O Pasarón ligueiro márcalle o itinerario do play-off ao Pontevedra CF

Os 13 triunfos do Pontevedra nos partidos de Pasarón da temporada regular serviríanlle para pasar de rolda contra o Deportivo Aragón. O punto negro para a escadra granate foron os malos resultados contra outros equipos da zona alta, como o Ourense e o Zamora

Charly celebra un dos goles da vitoria do Pontevedra contra o Marino. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Charly celebra un dos goles da vitoria do Pontevedra contra o Marino. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Once dos 17 resultados que o Pontevedra obtivo na temporada regular lle servirían para avanzar de rolda e chegar á final polo ascenso a Primeira Federación ao final dos 90 minutos do duelo de volta da primeira rolda do play-off perante o Deportivo Aragón. Dous máis permitiríanlle avanzar de rolda despois da disputa dunha hipotética prórroga. Os outros catro marcadores impediríanlle obter o seu obxectivo.

O equipo granate do curso 2023-24 obtivo 13 triunfos e padeceu un empate e tres derrotas nos 17 partidos que se levaron a cabo en Pasarón. Os resultados do colectivo de Yago Iglesias convertérono no segundo mellor local da competición, con 40 puntos, o que o levou a ser tamén o segundo clasificado ao remate da liga.

O punto negro na traxectoria como local do equipo lerezano son os enfrontamentos contra rivais da zona alta da táboa: perdeu contra o campión de grupo, o Ourense CF, por 0-2, e tamén contra o Zamora (1-3). Ademais, deixou ir os tres puntos contra a Gimnástica de Torrelavega, na primeira xornada do curso. A igualada tamén se produciu fronte a un adversario dos postos nobres, o Rayo Cantabria (0-0). Dos equipos de play-off ou ascenso directo, o Pontevedra só foi quen de derrotar, como local, o Guijuelo (5-0).

A meirande parte deses resultados se produciron na segunda metade do curso, como tamén os dous triunfos por un só gol, que foron os últimos en chegar, na derradeira xornada do campionato contra o Vilalbés e un mes antes contra o Marino de Luanco, na vixésimo oitava tirada. Eses dous marcadores servirían para igualar o 2-1 do Deportivo Aragón no partido de ida das semifinais do play-off e conducirían a unha prórroga. No caso de manterse ese tanteador cando finalizase o tempo suplementario, o PCF sería o clasificado para a seguinte rolda.

No total da temporada, o Pontevedra sumou grandes goleadas na casa e acabou cun balance de 42 tantos a favor e doce en contra.

Pero non só lle servirían ao bloque de Yago Iglesias moitos dos seus marcadores como anfitrión para obter o pasaporte á eliminatoria definitiva. O Deportivo Aragón tamén garantiría o billete con once dos resultados que colleitou nas 17 semanas nas que competiu a domicilio.

O cadro zaragozano tivo un comportamento irregular lonxe do seu feudo. Encaixou moitos goles e só logrou a vitoria en cinco duelos dos 17 que disputou. Ademais conseguíu seis igualadas que lle servirían o domingo en Pasarón para obter o seu obxectivo. Non lle valerían, en cambio, as seis derrotas que padeceu fóra da casa.

No total, o filial marcou 25 dianas nos seus desprazamentos, pero encaixou 24.

Os colexios súmanse á festa do play-off

O Pontevedra Club de Fútbol levará a fase de ascenso aos colexios. Dentro da súa política de ter presencia nos centros de ensino da cidade e da contorna, o club granate destinou 1.400 invitacións para outros tantos alumnos de 14 escolas da capital. A medida da continuidade á implicación coa comunidade escolar para aproximar o fútbol e o club aos máis miúdos.

Ademais, o proceso de venda de billetes para o enfrontamento de volta do domingo (Pasarón, 18:00 horas) continúa avanzando paseniñamente. O martes o club informou da transferencia de máis de 400 entradas para o público en xeral.

A entidade agarda que se incremente o ritmo de venda a medida que se vaia achegando o día do enfrontamento contra o Deportivo Aragón.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios