Pablo Dapena: un legado para a eternidade

O pontevedrés retírase como un dos mellores especialistas españois da historia na media e longa distancia, na que se fartou a gañar
Pablo Dapena, en Potevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Pablo Dapena, no Campionato do Mundo de Pontevedra, no que rematou na segunda praza. RAFA FARIÑA

Entre bágoas, Pablo Dapena González atravesaba a súa última liña de meta en Ibiza. O pontevedrés puña fin cun terceiro posto a unha traxectoria vencellada á alta competición. Remata unha etapa brillante para deixar paso á súa vida privada e a outras ocupacións profesionais.

Dez anos mergullado na elite do tríatlon, un título Mundial de longa distancia, un subcampionato mundial na casa, o título no circuíto organizado pola franquicia Challenge Family, na que logrou varios triunfos e numerosos podios, dous podios europeos, postos notables en Copa do Mundo e Copas de Area de tríatlon e algunhas participacións nas Series Mundiais xunto aos mellores especialistas universais da distancia olímpica resumen unha traxectoria deportiva envexable para un dos grandes do deporte local pontevedrés.

Detrás da estrela xorde o neno que comezou a nadar no Club Natación Pontevedra hai máis de dúas décadas. Daquela anunciaba boas maneiras na piscina e competía co club nas probas de liga e en certames nacionais. Despois de obter notables resultados no ámbito autonómico nunha dilatada carreira como nadador, decidiu rematar coa piscina antes de que a piscina acabase con el.

A transición ao tríatlon tardou máis en producirse do que lle aconteceu a outros especialistas que deron o salto.

Marchou a estudar a Hungría e alí descubriu que, se cadra, tiña cualidades para a carreira. De regreso a Galicia, convencido polos seus amigos José Costal e Isaac Rodríguez, decidiu probar fortuna nas disciplinas combinadas e atopou o respaldo do adestrador e preparador físico Fernando Zarzosa. En pouco tempo comezou a obter notables resultados en acuatlóns autonómicos e mesmo nacionais e en tríatlons.

Aos tres anos lle chegou o seu primeiro gran test internacional. En 2013 xa estaba a competir en certames de Copa de Europa. En Portugal, en Quarteira, un 6 de abril, iniciaba a súa andaina nos grandes eventos combinados.

Daquela estaba centrado no tríatlon olímpico: distancias máis curtas, drafting na bicicleta e probas nas que a estratexia cobraba máis relevancia. Ese mesmo agosto xa obtén a prata na Copa Panamericana de Bahía Inglesa, no medio dun elenco de deportistas iberoamericanos.

Ao ano seguinte debuta na Copa do Mundo en Hawai e sobe por primeira vez ao podio do Campionato de España, por detrás de Uxío Abuín. Xa pelexaba cóbado con cóbado con algúns dos mellores do mundo e adestraba coa referencia cercana de Gómez Noya. Tarde ou cedo tiña que chegarlle o momento das Series Mundiais. Ese foi en Ciudad del Cabo, unha capital de boas lembranzas para el. Alí gozou, fixo un trixésimo primeiro posto e confirmou unhas notables capacidades. Nese 2015 logrou dous top ten de Copa de Europa e completou en Hong Kong a presenza en probas das Copas dos cinco continentes.

Remata 2016 competindo na Gran Final das Series Mundiais de Cozumel e alí despídese para sempre do gran evento do tríatlon olímpico.

TRANSICIÓN. Ao ano seguinte comeza a transición á longa distancia. O esforzo da distancia olímpica non era tan rentable para el. Dapena era home de percorridos máis longos. Así que elevou a aposta e ampliou horizontes. E apostou pola media distancia, polo 70.3 millas.

O seu comezo non puido ser mellor na longa distancia, ao lograr o Campionato de España no mesmo lugar no que puxo fin á súa carreira, Ibiza. Antes xa fora subcampión nacional da media distancia e lograra o triunfo no tríatlon de Vitoria, tamén 70.3.

Desde aquela, afianzouse dentro do Circuito Challenge Family, e tomoulle o gusto á nova distancia con éxito.

2018 foi un ano espectácular para o pontevedrés. Comezou cun segundo posto en Roma, para despois triunfar nos Challenge Mogan de Gran Canaria por diante de Patrick Lange e no de Lisboa. Segundo en Salou esa primavera, estaba incubando algo realmente prodixioso. E iso chegou no momento culminante da súa carreira, o Campionato do Mundo de longa distancia o 14 de xullo, na localidade dinamarquesa de Fyn, a carón de Odense.

Praga, Finlandia e Madrid, onde colle a prata no Campionato de Europa, veno subir ao segundo caixón do podio nun ano tan brillante que remata con triunfo no Challenge Peguera que lle deu o título anual da franquicia Challenge Family, igualado co xermano Sebastian Kienle, outro fóra de serie mundial.

2019 pon a guinda á súa carreira con un gran resultado na casa. Ante os seus veciños, obtén a medalla de prata no Campionato do Mundo de Pontevedra, por detrás de Javi Gómez Noya. Un triunfo en Portugal, dous segundos postos en Salou e Lisboa, bronce no Europeo Ironman 70.3, podios na República Checa, Arxentina e no Challenge Daytona, apuntalados polo triunfo en Ciudad del Cabo, pechan unha segunda temporada para non esquecer.

Despois viñeron as lesións, a pandemia, o agotamento mental, a paternidade. Malia todo seguiu subindo ao podio ata o remate, ata despedirse ao grande, coas bágoas dun campión, o domingo.

Comentarios