Luisito fala claro: "Os cartos non o fan todo no mundo do fútbol"

O adestrador do Pontevedra CF pecha o ciclo Conversas na Uvi, da Universidade e do Diario, falando do fútbol e da vida ► "A tempada que vén imos traballar como condenados"
Luisito, este martes, na Casa das Campás, falando con Xaime Nogueira
photo_camera Luisito, este martes, na Casa das Campás, falando con Xaime Nogueira

"A xente está totalmente equivocada comigo. Pensan que me coñecen, pero non é verdade. Os únicos que me coñecen son Roberto (Valdés) e Pepe (Rico), que son os que me aguantan. Claro que eu tamén os aguanto a eles". Di o adestrador do Pontevedra CF que o seu carácter forte e a súa franqueza, a súa expresividade e incapacidade para manterse cinco minutos sentado no banquiño ou quieto na área técnica ("había que quitala, para min é un calvario") durante os partidos ("é que se chego a facer iso si que me pega un latigazo que me deixa no sitio") fan que a xente tenda a prexulgalo. "O que non aguanto son os mentireiros. Eu son franco e directo". Só José Luis Míguez, Luisito, recoñece que se quenta rápido, que ten xenio, pero tamén que é un tipo honesto ata as últimas consecuencias, que despreza a mentira e que coñece ben aos futbolistas. E o fútbol. Por algo a Asociación de Clubs o recoñeceu cun premio ao mellor adestrador de Segunda B. "Estou súper contento".

Luisito pechou este martes, na Casa das Campás, o ciclo Conversas na Uvi, que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Fíxoo mantendo unha charla co xornalista Xaime Nogueira na que falou do fútbol e da vida.

"Eu quero engancharme ao fútbol profesional co Pontevedra. Non hai diñeiro que pague o que lle quero á miña nai e así estou con ela"

ORZAMENTO. "Confío en min, no meu corpo técnico e nos futbolistas. Os cartos non o fan todo. O que temos que facer é ir amodiño e seguro", explicou sobre a próxima tempada. "Imos traballar como condenados. Con pouco orzamento pódense facer moitas cousas e un moi bo equipo".

O adestrador explicou unha aspiración da que ten falado noutras ocasións, a de ‘engancharse’ ao fútbol profesional co Pontevedra. Detrás desta idea está a mesma que o levou a fichar polo equipo da cidade cando estaba en Terceira División tendo unha oferta de maior peso económico dun de Segunda B: súa nai. "Non hai diñeiro que pague o que lle quero a miña nai. É certo que con aquela decisión perdín moitísimos cartos, pero non o son todo e eu, con tal de que os meus dous fillos teñan para comer, son feliz. Quedei aquí. Sabía que non me equivocaba".

Luisito eloxiou a implicación de Lupe Murillo co Pontevedra C.F. e tamén a afección de Pasarón. "Lupe está facendo cousas polo equipo que eu pensei que non sería capaz de facer. Pero aí está, sacando adiante a un club que viviu por enriba das súas posibilidades e que agora paga as consecuencias", dixo. "Pasarón está moi queimado porque por alí pasaron moitas figuritas. E arrastra o Hai Que Roelo! que fai un dano terrible, porque aqueles xogadores estaban en Primeira División e nós vimos de Terceira. Esa é a realidade hoxe. Eu á afección de Pontevedra doulle un dez".

"Pasarón está queimado por ter aturado a figuritas. E arrastra o Hai Que Roelo! Para min esta afección é de dez"

MESSI. O técnico aceptou un xogo que lle propuxo Xaime Nogueira que o obrigaba a valorar a Messi, Cristiano Ronaldo, Luis Suárez e a el mesmo con 20 anos como futbolista. "O Luisito futbolista con tal de marcar gol facía de todo. Hoxe eu multo aos futbolistas por protestar ou tirarse ao chan", recoñeceu. "Messi é o mellor. Está a anos luz dos demais. Pero eu entendo a Cristiano. É un depredador. Ten un mérito terrible. Se Messi chega a ter a súa ambición acumula dez balóns de ouro. Todo o que nel é innato, no outro foise facendo. E o Luisito futbolista estaría para limparlle as botas aos outros tres".

Madridista confeso, o adestrador recoñeceu que a mellor selección que lembra foi a de España de Xavi e Iniesta que gañou a Copa do Mundo. "E tamén recoñezo que o mellor equipo que vin foi o Barça de Guardiola. Daba gusto velos xogar. Era un espectáculo", dixo. "O mérito de Mourinho foi precisamente destruír ese equipo. Sabía que non se lle podía xogar de ti a ti porque era imposible gañarlle. Tiña que ser doutra maneira. E conseguiuno".

Luisito tamén falou da súa retirada. "Pode que estea preto. Creo que me queda pouco. Eu teño o ciclo moi pechado xa. Poucos equipos me quedan por adestrar en Galicia. A única posibilidade que teño é ir fóra. E iso, polo que dixen, non vai suceder".

Comentarios