"Agora sinto que volvo ser de novo Julia Vaquero"

A atleta guardesa será a madriña da Carreira da Muller que se celebra o 15 de maio en Pontevedra, despois do seu retorno ao atletismo que se produciu tras 20 anos de inactividade
Julia Vaquero competindo nun cros en Lugo en xaneiro
photo_camera Julia Vaquero competindo nun cros en Lugo en xaneiro. EL PROGRESO

Unha das máis grandes estrelas do atletismo galego de sempre será a madriña da Carreira da Muller 5-K de Pontevedra. Pero, malia os seus rexistros e os seus logros, Julia Vaquero é sobre todo recoñecida polo seu exemplo de superación na loita contra os seus problemas de saúde mental derivados dunha vida chea de obstáculos e complexas vicisitudes. Máis de 20 anos despois da súa retirada como atleta de máximo nivel, retornou á competición no fondo atlético e agora tamén no duatlón: un exemplo para calquera deportista e, sobre todo, para toda muller deportista.

Que significa para vostede ser madriña da Carreira da Muller?

Ilusionoume e máis sendo desta zona, de preto da casa. Gústame Pontevedra, ademais, porque fai máis calor ca na Guarda. Estou ilusionada. Este retorno estáseme a dar bastante ben e como muller que son, teño ganas de estar na saída con todas esas mulleres que van participar. Síntome contenta e agradecida.


Que reporta correr? Que lle diría a unha muller para que estea na saída en Pontevedra o 15 de maio?

As mulleres en ocasións teñen problemas co seu físico e é verdade que custa empezar. Pero hai anos isto era moito peor. Que empecen, que o proben. Facer exercicio engancha. É unha maneira máis de gozar, de pasalo ben. Hai moitos estereotipos sobre a muller e o seu físico. O deporte pode servir como terapia alternativa ou desestresante en calquera tipo de traballo.

Había diferenza entre homes e mulleres no atletismo que coñeceu Julia Vaquero?

Había moita discriminación. A Alejandro Gómez dábanlle 500.000 pesetas por ir a un cros e a min dábanme 300.000. Eu daquela non puiden apoiar a Estela Estévez cando decidiu non correr unha proba da Asociación Nacional de Cros. Non me deixaron. Dixéronme que non me metese en leas.

"Na miña época había discriminación. A Alejandro Gómez dábanlle 500.000 pesetas por ir a un cros e a min, 300.000"

Como foi o regreso ao deporte?

Difícil nos primeiros meses. Axudoume moito o ciclismo. Foi a miña salvación cando me custaba correr debido á fractura de estrés que tiven no pé dereito. Pénsoo e se non fose atleta, tería sido deportista doutra modalidade. Agora hai actividades extraescolares e aos nenos oriéntanos. Eu non sei nin por que corrín. Daquela miña avoa dicíame. ‘Onde vas, que vas romper as pernas?’. Agora estou descubrindo que dentro de min hai un talento deportivo: no seu tempo co atletismo e agora tamén o vexo co ciclismo, que se me dá ben. Síntome moi ben cada vez que fago un bo adestramento. Volvo ter as mesmas sensacións que tiña cando era deportista de alto nivel. Gústame esa sensación de ter o corpo desfeito, moi canso. Significa que o estás a facer ben. Estou volvendo a ser protagonista, ou coñecida. Non é tan fácil ser Julia Vaquero. Non é tan fácil de xestionar. Tamén estou a descubrir a evolución dos materiais deportivos e os adestramentos. Por exemplo, sen o adestramento cruzado sería imposible facer todo o que estou a lograr. 

Canto ten que ver o seu adestrador na súa evolución?

Teño a sorte de ter atopado a Franc Beneyto. Eu só tivera un adestrador antes e Franc é un gran adestrador. Na distancia sabe conectar contigo. Franc regaloume uns tenis sen talón, deseñados por el mesmo, para mellorar a técnica de pisada e evitar lesións e corrixir problemas. Ao comezo custoume, pero agora éme máis doado: o corpo ten memoria e tódalas experiencias de cando corría estanme a servir como estratexia psicolóxica para seguir. 

Como e cando decide volver?

Foi todo por intuición. A intuición é a que me move a tomar moitas decisións. Tamén no tema da miña saúde mental. Visitei moitos psicólogos ata que atopei realmente o que soubo entender o que pasaba. Aínda sigo a ter moitas guerras e moitas miserias que non é doado superar. Pero iso dalgunha maneira é o que me dá forza para adestrar: a rabia que levo dentro, o odio, o dicir que non puideron comigo. No meu contorno a moitos parece que lles quedou a idea de que ‘Julia está mal da cabeza’. Pero afortunadamente agora a xente apláudeme cando me ve. 

Que lle dicía a súa intuición ao respecto do retorno?

Sentín a necesidade de correr. Foi cando empecei a poñerme ben e cando comecei a recuperar a autoestima. Despois foi cando apareceu Franc na miña vida.

Como foi?

Foi a través de Pepe Rivas, un amigo de Franc que é de Ibiza e que se puxo en contacto comigo para participar nunha milla de alí.Daquela sentíame como se como se fose unha delincuente, sentía vergonza de ser Julia Vaquero. A raíz de aquilo, el faloulle a Fran de min. Franc púxose en contacto comigo, mandoume os seus tenis e envioume a súa planificación. Eu conteille a miña historia: as dificultades que tiven e que me fixeron abandonar. Afortunadamente agora estou nun contorno de persoas que me queren e aprezan e que me están a axudar.

"Estou volvendo a ser protagonista ou coñecida e non é tan doado ser Julia Vaquero"

Disfruta correndo?

Si e non. Cústame. A min non me gusta adestrar. A aparición de Fran foi vital para min. Cústame adestrar os días de frío e chuvia. Comecei a gozar sobre todo na bicicleta. Grazas a ela, botei moitos diaños fóra. Era descubrir un novo deporte que se me daba ben e do que non tiña ningunha referencia. Cando Fran destacaba os bos adestramentos que facía era un grande estímulo. Agora que estou metido no mundo do ciclismo, debo dicir que ser ciclista de alto nivel é moi duro: como tamén me esixo, quedo reventada. Se non exprimo o corpo ao máximo, non acabo ben. 

De onde lle vén esa capacidade de exprimirse?

Eu creo que xa desde pequena, de aprender a sufrir. Meu pai era ludópata e matárono por un axuste de contas, cando eu tiña doce anos. Tiven que recoñecer o seu cadáver. As miñas carencias veñen por aí. Ficamos sen nada e o meu refuxio foron os estudos. 

Creo que ten unha filla que tamén comeza a correr.

Si. De feito Franc estalle a facer tamén un plan de adestramento por deporte e por saúde. Ela ten morfoloxía de deportista. Ten as miñas propias pernas. É alguén moi importante para min. 

Que sentiu vostede na primeira carreira que fixo despois de tantos anos?

O director da revista Corredor (Alex Calabuig) invitoume a unha media maratón en xuño pasado, en Granollers. Alí foi onde coñecín persoalmente a Franc. Custoume moitísimo. Foi moi duro retomar esas sensacións, pero tamén moi ilusionante logralo. 

E cando cruzou a liña de meta, tivo moita satisfacción? 

Estiven a piques de retirarme. Os últimos cinco quilómetros fixéronse eternos. Puiden rematar e foi unha satisfacción. Ao día seguinte estaba que non podía…pero encántame sentir que non podes máis. 

Como definiría esa primeira maratón que disputou en Valencia e para a que adestrou tanto? 

Un exame. Estaba moi nerviosa. Sei que non tiña por que pasar nada se non me saía, pero tiña que saírme. Tiven a sorte de ter a Carlos Iscar de lebre. Tiña medos. O meu pé doíame. Eu sabía que había alguen que desexaba que non acabase. Pero teño a sorte de ter aí á miña parella, Lino. Coñecino o día anterior a cumprir os 25 anos do meu récord de España. É unha persoa que fai que me sinta ben. É moi tranquilo e transmítemo e iso axudame moito. Cando me ve adestrar sempre me di: ‘carallo para a muller de 51 anos!’. E aturarme antes dunha competición non é sinxelo. Teño moitos nervios e o meu carácter. E teño que facelo ben porque, queira ou non, son Julia Vaquero. Penso que me miran con lupa, e non é así.

"Cheguei a sentirme como unha delincuente, a sentir vergonza de ser Julia Vaquero"

Pasáronlle os seus medos durante a disputa da propia maratón?

Foi emotiva esa carreira, pero seguía co temor. Quería acabar. E tes que estar preparado para facelo. E aínda estándoo, como xestiones mal o ritmo ou teñas un día malo podes quedar á metade de proba. Logo, meterte en carreira e verte nunha maratón desas dimensións é incrible. E está o tema da miña ignorancia: chamoume a atención o das lebres que van cos globos marcando os tempos. Cando vin que ía para acabar en 3h10’, alucinei. Estaba moi pendente de como rematar, porque fixera tiradas de 35 quilómetros, coa axuda de Lino, que ía na bicicleta supervisándome. Nos últimos quilómetros custou. Pero como Carlos era de alí e a xente nos animaba, iso deume forza. Cando chegas, a satisfacción é enorme. 

Cambiaría a súa situación se fose unha atleta da actualidade, coa importancia que se lle dá á psicoloxía e que non se lle deu cando era deportista de alto nivel?

Seguramente sería diferente. Pero iso non se pode cambiar. A atención que hai agora non a había daquela. Aínda así, a chave de todo isto é atopar un bo terapeuta no que confiar. Eu cando cheguei a Rego -o psicólogo que traballa con ela actualmente- temía que fose coma os anteriores. Foi vital. El dime que teño moito camiño andado e que se sobrevivín a todo, a partir de agora será máis fácil. Estou a ler moitos libros relacionados co tema do maltrato, do machismo, sobre todo do empoderamento, que é unha palabra que antes non existía, e de como se programaba con anterioridade a unha muller sumisa. Hai aínda moitas mulleres que sofren esas circunstancias.

Dicía que non é doado ser Julia Vaquero. Agora que lle fan moitas entrevistas e que saíu o documental, como o leva?

Ponme nerviosa. Gústame tamén porque se ve o que hai. Preguntáronme se me deron diñeiro polo informe Robinson. Non me deron nada. Hai quen pensa que cobro moito... O nerviosismo non só é polas entrevistas, senón porque está a volver esa competititividade que tiña. Son moi perfeccionista. Cando fago algo, gústame facelo o mellor. 

Séntese protagonista dunha película con todo isto do documental, co seu regreso e co feito de que se coñecese a súa vida?

A min gustaríame plasmalo, si. A xente segue a felicitarme polo documental. Se conto toda a miña historia, daría para unha película. Pero tamén penso no futuro. En Sevilla 99, cando o deixei todo, sabía que naquel momento chegara a fin. E agora teño 51 anos e cústame moito adestrar en inverno. Téñolle medo ao futuro. Sigo sen vivir disto. Pero tal como me esixo, non é sinxelo facer un traballo e compatibilizalo co adestramento. Cando eu o deixei, o traballo sobre a saúde mental estaba en cueiros. No documental emocioneime lembrando. Hai tempo quixen acabar con todo e agora volvo sentir a vida, a estar conectada con ela. O seguinte paso é mellorar a Lei do Deporte para que non haxa situacións de desamparo como a que vivín eu.

"Se conto toda a miña historia, daría para unha película"

Cre que dalgunha maneira a súa vida pode ser inspiradora para outras mulleres con dificultades ou que padecesen problemas semellantes ao que sufriu vostede

Seguramente o trastorno bipolar que me diagnosticaron non o tivese, pero depresión si, e moi gorda. Moito. Cando estás así, só queres fuxir. E isto que me sucede agora está a acontecer para sanar esas feridas que teño.

Está orgullosa de todo o que conseguíu na súa carreira e do que está a lograr agora?

Daquela fíxeronme crer que corría por min e eu crino. O deporte agora estame producindo a recuperación dese valor, a capacidade de esforzo e superación e o recoñecemento do meu potencial xenético a nivel deportivo. Eu non cría todo iso e ese talento dentro de min. E Franc mírame e ten a capacidade de ver o meu potencial. O que me dá a forza cando saio a adestrar son as emocións de pensar que querían acabar comigo e non o lograron. E descubrín que unha gran porcentaxe do talento e da fortaleza do deportista é a psicoloxía. 

Que saca de todo isto?

Que non pasa nada por ter unha enfermidade mental. Agora sinto que volveu o respecto. Sinto que agora son de novo Julia Vaquero.

E puido descubrir a moita xente que a apoiou, como Franc Beneyto ou a súa parella... 

Moita xente me animou e me axudou, pero debo dicir que en Galicia non me trataron moi ben. Parece mentira que sexa da Guarda. Unha marca deportiva valenciana fíxome roupa personalizada. Chámase Faster. Non sei que me pasa coa Comunidade Valenciana, que me tratan moi ben. A bicicleta que teño veu de alí, dun amigo que adestra con Franc Beneyto. E unha casa de seguros fíxome roupa e púxolle o nome de Julia Vaquero.

Comentarios