Lydia Pérez, bronce, e Noelia Lalín, prata, na area de Silgar

A pontevedresa refíxose tras perder as semifinais e bateu a ucraína Nikitinska para ser terceira 
Lydia Pérez, nun combate en Silgar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lydia Pérez, nun combate en Silgar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Lydia Pérez logrou a medalla de bronce na segunda proba das Series Mundiais de Loita Praia que se disputaron durante a fin de semana en Sanxenxo.

A pontevedresa realizou un gran torneo na súa categoría de 70 quilos. Pérez só cedeu no combate de semifinais contra a que sería a vencedora final, a ucraína Kezmena. Caeu por 3-1 contra a competidora do Leste de Europa na penúltima rolda, polo que se tivo que xogar a última praza do podio contra unha contrincante á que xa se medira na fase de grupos, a tamén ucraína Nikitinska.

Na cita definitiva da pelexa polo caixón, a lerezana debeu traballar duro nun combate moi esixente e de moito desgaste, como xa lle ocorrera o sábado contra a súa rival, á que daquela superara despois de remontar un 2-0 desfavorable nos últimos segundos. Desta volta non houbo tanta intriga, e a do Club de Loita Pontevedra venceu por 2-0 pàra obter a presea. Lydia chegou ás semifinais despois de facer pleno no seu grupo, algo que redondeou á mañá do domingo perante a grega Papavasilieo.

Na súa categoría o ouro correspondeu a Kezmena, que superou á turca Tekin por 5-1 na final.

O metal de Lydia Pérez non foi o único que logrou a delegación galega na area de Silgar, xa que Noelia Lalín obtivo unha meritoria prata en máis de 70 quilos.

Lalín perdeu na final contra a ucraína Pavlovets con claridade, por 3-0, despois de superar na penúltima rolda á terceira galega en discordia, Cora Ayude, con contundencia (4-0). Ayude rematou no cuarto lugar, derrotada pola grega Zachiela (3-0), á quen bateu Lalín na fase principal de forma sorprendente para facerse co primeiro lugar do seu grupo.

80 QUILOS MASCULINOS. Na categoría masculina, Pablo García rematou no cuarto posto. García conseguíu chegar ás semifinais despois de desfacerse no último combate do seu grupo do francés Yvan Guiadem por 5-0. Sen embargo, nas semifinais non opuxo toda a resistencia que lle tería gustado contra o tamén español Mohammad Mottaghinia, que lle pechou a porta da final cun contundente 3-0.

Na loita polo bronce, García tampouco tivo moito que facer contra o xeorxiano Kentchadze e foi superado por un claro 3-0 en algo máis dun minuto de combate. O ouro, nunha lide moi igualada, foi a parar ao pescozo de Kamaliaghdam, de Acerbaixán, que venceu contra Mottaghinia cando restaban uns poucos segundos para a conclusión.

Ademais dos deportistas galegos, España realizou unha brillante actuación, co equipo máis numeroso que presentou nunca a un certame destas características. O combinado conseguíu tres pratas e tres bronces nunha modalidade dominada tradicionalmente por países do Leste de Europa ou antigas repúblicas soviéticas, como ocorre coas loitas olímpicas.

O torneo desenvolveuse na praia de Silgar de Sanxenxo, na que foi a primeira experiencia desta modalidade en chan galego e español. A proba estivo lastrada polo feito de non ser puntuable para a clasificación para os Xogos Mundiais de Praia que se disputarán en Bali, Indonesia, o verán de 2023. Só as tres próximas citas concederán puntos para obter o pasaporte, feito que fixo que algúns dos mellores especialistas ficasen na casa e se reservasen, ademais de evitaren os elevados gastos de desprazamento.

A intención da Federación Española é volver organizar a competición no próximo curso 2023, no que as dúas primeiras reunións das Series Mundiais si serán computables para conseguir a participación en chan asiático.

Comentarios