viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

A lenda do campión infatigable

Manuel González Ojea, con algunhas das súas medallas nacionais e internacionais. DAVID FREIRE
Manuel González Ojea, con algunhas das súas medallas nacionais e internacionais. DAVID FREIRE
Ata que se farte de gañar, se algún día se farta de facelo, ou ata que o corpo lle responda, Manuel González Ojea seguirá competindo e batendo rexistros no mundo do duatlón. Ciclista reconverso ás probas combinadas por descubrimento accidental, Ojea é hoxe un dos máis grandes veteráns do duatlón universal

Manolo González Ojea ten tantos títulos que xa nin os lembra. Na súa casa en Mourente amosa con orgullo as medallas que testemuñan tódolos éxitos que atesoura. No medio da colección, xorde o fulgor de cinco títulos mundiais de duatlón, a súa disciplina, o seu gran pracer, un dos máis grandes agasallos que lle deu a vida.

Un repoker que culminou coas dúas últimas cartas que xogou, no Mundial de Avilés de hai unhas semanas. Ouro en 2014, en Pontevedra; Ouro en 2016, en Suiza; Ouro en 2019, en Pontevedra de novo; e dobre ouro, en distancia estándar e en distancia sprint, en Avilés, antes de onte, como quen di.

Non hai ninguén que combine a carreira a pé e a bicicleta como el no seu grupo de idade. Aos 62 anos é quen de soster ritmos que moitos rapaces son incapaces de conseguir en toda a vida.

Cinco mundiais
O pontevedrés ten cinco títulos mundiais de duatlón, dous deles en Pontevedra

Como lles sucede a moitos heroes de película, para que Ojea alcanzase o seu nivel de virtuosismo deportivo tamén lle tivo que axudar o destino.

Porque o deportista pontevedrés sempre foi ciclista. Desde os anos 70 leva enriba da burra. En 1976 converteuse no primeiro galego en participar nun Mundial de ciclocrós, en Polonia. As súas costas vestiron cinco maillots de Campión de España máster, nos diferentes grupos de idade.

Pola súa cabeza non pasara a idea de facer carreira a pé, ata que uns problemas de saúde lle obrigaron a cambiar de hábitos. Non podía facer bicicleta, pero sí exercicio físico. E comezou a probar co atletismo. E supetamente decatouse de que o motor da bicicleta tamén lle valía para a carreira pedestre. Preparou a maratón de San Sebastián e baixou amplamente das tres horas (2:40.05). Apuntouse ao Gran Fondo de Pontevedra e fixo 1:13:29 nos 21 quilómetros e 95 metros. Aquilo furrulaba.

Estaba a gozar dunha faceta deportiva inédita. Pero a bici tiráballe moito. E cando a saúde retornou, optou por combinar ámbalas dúas facetas e comezar co duatlón.

A retirada non ten data
"Levo 20 anos dicindo que este vai ser o último", asegura o deportista pontevedrés.

CICLOCRÓS E DUATLÓN. Hoxe compite no ciclocrós polo Bici Ocón de Poio (a fin de semana pasada estivo na Cañiza e Ribadumia nas probas da Copa Galicia) e no duatlón co Rías Baixas.

O seu nivel de adestramento é próximo ao dun profesional. "A familia é a que me permite adestrar", insiste, sabedor de que sen a colaboración deles coa dirección do negocio familiar, nunca podería chegar aos límites de dedicación que acadou.

E é que a súa esixencia é elevado. Leva feitos xa máis de 13.000 quilómetros sobre dúas rodas nesta campaña. Máis distancia da que fan a meirande parte dos cidadáns ao ano nos seus vehículos privados. Para que lle dea a suma, require tiradas de 150 e 160 kilómetros e preto de 3.000 metros de desnivel, cifras propias dunha etapa dun respectable nivel de esixencia nunha gran carreira ciclista. A iso hai que agregar os 30 quilómetros, aproximadamente, que corre semanalmente.

O seu corpo manteno na elite e a súa cabeza non desconecta. "Levo 20 anos dicindo que este vai ser o último, ou sexa que agora xa non me atrevo a dicir nada", expresa, sabedor de que a chave da súa continuidade é doada de averiguar.

"O gran problema que teño é que case sempre gaño. E ao gañar, non me apetece retirarme. Pero se tivese que poñerme unha data de caducidade, os 65 anos podería ser un bo momento". Nin el mesmo o sabe con certeza, porque as lesións o respectan e porque ama o que fai. "Gozo adestrando, gozo facendo isto".

O obxectivo. O salto ao triatlón, reto para 2023
O seguinte gran obxectivo que planea na cabeza de Ojea é o salto á triple combinada, ao triatlón. No seu momento xa probou fortuna, pero descubriu que a auga non é o seu elemento. "Son malísimo nadando", admite, pero non se rende.

De feito, prepara un plan de adestramento específico para acudir ás probas de grupos de idade da final das Series Mundiais 2023, como broche de ouro a unha carreira memorable.

O adestramento en piscina, idea que aínda está en proceso de xestación, ten unha clara meta, lograr rexistros aceptables que lle permitan soñar cun metal mundial en triatlón. "Se son quen de nadar a un nivel regular, pensó que na bici e na carreira a pé teño posibilidades".

Ojea fala de tódolos seus éxitos con agarimo, pero destaca o primeiro de todos, na casa, en Pontevedra, e tamén o último, en Avilés, onde sacou unha espiña que tiña cravada do pasado.

"No anterior Mundial en Avilés quedara defraudado, porque acabara terceiro". Desta volta reivindicouse cun dobre título e ademais facéndoo contra un dos seus íntimos e máis duros rivais do circuito, o suízo Aeneas Apius, multicampión coma el co que fixo unha grande amizade.

Ámbolos dous unidos polo deporte, intercambian hospadexe cando o un ou o outro o requeren en territorio alleo, séguense en Strava (aplicación na que se soben datos de adestramentos) e, a pesar das limitacións do idioma, intercambian mensaxes de Whatsapp. Xa están a combinar para o Mundial de Bilbao do próximo ano: dous campións dentro e fóra das carreiras.

A lenda do campión infatigable
Comentarios