Lembras cando eramos grandes?

O Pontevedra viaxa a Ceuta nun partido entre dous equipos en zona de descenso que no seu último enfrontamento, en 2008, disputaron o play-off de ascenso a Segunda División
Víctor Ormazabal no Ceuta-Pontevedra de 2008. DAVID FREIRE
photo_camera Víctor Ormazabal no Ceuta-Pontevedra de 2008. DAVID FREIRE

Xa case pasaron quince anos desde que o Pontevedra foi a Ceuta como quen vai ao matadeiro. O equipo granate saíra vivo do partido de ida daquela eliminatoria coa súa segunda unidade, plagado de mancados. Ao outro lado do estreito prolongou a súa vida unha semana máis, simplemente, antes de recibir o golpe de gracia do play-off de ascenso da temporada 2007-08  na casa. Naquela eliminatoria aconteceron máis cousas das que se relataron. Era o comezo do fin dun ciclo. O primeiro paso cara a ruína. A antesala da defunción dun modelo. Dous anos despois o Pontevedra de Nino Mirón daría o seu último latigazo de besta moribunda contra o Oviedo e o Alcorcón, antes de perecer, descender, entrar en bancarrota e liquidar ao seu xestor para evitar a desaparición.

O Pontevedra e o Ceuta comezaron unha etapa convulsa que levou aos granates ao proceso relatado, seguido por un proceso concursal para obter viabilidade e aos ceutís a ter que fundar un novo club froito da fusión dos dous conxuntos da cidade, o que hoxe recibe no Alfonso Murube ao supervivente Pontevedra.

A ese espírito de supervivencia apelará, seguramente, Antonio Fernández para intentar colleitar os tres puntos ao outro lado do estreito. Aquel día de xuño de 2008 queda demasiado lonxe xa. Tanto como aquelas posicións. Ceutís e pontevedreses defenden categoría, non pretenden asaltar a seguinte. 

O Pontevedra só meteu un gol e sumou un punto como visitante, mentres que o Ceuta perdeu tódolos partidos na casa

Non será un partido cómodo para ningún dos contendentes. Cando menos, non de principio, que de melóns por abrir que sorprenden está cheo o mundo. O Ceuta é o pechacancelas da táboa. Non sumou ningún punto na casa, pero as súas derrotas chegaron contra algúns dos mellores conxuntos da categoría, a priori: Racing de Ferrol, Córdoba e Alcorcón, ademais do Celta B e o Algeciras, foron os que lle secuestraron os tres puntos á escadra da cidade autónoma.

Ademais, non houbo día que non encaixase: dato sinxelo de deducir se se ten en consideración que o único partido no que non perdeu, o Rayo Majadahonda lle fixo un tanto. Daquilo xa choveu. Foi na quinta xornada (1-2) e non volveu producirse un triunfo do Ceuta.

Pero, que ninguén se leve a engano. O Pontevedra non ten ningún idilio coa vitoria e o Ceuta, malia a contundencia dos datos globais, non foi marioneta de ningún rival no seu feudo. Polo que aventurarse a prognosticar que os tres puntos voarán de regreso a Pasarón requerirá da complicidade do mellor Pontevedra. E dá a casualidade de que os granates aínda non venceron como visitantes en liga (si na Copa, pero contra un rival de menor categoría). É que o Pontevedra, lonxe dos seus dominios, só puntuou na Coruña. É máis. Na súa trashumancia, os de Antonio só fixeron un gol: o de Brais tamén na Coruña. Non é complicado explicar, entón, que estea onde se atopa.

O conxunto ceutí leva sen gañar desde a quinta xornada, mentres que o Pontevedra venceu por última vez hai tres xornadas

Despois está o asunto, que pode parecer menor e mesmo anecdótico, do temor aos mediodías. Temor fundado nunha longa traxectoria na que as mañás (sobre todo as madrileñas e canarias, pero tamén as de case calquera campo de España fóra de Galicia) adoitaron facer prisioneiro ao Pontevedra.

Os dous conxuntos mergullados en zona de descenso (Ceuta penúltimo, Pontevedra terceiro por abaixo) teñen a mesma idea, acabar coa súa xeira contra un rival directo. Probablemente se verán como adversarios propicios mutuamente. O peor local e o peor visitante. E seguramente as súas afeccións dirán: “se non lles gañamos a estes, non lles gañamos a ninguén”. Haberá que ver cal das dúas resulta agraciada co desenlace.

O Pontevedra non ten tempo que perder para intentar remontar o voo. Hai certo sentimento de drama no contorno granate, por aquilo da incomodidade de vivir no soto da táboa, sen iluminación nin ventilación natural. Pero despois das 14 horas restarán dous tercios de liga.

Antonio perde para o partido ao estremo Oier Calvillo, mancado nun hombreiro. Podería volver ter minutos Luis Martínez, xa recuperado das súas doenzas físicas.

No Ceuta, Jota non poderá vestir de curto despois de ser expulsado na última cita, contra o Mérida. Fronte a fronte o equipo menos goleador e o segundo máis goleado. O Pontevedra á procura das mellores sensacións e materializalas en resultados ou para materializar resultados que alimenten mellores sensacións futuras, xa que en ocasións é difícil saber se vai antes o ovo ou a galiña. 

Un duelo coa gran relevancia do momento e da situación na táboa, aínda que, probablemente, non pasará á historia de ningún dos dous equipos como o fixo aquela cita ao remate da primavera de 2008.


 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios