sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

"A peor puñalada trapeira"

Luisito na última xornada de Liga contra o Oviedo Vetusta. GONZALO GARCÍA
Luisito na última xornada de Liga contra o Oviedo Vetusta. GONZALO GARCÍA
Sin acuerdo tras la reunión del preparador de Teo con Lupe Murillo y Toni Otero

Luisito non será o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol na temporada 2021-22. O club granate notificoulle este mércores ao preparador granate que non seguirá dirixindo ao plantel que competirá na Segunda División RFEF.

O encontro, que se desenvolveu nas oficinas de Pasarón, concluíu con notable enfado por parte do técnico de Teo, especialmente co novo director deportivo da entidade, Toni Otero, que foi o autor da toma da decisión.

O responsable da parcela técnica fixo prevalecer o seu criterio para prescindir dos servizos do técnico, que contaba co aval do consello de administración para seguir á fronte do equipo. Os xestores da entidade consideraron finalmente respectar a independencia e a potestade de Otero, ao que se lle concederon plenos poderes dentro da parcela técnica para renovar o funcionamento no departamento deportivo da sociedade.

O club aínda non comunicou quen será o substituto do teense e está pendente dunha reunión do consello co propio Toni Otero para someter a xuízo os informes que ofreza sobre o técnico que seleccione. O principal candidato para ocupar a butaca de Pasarón segue a ser o pontevedrés David Sierra. Yago Iglesias, un dos favoritos da afección, negou contactos por parte da entidade.

ENFADO. Luisito manifestou o seu absoluto descontento e enfado pola decisión de club e particularmente coa forma de proceder.

"Recibín a peor puñalada trapeira, a máis grande desde que son adestrador de fútbol. Sinceramente creo que non o merezo. Sobre todo polas formas", expresou na tarde deste mércores, despois de saír da tensa reunión na que coñeceu a nova.

O de Teo, sobre todo, arremeteu contra o novo director deportivo, principal responsable de decisión, polos motivos que lle ofreceu para non contar con el.

"Podes botar a un adestrador, pódeche gustar máis ou menos. O que non podes é falsear a realidade e mentir: se eu a Toni non lle gusto como técnico, que me bote e punto pelota, pero non pode tratar de explicarme que non sigo porque me neguei a darlle un informe. Como non me vou negar? Se acabei contrato en maio e cando me reunín con el xa era xuño. Como lle vou entregar un informe se non sei se vou ser o adestrador? Non lle podo faltar ao respecto así aos meus futbolistas", argumentou o técnico de Teo, visiblemente incomodado.

Ademais, asegurou que Toni o acusou de non aceptar unha redución de salario. "Como se pode dicir que eu me neguei a baixarme o soldo, se cando me despediron a primeira vez, perdoei todo o diñeiro que me faltaba por cobrar. Ese argumento cae polo seu propio peso", manifestou Luisito ao respecto, que defendeu o seu traballo e a súa implicación, lembrando a trombose que puxo a súa vida en risco.

"Dei mostras da miña implicación polo Pontevedra. Que ninguén esqueza que eu puiden coller unha baixa cando me deu a trombose, que me tivo máis para alá que para aquí, e levarlle os cartos os catro meses. Paseino mal, moi mal. Se este é o premio, xa non queda nada que dicir do fútbol".

Sen adestrador, máis de un mes despois da conclusión da temporada

Luisito non só quixo manifestar o seu malestar. Tivo tempo para amosar a gratitude a aqueles que confiaron en el.

"Teño que darlle mil grazas á afección polo cariño que me ten e mil grazas ao consello de administración porque volveu apostar por min", aclarou.

De feito, a primeira opción do consello de administración era o técnico de Teo, aínda que ao final a aposta polo novo director deportivo e a elección deste pesase máis.

O club segue a traballar agora na elección do novo adestrador. O Pontevedra é un dos poucos de toda a Segunda RFEF que aínda non ten inquilino do banco confirmado. Hai máis dun mes que rematou a temporada e o club non decidiu quen será o técnico do seu primeiro plantel.

"A peor puñalada trapeira"
Comentarios
ç