Luisito, sen pelos na lingua: Repasamos as súas liortas máis soadas no Pontevedra

A crítica do técnico ao campo do Adarve únese á lista das polémicas nas que se viu envolto

Luisito dialogando amigablemente con Rubén Albés en Pasarón, meses despois dunha polémica que mantiveron. RAFA FARIÑA
photo_camera Luisito dialogando amigablemente con Rubén Albés en Pasarón, meses despois dunha polémica que mantiveron. RAFA FARIÑA

O Unión Adarve respondeu ao titular de Luisito sobre as nefastas condicións do campo Vicente del Bosque. O club emitiu un chío a través da súa conta de Twitter para laiarse das palabras do adestrador granate. "Vaya... Sabemos que no es el Metropolitano, pero es nuestro campo. ¡Orgullosos de representar lo que somos! ¡Fútbol de barrio y de Calidade!".

Non é a primeira vez que sucede. A sinceridade de Luisito e a súa elocuencia téñenlle creado máis dun problema cos rivais.

A polémica con Ochoa, adestrador do Haro
"Non lle consinto que insulte a un xogador meu. A min non se me pasa pola cabeza facelo"

Antes da última eliminatoria polo ascenso a Segunda División, o técnico mergullouse nun cruce de declaracións co preparador do Haro, David Ochoa, que comezou na previa do choque coa descrición que fixo o teense do xogo do rival. "Non ten ningún rubor en meter a tódolos xogadores por detrás do balón e no seu propio campo". Ochoa quentou máis a situación insultando a Anxo nun momento do partido de ida.

"Iso non llo consinto, porque a min non se me pasa pola cabeza insultar a un rival. Vin que lle chamou hijo de puta en pleno xogo. Xa lle dixen o que pensaba do que fixo". Entón Ochoa respondeu, minutos despois, tanto ao feito do seu insulto, que non negou, como ás verbas de Luisito na previa. "Sabe cómo se ha comportado desde el inicio del partido. Incluso antes, con unas declaraciones que no venían a cuento".

Sobre o Izarra
"Viñeron practicar o antifútbol. Se eu perdo como o fixeron eles, estaría calado"

 

A Luisito tampouco lle gustou que na temporada pasada Borja Jiménez criticase en rolda de prensa a decisión do árbitro de conceder un gol ao Pontevedra en tempo de desconto: "Se había superado el minuto 45 y no había que sacar el córner", dixo Jiménez. Acto seguido compareceu o de Teo e foi duro co Izarra. "Viñeron practicar o antifútbol. Se eu perdo con esa claridade, estaría calado".

E no envite de volta, en Izarra, o PCF caeu e Luisito e Borja seguiron coa súa dialéctica.

A Borja Jiménez, ex-adestrador do Izarra
"O pobre rapaz este non soubo perder. É un 'crío' e non vou 'entrar ao trapo' con el. Cando teña a miña idade decatarase das torpezas que cometeu"

"O pobre rapaz este non soubo perder. É un crío e non vou entrar ao trapo con el. Cando teña a miña idade decatarase das torpezas que cometeu. Son un traballador humilde que non ten Facebook nin Twitter". O aludido non dubidou en respostar. "No conozco a Luisito a nivel personal, pero en la ida ya habló mal de mí y mis hombres y eso me molesta".

 A polémica morreu alí, xa que posteriormente Luisito e Borja Jiménez volveron enfrontarse sen máis problemas.

Sobre o Valladolid B
"Estes xogadores parece que teñen 30 anos. A súa educación deportiva brilla pola súa ausencia"

Tampouco houbo feeling no seu momento entre o responsable do banco granate e Rubén Albés cando o actual adestrador do Celta B dirixía ao Valladolid B. Na derrota do Pontevedra en Pucela do ano pasado, Luisito laiouse das constantes perdas de tempo e protestas ao árbitro por parte dos canteiráns vallisoletanos. "Xa lles avisara aos meus futbolistas de que parece que estes xogadores teñen 30 anos: a súa educación deportiva brilla pola súa ausencia. Deus me libre de que un futbolista meu faga o que fan os xogadores do Valladolid. Comigo non xogan, téñoo moi claro".

Albés respostou: "Ya lo conocemos, como no puede quejarse de presupuestos, habla de comportamientos, del césped y de lo que no tiene nada que ver con el juego". As polémicas puntuais, sen embargo, nunca foron máis alá do seu momento.

Comentarios