Luismi: "Queremos un equipo que ilusione e sexa ambicioso"

O técnico explica que a tardanza do Pontevedra na realización de fichaxes se debe a que aínda faltan conxuntos por rematar a temporada

Luismi durante un partido en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luismi durante un partido en Pasarón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Días de 13 e 14 horas de traballo. Iso lle deparou a súa reelección como adestrador a Luismi. O técnico vigués do Pontevedra vive no seu despacho de Pasarón, lendo informes, vendo imaxes de futbolistas, analizando toda a información posible na procura dos mellores xogadores posibles para o Pontevedra.

"Intentamos adaptarnos ás nosas posibilidades e, dentro diso, fichar os mellores xogadores para que sexamos máis competitivos do que o fomos este ano. Queremos facer un equipo que ilusione, sexa ambicioso e compita cos mellores da categoría. E para logralo temos que poñer todo da nosa parte para acertar", expresa o preparador granate nun paréntese que realiza para manter unha conversa con Diario de Pontevedra.

Luismi non ten présa por pechar o plantel. Só quere que sexa o mellor posible. E para iso, entende, haberá que agardar a que conclúan as eliminatorias de play-off.

"É normal que estea algo parado. Ata que non conclúa a promoción e tódolos clubs se centren na próxima campaña, non se poderá avanzar de forma definitiva. Hai moitos futbolistas que non che dan o si definitivo porque hai moita incertidume e quedan moitas portas abertas para eles. É moi cedo", explica o técnico de Pasarón. As expectativas da afección chocan coas necesidades de acerto da dirección deportiva e coa limitación dos recursos económicos, que obrigan ao club a moverse noutra dirección.

"As présas non son boas. Hai que ir con cautela, pouco a pouco. Antes de tomar decisións hai que estar ben seguros e valoralo todo. Seguramente, en canto acabe o play-off poderemos darlle forma ao plantel".

PRIORIDADES. As prioridades do equipo pontevedrés no mercado son un dianteiro, un estremo dereito, un media punta, un central e un medio organizador. Pero ademais, poden xurdir outras necesidades se non se concretan as renovacións de varios xogadores que aínda non deron unha resposta definitiva á entidade granate.

"Queremos saber antes con quen contamos e a partir de aí, retocar algunha posición máis".

Nese senso, o técnico amósase comprensivo cos deportistas que non selaron a súa continuidade. "Asumímolo. Eles tamén están pendentes doutras opcións e valoran todo antes de tomar unha decisión. Eu prefiro que sexa así, para que cando se comprometan, o fagan ao cen por cento".

Luismi ten claro cal debe ser o valor fundamental que teña o seu conxunto. Sobre todo, e por riba de todo, "ten que haber equilibrio. É o mellor que lle pode pasar a un plantel: que conte con xente veterá que che ofreza solucións e experiencia e xente nova que teña ambición e ilusión por crecer deportivamente".

O Pontevedra comezará a pretemporada a segunda semana de xullo. O plantel estará traballando durante seis semanas para chegar na mellor forma posible ao comezo do exercicio.

O dato. Ofertas incuantificables
O tráfico de información desde o remate da temporada ata o comezo da seguinte é inconmensurable. Na mesa de Luismi caen ducias de currículos de xogadores interesados en recalar no Pontevedra ou que o club granate pretende incorporar.

"É esaxerado. Hai moitos futbolistas enriba da nosa mesa, pero ao final peneiras en función das necesidades e dos criterios que manexas para facer a túa busca. Aínda así, o volume é inimaxinable. Hai que verse nesa situación".

Para Luismi, esta fase profesional é nova. "É un traballo que non é visible, pero require moita dedicación para que o comezo da temporada poida ser o mellor posible. Nunca sabes se vas acertar, pero polo menos pos o máximo empeño e ilusión para facilitar os mellores resultados".

Comentarios