Kilian Ramírez xa é azul

O porteiro canario, internacional español en categorías inferiores, convértese na penúltima fichaxe da SD Teucro ▶ O club agarda por un lateral dereito para pechar o seu plantel
Kilian Ramírez. ADP
photo_camera Kilian Ramírez. ADP

A Sociedad Deportiva Teucro vén de anunciar a fichaxe do porteiro canario Kilian Ramírez para a próxima temporada. O arqueiro canario convértese na penúltima peza do quebracabezas que os responsables deportivos do equipo tiveron que montar durante o verán debido ás baixas e carencias do colectivo, que voltará militar a próxima temporada na División de Honor Prata.

Ramírez naceu o 2 de xuño de 1998. Ten 23 anos e unha notable traxectoria a pesar da súa curta idade. A súa estatura (1,90), é unha das súas armas baixo paos.

Ten internacionalidades con España nas categorías promesas, júnior e xuvenil. Formou parte da España que obtivo o subcampionato do mundo xuvenil. Os seareiros do balonmán español lembrarano pola súa presenza no Campionato do Mundo Júnior que a cidade de Pontevedra acolleu no verán de 2019.

Canto a clubs, o arqueiro illeiro formouse no Balonmano Remudas da súa rexión, antes de dar o salto á Liga Asobal. No Ciudad Encantada de Cuenca competiu durante tres cursos. En un deles proclamouse subcampión coa súa escadra.

A última temporada pasouna no Villa de Aranda. Unha lesión cortou a súa evolución nos últimos tempos. Agora agarda poder dar o mellor de el mesmo na cidade de Pontevedra, ás ordes de Irene Vilaboa.

O mozo comentou en declaracións para o departamento de prensa do propio club que se atopaba «contento de poder formar parte de este equipo».

As súas metas non tan humildes como importantes: "volver a jugar después de este tiempo y, segundo, aportar mi granito de arena al conjunto".

Ramírez competirá polo posto con outro xogador procedente das Illas, neste caso das Baleares. O Kilian Ramírez. rafa fariña alemán Joshua Rau, que chegou á beira do Lérez procedente do Sispal Handboll mallorquín, será o seu adversario na batalla pola titularidade e polos minutos. A priori, unha parella de moitas garantías para defender o marco azul.

Coa chegada do novo gardarredes, o Teucro ten practicamente pechado o plantel de cara ao próximo curso.

Só lle falta redondear o pastel coa adquisición dun lateral dereito. A baixa de Roi Sierra, sumada ás de Diego Martínez e Samu Pereiro deixou a primeira liña con máis carencias de efectivos das que xa tiña no pasado curso.

Nese senso, a incorporación de Gonçalo Morais y Álvaro Moreno chegaron para paliar esas deficiencias e únense a Marko Dzokic e Álex Pereiro como xogadores de referencia.

O colectivo da cidade do Lérez márcase o obxectivo da permanencia nunha competición que subiu o seu nivel despois do descenso de catro escadras de Asobal no pasado curso.

Aprobado contra o Lavadores
O Balonmán Lavadores foi o rival da Sociedad Deportiva Teucro antes de onte no compromiso estival para preparar o comezo ligueiro da escadra azul. O Teucro venceu con claridade facendo valer a súa superior categoría fronte a un adversario de Primeira Nacional.

O duelo levouse a cabo sen público, a porta pechada. O resultado foi de 41-32 favorable aos intereses do conxunto de Irene Vilaboa. Serviu para que as novas adquisicións se fosen acoplando aos seus compañeiros e aos mandamentos da técnica, que ten por meta incrementar a intensidade do xogo dentro da súa proposta de estilo.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios