Luismi encoméndase á canteira granate

O adestrador vigués deulle a titularidade a Jesús Barbeito e Lezcano contra a Ponferradina e confioulla a Juan Barbeito noutros catro partidos de liga ▶ACopa Federación converteuse no mellor banco de aprendizaxe

De esquerda a dereita, Fernando Lezcano, Juan e Jesús Barbeito. J. CERVERA-MERCADILLO E DAVID FREIRE
photo_camera De esquerda a dereita, Fernando Lezcano, Juan e Jesús Barbeito. J. CERVERA-MERCADILLO E DAVID FREIRE

Non lle tremeu o pulso. Luismi non dubidou en concederlle a titularidade a Lezcano e Jesús Barbeito no partido que o Pontevedra afrontou o pasado domingo contra a Ponferradina. A importancia do enfrontamento non nublou a vista do preparador vigués, que mantivo a súa confianza nos dous mozos.

LEZCANO. Era a primeira vez que Fernando Lezcano, fillo do mítico xogador do Arosa dos anos 80, era titular nun partido de Liga coa camisola do Pontevedra.

Tamén era a primeira vez que Jesús Barbeito xogaba de cara no torneo da regularidade. Co equipo mergullado na batalla pola salvación, Luismi non viu ningún inconveniente en aliñalos aos dous no once de saída.

"Creo que están bien. Creo que nos pueden aportar muchas cosas", xustificou o director de orquestra do conxunto granate na rolda de prensa posterior ao enfrontamento contra a Ponferradina.

No caso de Lezcano, non era o primeiro encontro de Liga. O dianteiro, que alterna o primeiro equipo co filial, no que está mostrando o seu bo olfacto goleador, debutara en partido de Liga con Luisito na temporada 2015-16. No último envite da campaña, en Pasarón e contra o Burgos, o atacante contou con doce minutos para amosar as súas virtudes.

Luismi buscaba a súa puntería contra a Ponferradina. "Lezcano tiene gol y ha aprovechado muy bien los partidos de Copa RFEF. Con Eder de referencia y él cerca, detrás, buscábamos que pudiese cazar alguna pelota y hacer algún gol", razoou o técnico, para quen Lezcano é un fixo nas aliñacións da Copa RFEF. O dianteiro foi titular nos dous encontros das semifinais contra o Atlético Saguntino. No de ida, ademais, marcou un dos goles.

Ademais, tamén xogou a primeira metade do duelo de ida contra o Escobedo e os dous partidos da eliminatoria de oitavos de final contra o Burgos. No de volta fixo o primeiro tanto da remonta.

Con Luisito xa amosara maneiras na Copa, contra o Bouzas. Tivo minutos nos dous duelos dos 1/16 de final de Copa RFEF e acertara dúas veces coa portería contraria. Leva catro tantos e é un dos máximos realizadores do torneo do K.O.

JESÚS. Pola súa banda, o Piraña afrontaba o seu segundo envite en Liga de Segunda División B, o primeiro en Pasarón e como titular.

«Jesús ha realizado una labor magnífica, ha trabajado muchísimo, ha dado muchas ayudas a los compañeros y defensivamente ha estado muy bien, que al final es lo que se le pedía», destacou Luismi, que deixou no tinteiro un comentario: a facilidade coa que xoga o balón o centrocampista de Portonovo. Rara vez toma malas decisións co esférico e incorre en poucas perdas por malas entregas.

Jesús debutara unhas semanas antes contra o Castilla, no campo Alfredo di Stefano da cidade deportiva do Real Madrid, en Valdebebas. Foi significativo que Luismi apostou porque disputase os 90 minutos do duelo contra a Ponferradina e preferiu substituir a Kevin Presa, canso despois do seu esforzo e que xa advertira ao propio técnico de que o seu depósito, previsiblemente, non lle permitiría disputar o encontro íntegro.

En Copa RFEF, Jesús debutou co equipo contra o Burgos, na volta dos oitavos de final. Posteriormente, gozou de minutos como suplente nos dous envites contra o Escobedo, e completou os dous duelos contra o Atlético Saguntino. Foi a máis.

JUAN. Os dous se unen a Juan, o xemelgo de Jesús, que debutou en Liga ás ordes de Luisito contra o Atlético B e en Copa contra o Rápido de Bouzas e que se afianzou baixo o mando de Luismi, que ademais de darlle continuidade na Copa, permitiulle disputar catro duelos completos de Liga, xa con Nacho López no plantel.

Os tres teñen espellos nos que verse reflectidos: dous dos capitáns do primeiro plantel, Edu e Kevin Presa, comezaron desde abaixo e hoxe están consolidados na escadra granate, e David Castro, formado na base do PCF, retornou este ano para quedar.

Comentarios