Loitando en Francia

O pontevedrés Pablo García forma parte da delegación española no primeiro Ranking Series de Loita Praia
Pablo García posando xunto á súa compañeira Noelia Lalín. FEDERACIÓN GALEGA DE LOITA
photo_camera Pablo García posando xunto á súa compañeira Noelia Lalín. FEDERACIÓN GALEGA DE LOITA

Este xoves, o loitador do Club de Loita Pontevedra, Pablo García, xunto coa loitadora becada tamén no CGTD, Noelia Lalín preséntanse en Saint Laurent du Var (Francia) para participar no primeiro Ranking Series mundial de Loita Praia. Ambos loitadores acuden coa selección española absoluta a este evento que se prolongará ata o 18 de xullo.

Pablo García vén de ser campión de España en Loita Praia. Debido a esta victoria foi seleccionado coa absoluta e é o máximo aspirante entre os loitadores españois a facer un moi bo papel. O pontevedrés competirá na categoría de -80 kilos.

O xoves, día 15, fárase a recepción dos equipos e árbitros no aeroporto de Niza (Francia). Ás nove da mañá os árbitros recibirán un curso e xa ás seis da tarde, cando xa se atopen todos os equipos na localidade francesa, realizarase unha conferencia técnica a todos os combinados.

O venres Pablo García someterase ao exame médico, no que tamén se lle tomará a temperatura para evitar algún contaxio durante o campionato. Todos os participantes xa presentaran unha PCR negativa feita nos tres días anteriores á súa primeira aparición no ring da praia de Landsberg de Saint Laurent du Var. A organización tómase de forma moi seria a seguridade dos deportistas, dos árbitros e dos equipos técnicos. Ofrecen unha proba PCR a 85 euros para todos os equipos no caso de que o precisen para voltar ao remate do evento.

Este venres comezarán os enfrontamentos da fase de grupos que porán fin ao día seguinte pola mañá, o sábado 17. A partir das cinco da tarde darase o pistoletazo de saída das rondas eliminatorias e das finais. Ás sete xa se coñecerá o vencedor deste primeiro Ranking Series de Loita Praia.

Pablo García é unha das caras visibles do Club de Loita Pontevedra. Unha das súas maiores vitorias foi cando se proclamou en Pontevedra campión de Galicia de loita libre olímpica na categoría de menos de 74 kilos.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios