Juancho Hernández e Iván González, os pioneiros do Galaico Sincro

Iván é o primeiro rapaz de Galicia en participar nun dúo mixto de natación artística, modalidade na que Juancho tivo que superar moitos prexuízos para poder practicala 
Juancho Hernández e Iván González diante do Complexo Deportivo Rías do Sur. GONZALO GARCÍA
photo_camera Juancho Hernández e Iván González diante do Complexo Deportivo Rías do Sur. GONZALO GARCÍA

Juan David Hernández Niño (1999) e Iván González Costas (2011) tiraron a porta abaixo. Son dous dos grandes pioneiros da natación artística masculina de Galicia e ámbolos dous defenden as cores do Galaico Sincro.

Dous rapaces que practican unha modalidade case exclusiva para mulleres e que levantaron unha barreira social para unha práctica deportiva que aínda poucas persoas son quen de asociar a homes.

Iván, de feito, formou parte do primeiro dúo galego mixto da historia da modalidade. Todo un fito do que pode presumir. 

Comezou probando co atletismo e a natación en liña, pero pronto descubriu que as figuras na auga eran o seu. "Las veía y me gustaba y pensaba. Eso es para mí", explica o miúdo competidor do Galaico, que ao pouco de coñecer a nova modalidade, decidiu dar o paso e probala. "Me gustó más que cuando lo veía", recoñece, poñendo en valor non só a actividade deportiva, senón o factor social, a formación de amizades a través do deporte.

Juancho descubriu a artística cando aínda se chamaba sincronizada. Hai unha década, en pleno éxito do equipo español, quedou abraiado coa estética e o espectáculo da súa modalidade. "Lémbrome do Mundial 2011 e posteriormente os Xogos Olímpicos de Londres 2012, nos que tamén me gustou moito este deporte. Facía natación, pero atraíame moito máis a artística", admite.

O tempo pasou para el e foi quen de soterrar os prexuízos. "Medrei e o que dirán empezou a importarme menos. Chegou un momento no que me dixen teño que probalo. Non pode morrer sen intentar facer isto". E hai ano e medio deu o paso e entrou a formar parte do Galaico Sincro.

Agora segue botándolle unha man ao Galaico nalgunhas competicións de natación, "lévoo facendo desde os seis anos", pero está centrado nas rutinas da artística que o cautivou pola súa mestura de elegancia, ritmo e dificultade no seu hábitat natural, a auga.

Juancho Hernández: "Cando o vin por primeira vez, converteuse nunha obsesión"

"Sempre me gustou moito a música e encántame estar dentro da auga: é a miña sensación favorita. Cando o vin por primeira vez, converteuse nunha obsesión. Metinme de cheo, vin tódolos campionatos. Sempre quixen intentalo, pero non daba o paso".

Sobre todo, é disciplinado. Algo que lle dá tanto "require de moitas horas, pero como me gusta tanto, non me importa meterllas".

A diferenza xeracional entre os dous rapaces do Galaico Sincro levou a que os dous tivesen maneiras diferentes de acceder ao deporte.

Con Iván, ninguén se mete, todo o mundo entende que simplemente practica o deporte que lle apetece, que lle gusta, que pode formar parte da súa vida. Afírmao con absoluta naturalidade. Parece que a sociedade xa deu algún paso. 

Para Juancho, o tempo de espera foi algo menos sinxelo. De feito, tivo que experimentar a estraña impresión de sentirse fiscalizado. "Lembro que cando facía natación e era máis novo, remataba os adestramentos e gardaba un pouco de enerxías para intentar facer o que fago agora. Os meus compañeiros víanme raro e o meu adestrador preguntábame que estaba a facer. Cando medras, comeza a darche todo igual e tes máis personalidade, elixes o que che gusta. Os demais pregúntanche Fas iso?, ti dislles claramente que si e non hai máis", expresa o máis veterán dos dous nadadores.

Teñen por diante o reto de seguir adiante, de seguir gozando e de axudar a que pouco a pouco a porcentaxe da presenza masculina na artística medre. E ademais, Iván ten o soño de seguir conseguindo grandes resultados e participar de momentos históricos. O seu seguinte soño é formar parta da selección española. Para iso traballa e adestra a diario.

"Teríame gustado que cando eu tiña dez anos fose algo normalizado para poder dar o paso máis novo"

E ademais tiveron a fortuna de que o seu club lles abriu a porta de par en par. "No Galaico Sincro sempre nos animaron". Porque para eles non se trata de homes ou mulleres, simplemente trátase de deportistas.

Como sucede con moitas actividades e modalidades, nas que os pioneiros non pretendían selo, Juancho Hernández e Iván González non se propuxeron facer natación artística para demostrarlle nada a ninguén, nin sequera para abrir unha porta que estaba ben pechada. Simplemente principiaron a facer artística porque lles gustaba e apetecía.

"Non o fixen por iso, pero son consciente de que son das primeiras persoas e no campionato de España fun o primeiro. Animo á xente á que lle guste isto a que o practique. Teríame gustado que cando eu tiña dez anos fose algo normalizado para poder dar o paso moito máis novo", explica o máis veterán dos dous, que atopou máis atrancos có seu pequeño compañeiro.

A el aínda lle custou dez anos dar o salto. E os pais non tardaron en decatarse de que sempre que unha decisión beneficie o estado de ánimo e o crecemento dunha persoa, é á mellor.

"Ao principio custoume dicirllo aos meus pais. Pero despois xa ían vendo como melloraba e agora están moi encantados e sorprendidos de como son quen de facer certos exercicios. Agora vese case con total normalidade. Canta máis xente se anime, mellor".
 

Comentarios