Luismi transforma unha semana nun ano

O adestrador cumpre hoxe 365 días desde a súa chegada ao banco do primeiro equipo granate ▶A Copa RFEF, a salvación e a actual loita polo playoff son os seus logros

Luismi durante un encuentro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luismi durante un encuentro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

E 365 días despois, Luismi segue sendo o adestrador do Pontevedra. O técnico cumpre hoxe un ano da súa sorpresiva chegada ao banco do primeiro plantel granate. E faino fortalecido polos resultados e as impresións que causou a súa escadra en 2018.

O vigués entrou no vestiario de Pasarón trala destitución de Luisito, preparador que forma parte xa da historia contemporánea do club, e foi quen de encher o importante baleiro deixado polo técnico de Teo.

Nunha sesión baixo a chuvia no campo da Seca de Poio, Luismi estreábase á fronte das operacións dun equipo da Segunda B o 26/12/2017. O seu novo destino ía ser cousa duns días: unha ocupación interina. Pero as sensacións que lle causou ao conselleiro da área deportiva, Roberto Feáns, na súa primeira semana de traballo despois do Nadal, fíxolle gañarse a oportunidade de dirixir o primeiro partido do Pontevedra en 2018, contra o Celta B en Pasarón (1-1).

O adestrador granate dirixiu 47 partidos oficiais: 37 de liga e dez de Copa RFEF, e logrou 20 triunfos, 15 en liga e cinco na Copa

A reacción demostrada polo equipo pontevedrés na segunda metade daquel derbi e as dificultades para atopar un adestrador que colmase as expectativas do consello de administración do club deulle vida a Luismi, que acabou sendo confirmado no cargo durante o mes de xaneiro, mentres alternaba triunfos na casa e derrotas lonxe dela.

A escadra da cidade do Lérez reforzouse en inverno de forma suficientemente acertada para mellorar en algúns aspectos do xogo que o estaban a lastrar. E a pesar das súas dificultades para sumar a domicilio e da súa irregularidade, acabou conseguindo reaccionar como visitante nos últimos dous meses de campionato e salvar a categoría con suspense, na última xornada de Liga, disputada en El Cerro del Espino de Majadahonda contra o Atlético de Madrid B.

Ademais de conquistar unha sufrida permanencia, o Pontevedra realizou un magnífico torneo da Copa Federación. A chave para entender o triunfo final do once pontevedrés no torneo do K.O. estaba no talento e a voracidade dos canteiráns que adquiriron protagonismo ao longo da campaña.

Josiño, Pacheco, os irmáns Barbeito, Iñaki e Lezcano sumaron enerxías con futbolistas do primeiro plantel como Anxo, Pibe, Berrocal, Iván Martín ou Prosi para conducir ao colectivo a superar rolda tras rolda ata gañarlle a final ao Ontinyent.

RENOVADO. Ao rematar a campaña, a renovación de Luismi estaba cantada. Nunca, desde que Lupe Murillo é presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, se produciu o troco en verán dun adestrador que conseguira as metas que lle propuxera a entidade. E co vigués non se fixo excepción, aínda que a súa continuidade foi anunciada con frialdade mediante unha nota de prensa que se afastaba da calidez das roldas de prensa que servían para informar, ano tras ano, da continuidade do seu antecesor, Luisito, en Pasarón.

Cunha ampla renovación do colectivo, destinada a subsanar os problemas que padecía o conxunto pontevedrés durante o curso pasado, Luismi comezou a actual temporada, na que intentou desde o comezo implantar un modelo de xogo baseado no dominio dos partidos mediante un bo manexo do esférico.

O colectivo atravesou varias fases ata a data. Empezou sendo fráxil e irregular. Mesmo comezou a circular o rumor do cesamento de Luismi despois de cinco xornadas.

Pero logo se volveu firme en defensa e fiable. Máis tarde mellorou a súa capacidade ofensiva e mesmo o seu fútbol combinativo. Luismi compuxo un equipo camaleónico, con 18 onces iniciais diferentes en outros tantos partidos de Liga, que manexa diferentes sistemas, saca proveito das virtudes de tódolos seus futbolistas e é quen de acoplarse a distintos estilos en función das circunstancias.

En números, Luismi dirixiu 47 partidos oficiais, 37 de liga (19 do curso pasado e 18 deste) e dez de Copa RFEF. O seu Pontevedra gañou 20 encontros, empatou 14 e perdeu 13. Sumou 55 puntos en 37 xornadas ligueiras.

26-12-2017 Luismi, o elixido

Luismi, durante el entrenamiento del Pontevedra CF de este martes. JAVIER CERVERA

Despois de sondear o mercado tralo cesamento de Luisito, o Pontevedra aposta polo adestrador do xuvenil, Luismi, para ocupar o banco do primeiro equipo de xeito interino. O equipo retorna ao traballo ás súas ordes. [JAVIER CERVERA-MERCADILLO]

07-01-2018 Debut con empate

Jorge Hernández celebra su gol ante el Celta B. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Jorge Hernández logrou o primeiro gol da era Luismi. Foi contra o Celta B no primeiro partido da segunda volta. O Pontevedra empatou contra o filial. Luismi seguía traballando, ata ser confirmado a finais de xaneiro. [JAVIER CERVERA-MERCADILLO]

11-04-2018 Campións da Copa RFEF

Los jugadores del Pontevedra celebran su victoria en la Copa Federación de 2018. RAFA FARIÑA

O Pontevedra superou ao Ontinyent na final da Copa RFEF e conseguíu o seu segundo título nunha competición que permitiu coñecer o talento de algúns canteiráns do club. [RAFA FARIÑA]

13-05-2018 Permanencia asegurada

Los jugadores del Pontevedra celebran su victoria en la Copa Federación de 2018. RAFA FARIÑA

O Pontevedra sálvase do descenso no último partido da Liga, grazas aos goles conseguidos por Álex González e David Añón contra o Atlético de Madrid B en El Cerro del Espino. [ADG-MEDIA]

31-05-2018 Renovado

Luismi, en la presentación del Pontevedra para la temporada 2018-2019. RAFA FARIÑA

O Pontevedra renova a Luismi por unha temporada, despois de que o técnico lograse o obxectivo polo que chegara ao cargo. A entidade granate preséntao o 11 de xullo xunto ao plantel. [RAFA FARIÑA]

16-12-2018 Ás portas do play-off

Luismi junto a los jugadores del Pontevedra tras uno de los goles anotados ante la UD Las Palmas B. RAFA FARIÑA

Nunha primeira volta de liga con altos e baixos, o Pontevedra asómase aos postos do play-off de ascenso nos últimos encontros, mercede a unha xeira de catro triunfos seguidos pechada contra o Las Palmas Atlético 1-0. [RAFA FARIÑA]

Comentarios