Luisito y Piscis pasan de enredos polémicos

Os adestradores do Pontevedra e o Arosa evitan falar do altercado sucedido no túnel de vestiarios da Lomba e miran cara ao futuro
Un momento da tangana que se montou no túnel de vestiarios da Lomba ao remate do derbi
photo_camera Un momento da tangana que se montou no túnel de vestiarios da Lomba ao remate do derbi

Despois de ver aos planteis dos seus equipos mergullados nunha tangana no túnel de vestiarios, a tensión do derbi cun final dramático e a afección da Lomba présa da cólera, os adestradores do Pontevedra e o Arosa preferiron gardar silencio e pasar páxina do acontecido no encontro que os mediu o pasado domingo e que concluíu co triunfo pontevedrés na última acción do duelo.

Luisito e Piscis non queren afondar máis na polémica que tivo como principais protagonistas a Jacobo e Camiño e como responsables subsidiarios a eles dous, como técnicos dos dous conxuntos. Piscis non quixo referirse nin aos xogadores granates nin ao seu adestrador na xornada de onte. Xa na rolda de prensa do domingo eludiu respostar a preguntas sobre o encontro para evitar comentarios dos que se puidese arrepentir. Onte mantíñase na mesma idea.

O Pontevedra é pasado para o Arosa, que conserva intactas tódalas súas opcións de disputar a promoción de ascenso, a pesar de que ten por diante un complexo calendario que comeza a próxima fin de semana cun desprazamento a Carballo, onde agarda un rival directo polo cuarto posto, o Bergantiños. Nese duelo o técnico de Portonovo non poderá botar man de Adrián Camiño, expulsado despois de ver a segunda amoestación no túnel de vestiarios da Lomba pola trifulca da que foi coprotagonista.

O propio Piscis non poderá sentar no banco das Eiroas, xa que acabou expulsado ao rematar o tempo regulamentario por protestarlle ao árbitro que o segundo gol granate se producira despois dos cinco minutos de prolongación que concedera na segunda metade. O colexiado, López Vila, non foi benevolo coa tensión que tiña o adestrador local.

Pola súa parte, Luisito só quixo facer mención á ostentosa celebración de Jacobo. "Recrimineille ao xogador esa acción, que non estivo ben, pero non vou alimentar polémicas con ningún adestrador. Nunca tiven problemas con ningún compañeiro de profesión e non os vou ter agora", aclarou o preparador teense do Pontevedra, que sentenciou que "só penso no Choco, bastante temos con iso". Luisito prefire centrarse no futuro e na consecución da primeira praza que en disputas que lle xeren máis problemas.

O técnico, que foi xogador do Arosa hai varias temporadas, foi recibido con moitas críticas e constantes berros e mesmo insultos da bancada da Lomba durante o enfrontamento. Cada vez que daba instrucións ou lle berraba aos seus xogadores, o técnico era reprendido polos seareiros.

Comentarios