Juan Saavedra, á procura da gloria en Tokio

O pontevedrés loitará polos postos de honra na proba de carabina de aire tendido 10 metros nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020
Juan Saavedra recibido por Lores e Tino Fernández antes de viaxar a Tokio. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Juan Saavedra recibido por Lores e Tino Fernández antes de viaxar a Tokio. BEATRIZ CÍSCAR

Juan Saavedra afronta na madrugada do mércores a loita polo seu segundo metal paralímpico nos Xogos de Tokio 2020.

O tirador pontevedrés competirá na proba de carabina de aire tendido 10 metros R3 co obxectivo de filtrarse no grupo dos mellores, no que será a primeira das dúas probas nas que porá a proba as súas habilidades. O día 5 de setembro terá a súa segunda opción desta traxectoria olímpica.

As clasificatorias da proba darán comezo ás 9:30 da mañá xaponesa, que veñen a ser as 2:30 da madrugada na España peninsular. Nesa primeira rolda, Saavedra loitará por unha praza na final como parte dun grupo de 50 participantes. O medallista pontevedrés disparará nas clasificatorias desde o punto de disparo número 17.

Os competidores terán que realizar seis series de dez disparos cada un para obter a mellor puntuación acumulada coa fin de obter o pasaporte para disputar a final. A dificultade non só estará na precisión esixida, senón na velocidade de disparo, xa que os competidores terán o tempo limitado en cada unha das quendas que deben afrontar.

No caso de obter resultados favorables na ronda preliminar e acceder á pelexa polos metais, Saavedra volverá competir ás 11.30 hora local nipona, 4.30 da madrugada hora pontevedresa, para pelexar polas preseas.

Esta competición, a diferenza da dos 50 metros, levarase a cabo nunha galería pechada de tiro, polo que non se verá afectada polas condicións atmosféricas, de luz, temperatura e vento que condicionan a percepción e a precisión dos disparos nas competicións ao aire libre.

Saavedra afronta a súa quinta participación nuns Xogos Olímpicos e pode presumir de estar no selecto club dos medallistas. Obtivo a prata en Londres 2012.

Chega como un dos moitos candidatos a facerse cos metais, nunha competición na que existe unha grande igualdade entre tódolos participantes. "La sensación de favoritismo nunca termino de tenerla, porque al final muchos de mis compañeros son tan buenos como yo".

Venceu a Copa do Mundo de tiro en 2018, na que parece a modalidade máis axeitada para as súas habilidades, o disparo con carabina tendido de 50 metros, na que obtivo o seu metal en Londres e na que tamén optará ao máximo en chan xaponés.

Saavedra competirá nas mesmas condicións que a meirande parte das modalidades olímpicas en Río, sen a presenza de público nas instalacións para preservar a seguridade dos deportistas e dos cidadáns por mor da pandemia. Unha mágoa para o propio deportista pontevedrés, que non evita a responsabilidade de optar ao podio, aínda que lembra que unha competición de tiro é unha das máis abertas que existe no certame olímpico.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios