Llucmajor, en Mallorca será a sede da fase final do Peixegalego

A confirmación deste destino caeu como un xarro de auga fría para o club marinense, que pensa seriamente na renuncia á praza
Dramell pelexa un rebote no Peixegalego-Xiria. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dramell pelexa un rebote no Peixegalego-Xiria. GONZALO GARCÍA

Unha nova mala e outra boa para o Mundioma Marin Peixegalego. A mala é que a Federación Española de Baloncesto confirmou que a localidade de Llucmajor (Mallorca) será unha das sedes da fase final da Liga EBA: aquela para a que está clasificado o Marín Peixegalego.

A confirmación deste destino caeu como un xarro de auga fría para o club marinense, que pensa seriamente na renuncia á praza e á participación nesa fase definitiva polo salto de categoría á Liga LEB Prata debido aos elevados custos de desprazamento e estancia aos que deberá facer fronte e que superan o orzamento inicial da temporada.

Así e todo, a boa, que supón un avance que lle podería permitir dar o paso e seguir adiante coa competición é o acordo entre a Federación Española de Baloncesto e o club organizador, o Mallorca Palmer, polo cal os desprazados á illa en avión para participar na fase pagarán os billetes a metade de prezo. Iso si, deberán realizar a viaxe coa compañía Air Europa, que colabora economicamente coa entidade deportiva balear.

Nos próximos días o club marinense tomará unha determinación final, mentres segue intentando conseguir apoios económicos das institucións e da empresa privada para afrontar o custoso desprazamento e estancia.

Cabe lembrar que se trata dunha fase que comeza o 11 de maio e remata o 14. (De xoves a domingo da próxima semana). Ademais dos custos de avión, hai que afrontar cinco noites de hotel e o pagamento dun vehículo para desprazarse pola illa desde a zona hoteleira ata a localidade onde se desenvolven os partidos.

A fase final de EBA de Baleares contará coa presenza de oito equipos divididos en dous grupos. No grupo do Peixe están clasificados por dereito deportivo o equipo marinense; o campión da conferencia B, a madrileña (Alcobendas, 0 derrotas en toda a temporada); o campión da Conferencia C, a de Cataluña-Baleares (Palmer Mallorca, tres derrotas na temporada), e o subcampión da Conferencia E (Gandía, tres derrotas en toda a temporada).

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios