira e Punto. 

José Pacheco venceu a proba de 200 quilómetros, na que Lorena Fernández foi a muller máis rápida

Na distancia curta, os 200 quilómetros individuais, a vitoria foi para José Pacheco, seguido de Agostinho Cunha e Rui Rocha Rego. Acento portugués na proba. Rego púxolle as cousas complicadas ao comezo ao vencedor, que pouco a pouco acabou fuxindo e vencendo con grande autoridade cun rexistro de 9 horas e 38 minutos.

A Casa do Pobo de Abrunheira levou a vitoria nas parellas de 200 quilómetros. No podio estiveron xunto a eles Malga Brothers e Cycling Team Monçaobike. Lorena Fernández foi a mellor muller na categoría feminina da distancia curta.

A competición concluíu de madrugada e tivo punto de partida e chegada no centro de Pontevedra, na Avenida de Montero Ríos, onde chegaron de madrugada os últimos competidores que foron quen de superar as dificultades do terreo.

Sete etapas serviron para dar forma aos 300 quilómetros e 5.500 metros de desnivel positivo que deberon atravesar os deportistas. Meaño, Portas, Moraña, A Lama, Mondariz e Redondela foron os pasos intermedios dunha carreira que atravesou dezaoito concellos diferentes durante a xornada do sábado e parte da madrugada do domingo. Os ciclistas atoparon unhas boas condicións para a práctica, con algo de chuvia.

Comentarios