Máis espiñas que rosas na loita pola salvación en Asobal dos pontevedreses

O ano remata coa convocatoria de Alex Chan para disputar o Mundial de Balonmano coa selección de Estados Unidos
Imagen de archivo de Álex Chan. DAVID FREIRE
photo_camera Imagen de archivo de Álex Chan. DAVID FREIRE

O Cisne comezou a súa histórica andaina pola Asobal cunha vitoria na segunda xornada contra o Cangas que resultou esperanzadora. Pero despois encadeou ata dez derrotas seguidas.

Aínda por enriba, a fichaxe máis relevante, a de Chalo Carró, viuse castigada por unha lesión do pivote defensivo que o tivo fóra de combate na primeira volta.

A Covid acabou por provocar a saída de David Chapela, temeroso da situación sanitaria e dos múltiples contaxios en Asobal, entre os que se atopou os da metade do plantel branco, que tivo que permanecer confinado varias semanas e adiar unha manchea de partidos.

Por se era pouco, mancouse Iván Calvo nun dedo da man. O club fichou a Nekrushet, cedido de Huesca, pero por regulamento non poderá debutar ata a segunda volta. Todo novas negativas.

No medio de tantos contratempos, só o cadro de Jabato podía ser quen de sacar carácter para gañar cinco de seis puntos contra rivais directos e seguir soñando coa permanencia. Actualmente é décimo sétimo, con dous puntos menos que os postos de salvación.

Como agasallo para o club, resolveu os seus conflitos con Asobal de forma beneficiosa para ámbalas dúas partes e, na guinda, Chan foi convocado para disputar o Mundial coa selección de Estados Unidos. Unha nova magnífica que pon en valor o traballo de base do club, que conta con varios internacionais de categorías inferiores no plantel, como Pablo González, Carlos Álvarez, Dani Virulegio e Álvaro Preciado e outros notables mozos en crecemento como Mateo Arias ou André de Moura.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios