Luismi: "Son bos futbolistas, teñen que recuperar sensacións"

O técnico vigué aceptou "con ilusión" o cargo interino de adestrador do PCF

Luismi charlando con Jesús Ramos (de costas). JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luismi charlando con Jesús Ramos (de costas). JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Luismi formou parte do plantel do Pontevedra Club de Fútbol entre 1998 e 2003. Foi compañeiro de equipo do actual adestrador de porteiros do primeiro conxunto, Moncho, e do director deportivo, Roberto Feáns. Foi fichado na actual campaña como substituto de Óscar Guimeráns para adestrar ao plantel xuvenil de División de Honra, que se atopa situado na metade da táboa do grupo I.

Con anterioridade dirixiu aos cadetes e xuvenís do Areosa, aos cadetes de División de Honra do Celta e ao Mondariz e o Atios en Preferente. O técnico vigués asumiu con motivación o cargo interino de adestrador do primeiro equipo granate. "Adestrar con xente profesional tráeme moitas lembranzas. Cólloo con moitas gañas, mentres esteamos aquí, para intentar que os xogadores ofrezan a súa mellor versión", asegurou.

Coñeceu a decisión do club o luns e non dubidou en aceptala. "Son un empregado e tomo isto con moita ilusión", comentou.

"Estamos a prepararnos cada día para, se chega a oportunidade, collela. Non é nas mellores circunstancias, tralo despedimento dun compañeiro. Pero o fútbol é así e cando che chega o momento debes aceptar nas condicións que cadren. Neste caso é unha situación complicada, pero facémolo coa intención de poder axudar ao Pontevedra a cambiar a dinámica na que se atopa", agregou o técnico, ao que non lle sorprendeu o que viu na sesión de este martes en Poio.

"Ao final estás ao día porque ves os partidos do primeiro equipo tódolos domingos e coñeces aos xogadores e a idea do club"

"Ao final estás ao día porque ves os partidos do primeiro equipo tódolos domingos e coñeces aos xogadores e a idea do club. Isto é algo que nos favorece", comentou.

Xunto a el estarán como segundo adestrador o coordinador da base, Jesús Ramos, o fisioterapeuta Miguel Arcos e o adestrador de porteiros Moncho.

Luismi non sabe ata cando estará dirixindo ao plantel granate. "Non podo dicir moito. Estou hoxe aquí e igual mañá non. Mentres non haxa adestrador, eu son o responsable de que os xogadores estean nas mellores condicións cando teñan que volver á competición. Afronto isto día a día. Conforme se achegue a competición, haberá que ver máis alá, pero agora é un pouco cedo".

Luismi amosou confianza no plantel. "Foi unha primeira toma de contacto para que se soltasen. Son bos futbolistas, só teñen que recuperar as boas sensacións".

Edu Sousa: "Solo puedo estarle agradecido a Luisito: nos dio mucho"

No retorno aos adestramentos do Pontevedra, cun adestrador diferente ao mando, Edu Sousa explicou que os profesionais deben estar por enriba dos sentimentalismos. "En nuestro trabajo tienes que estar preparado para todas las circunstancias. Tenemos que estar al servicio del club", aclarou o capitán do plantel do PCF.

Edu xa coñecía a Luismi da súa convivencia como técnicos nas categorías base do club. "Tuve la oportunidad de charlar con él en ocasiones anteriores y siempre me pareció un hombre que sabe lo que quiere. Estamos contentos por cómo se dio la sesión", matizou o tudense, que aclarou tamén que o parón polo Nadal foi positivo para desconectar e afrontar a segunda volta da mellor maneira.

Sobre a saída de Luisito, o porteiro admitiu que, en parte, lle sorprendeu. "El fútbol es muy resultadista. Si no ganas, el entrenador siempre está en 'pole position'. Y fue lo que sucedió, aunque sorprendió porque no fue algo que se plantease antes ni que se dejase caer antes".

O capitán despediuse de Luisito en persoa cunha mensaxe de gratitude. "Solo le puedo estar agradecido porque depositó toda su confianza en mí: nos dio mucho e hizo cosas muy importantes aquí. En cuanto conocí su cese, lo llamé para transmitirle eso".

Comentarios