Lores: "Vai ser a mellor proba da historia do triatlón"

O alcalde de Pontevedra anuncia que a bandeira da final das Series Mundiais será pendurada nun lugar emblemático e estratéxico da cidade para anunciar a conta atrás do evento
Lores, coa bandeira da final das Series Mundiais. CEDIDA
photo_camera Lores, coa bandeira da final das Series Mundiais. CEDIDA

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que Pontevedra organizará as mellores Finais das Series Mundias de Triatlón de sempre na súa comparecencia diante dos medios de comunicación para valorar a estancia da delegación pontevedresa en Abu Dabi para recoller a bandeira que serve para dar a remuda na organización do evento. 

"Constatamos que Pontevedra é un referente no triatlón a nivel mundial no referido a eventos deportivos neste eido", explicou o rexedor na rolda de prensa. "Somos a cidade que máis eventos ten realizado de tódalas categorías: mundiais, europeos, nacionais, multideporte, duatlón… Hai unha clara avidez de tódolos practicantes cos que falamos por vir en 2023 a Pontevedra", expresou o dirixente en base ás sensacións que lle outorgou a visita aos Emiratos Árabes.

Lores sinalou que todos os directos deportivos lle ofreceran os seus parabéns, así como os presidentes das federacións e dos deportistas cos que mantivo contacto. "Todo o mundo co que falamos confirmou o obxectivo de estar na cidade o ano que vén. Saben que vai ser a mellor proba da historia da disciplina. Estamos motivados e listos para facelo posíbel. Os mellores competidores deste deporte van estar aquí, pois é a última proba importante antes dos Xogos Olímpicos".

"A imaxe de Pontevedra como organizadora dun Campionato do Mundo está conseguida e agora toca promover un valor engadido, todo o relacionado cos eventos paralelos á proba, na procura dunha experiencia diferente e máis completa. Queremos que a xente veña antes ou eu que quede para coñecer as Rías Baixas, para gozar de Pontevedra e de Galiza", lembrou o alcalde, facendo fincapé no labor estratéxico que desenvolve o evento. 

O rexedor afirmou que a bandeira recollida en Abu Dhabi, coa que compareceu publicamente, será posta á vista da cidade de Pontevedra co fin de simbolizar a conta atrás que comeza xa para esta cita deportiva, social e cultural. O momento e lugar onde ondeará aínda están por determinar.

"Todos lembraban a inauguración e os festivais do Multisport. Estamos sempre subindo chanzos. Tanto a capacidade de organizar probas desde o punto de vista deportivo está contrastada e dar orixe a unha experiencia nova que vai deixar pegada", aclarou o dirixente da cidade do Lérez.

"Posicionar a cidade con este acontecemento é importante. E estamos moi ben posicionados. Cando hai unha proba deportiva, o evento sempre ten unha gran presenza na rúa, pálpase, algo que non se consegue cando o mesmo evento se produce nunha cidade máis grande. Desde ese punto de vista, en Pontevedra vívese con máis intensidade", asegurou o rexedor municipal.

E desde o punto de vista deportivo, o primeiro requisito está xa conseguido: o percorrido está testado mediante a celebración da proba da Copa do Mundo deste verán, conditio sine qua non para poder acoller as finais.

Outro dos aspectos que comentou Lores foi que nas próximas semanas nacerá o comité organizador para dar orixe á comunicación do evento.

Ese comité será o encargado de realizar a axenda e definir os actos que se desenvolverán de maneira paralela ás probas deportivas. "Vai ser unha semana cun fin de semana. Queremos ampliar a estancia para dinamizar a hostelaría, comercio e transporte. Este é un evento que xera moita actividade económica", asegurou Lores.

Entre outros actos, prevense levar a cabo diferentes concertos e actos culturais e un desfile con gran corido no acto de inauguración, ademais da clasusura, que, a falta de pecharse, será previsiblemente na Praza de España. 


 

Comentarios