lunes. 21.06.2021 |
El tiempo
lunes. 21.06.2021
El tiempo

Loitadores para toda a vida

Un momento dun adestramento do Club de Loita Pontevedra. DIFUSIÓN PROSPORT
Un momento dun adestramento do Club de Loita Pontevedra. DIFUSIÓN PROSPORT
Uns 45 deportistas con licenza forman parte do Club de Loita Pontevedra, que aúna formación deportiva e persoal, sentimento de pertenza e paixón competitiva
A loita está dentro do ser humano, nos xens da especie. Todos de nenos tivemos a tentación de agarrar, volcar e sentar enriba da barriga dun hipotético opoñente que nos estragara unha golosina no recreo, que se metera co noso irmán pequeno ou que simplemente era un amigo co que xogabamos ás pelexas.

A loita canaliza o instinto cara un esforzo nun contexto adecuado, cunhas regras que a converten nunha das disciplinas deportivas máis antigas que se coñecen. Para darlle presenza a esa danza ancestral na beira do Lérez atópase o Club de Loita Pontevedra.

Trátase dunha entidade que crece paseniñamente desde que Ramón García a creou a mediados da década pasada. Agora con Marcos Miragaya á fronte e con Pablo García e Lidya Pérez como grandes referentes, o club está xa asentado dentro do panorama pontevedrés, non só como trampolín cara a elite, senón como formador de deportistas e persoas e como artellador de espazo de lecer para xente de tódalas idades.

Un momento dun adestramento do Club de Loita Pontevedra. DIFUSIÓN PROSPORT

Actualmente, o club dispón de arredor dunhas 40/45 licenzas con loitadores de tódalas categorías, desde os catro anos en diante. A directiva está presidida por Matilde Touriño e formada por un colectivo de persoas que actúan con total cohesión co afán de realizar un servizo para os rapaces.

"A loita poder ser chave para o desenvolvemento motor dos nenos. É unha disciplina moi recomendable para o seu desenvolvemento". Sobre esa base, o club non só se propón só fabricar loitadores. Alimenta as habilidades físicas dos máis cativos na procura de formar bos deportistas, que teñan capacidades non só para loitar, senón para levar a cabo case calquera disciplina, se en algún momento deciden mudar a loita por calquera outra actividade deportiva.

As salas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva convértense no lugar no que o club adestra. O CGTD ten unha gran relevancia na historia da entidade. Alí adestraba Ramón García cando se fundou o club, alí están becados os mellores especialistas de Galicia e do propio Loita Pontevedra, o que motiva que un deporte moi minoritario en Galicia non sexa estraño á cidadanía lerezana.

Un momento dun adestramento do Club de Loita Pontevedra. DIFUSIÓN PROSPORT

O futuro parece estar garantido coa presenza de 20 licenzas de rapaces menores de 13 anos. Algúns marchan co paso dos anos, pero tamén os hai que retornan. "Temos rapaces que eu mesmo adestrara cando eran nenos, que deixaron a loita e que decidiron regresar. Para min iso é moi reconfortante", apunta Marcos Miragaya, que non oculta o orgullo polo labor que desenvolven.

"Queremos acabar co tópico de que a loita é para brutos", anuncia o técnico, que xunto con Pablo García son os adestradores do club.

Pero o Club de Loita Pontevedra vai moito máis alá do que é a competición, mesmo da formación motora, deportiva e da humana, que son valores fundamentais: o club adícase a construir unha familia, unha inextinguible sensación de pertenza a un colectivo.

Un momento dun adestramento do Club de Loita Pontevedra. DIFUSIÓN PROSPORT

Está orgulloso dos seus logros deportivos, de contar cunha figura de prestixio mundial como Lidya Pérez, de ter unha xeración emerxente que poderá dar alegrías importantes dentro da catro ou cinco anos. Está orgulloso da sensación de solidariedade entre deportistas que o converte no maior deporte de equipo a pesar de ser un deporte individual, que obriga a coidar do compañeiro de adestramento como dun mesmo, porque. sen el, o adestramento non existe. Está orgulloso, sobre todo, de que compitan ou non, tódolos membros presentes, pasados e futuros do club foron, son e serán loitadores para toda a vida.

Loitadores para toda a vida
Comentarios
ç