Miércoles. 20.03.2019 |
El tiempo
Miércoles. 20.03.2019
El tiempo

A liga resólvese cara a cara

Álex González presiona a Luka Zidane, porteiro do Castilla. O Pontevedra e o filial pecharán a temporada no Alfredo di Stefano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Álex González presiona a Luka Zidane, porteiro do Castilla. O Pontevedra e o filial pecharán a temporada no Alfredo di Stefano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os nove primeiros clasificados disputarán 23 enfrontamentos directos no que falta de campaña

Había tempo que o grupo I de Segunda División B non tiña tantos candidatos a ocupar os catro primeiros postos da clasificación. A actual temporada abriu a porta a unha igualdade sen par na pelexa polos catro primeros lugares. O actual terceiro clasificado só dispón de cinco puntos de vantaxe con respecto ao noveno, de maneira que un partido pode cambialo todo para eles.

TablaNese contexto, o valor dos enfrontamentos directos entre os implicados increméntase. O Pontevedra vén de disputar dous hai escasos días: venceu ao Fuenlabrada e perdeu contra a Ponferradina. Pero aínda ten por diante cinco partidos contra adversarios que pelexan polo mesmo obxectivo ca el, incluidos os dous "tapados" nesa pelexa, o Guijuelo e o Coruxo.

De feito, para o bloque de Pasarón, o enfrontamento contra os salmantinos será o primeiro en producirse, na trixésima xornada. Desde ese momento, non parará de xogar contra equipos da zona alta da táboa. Dúas semanas despois de recibir ao Guijuelo, acudirá a Pasarón o San Sebastián de los Reyes, a gran revelación da actual temporada.

Na trixésima terceira xornada, é dicir, na semana seguinte de que os madrileños visiten Pontevedra, os granates irán a Vigo para intentar sorprender ao Coruxo no Vao. E para rematar, o once de Luismi afrontará dous partidos vitais contra os dous filiais madrileños: contra o Atlético de Madrid B na penúltima semana do campionato e fronte ao Castilla, no Estadio Alfredo di Stefano no último encontro do exercicio.

A incorporación do Coruxo e o Guijuelo á batalla porá pementa nas once tiradas que faltan para chegar á conclusión do exercicio. Nesas semanas haberá 23 duelos directos entre os nove primeiros, máis de dous cada fin de semana.

O momento álxido será na trixesimo sétima xornada, na que se medirán seis dos sete primeiros da actualidade. Ademais do xa coñecido Pontevedra - Atlético de Madrid B, que pode ser determinante tanto na loita polo liderado dos colchoeiros como na pelexa polo cuarto posto dos da cidade do Lérez, ese mesmo día haberá un San Sebastián de los Reyes - Cultural Leonesa e un Ponferradina - Fuenlabrada.

Para empezar, esta fin de semana consómese o prato forte da competición. O Atlético de Madrid B recibirá ao Fuenlabrada no Cerro del Espino: primeiro contra segundo. Tamén se disputará un atractivo envite entre o Coruxo e o Guijuelo no campo do Vao, moi importante para os dous se non queren perder as súas opcións de arrimarse aos grandes favoritos.

No esprinte final da campaña, o calendario máis esixente, a priori, é o do Coruxo e o do Castilla. Aos dous bloques lles quedan seis partidos contra rivais directos.

Ata o de agora, o Pontevedra tivo once encontros contra esas escadras: gañou cinco, perdeu cinco e empatou un. Dos cinco que lle faltan, tres van ser en Pasarón e dous, a domicilio.

A liga resólvese cara a cara
Comentarios