37-30. Máis quilómetros de voo para o Cisne

O Cisne Dicsa Modular encadeou o terceiro triunfo de pretemporada contra o Sanjoanense nun encontro con reparto de minutos para os mozos do xuvenil e do filial branco
Daniel das Neves lanza a portería durante o partido. RAFA FARIÑA
photo_camera Daniel das Neves lanzando a portería durante o partido do venres.

O Cisne Dicsa Modular segue acumulando horas de voo na pretemporada a ritmo de triunfos. O conxunto contou con Jabato xa sentado no banco no encontro disputado o venres, aínda que contou con moito protagonsimo do seu técnico axudante, Marcos Otero (foi el quen dirixiu as primeiras sesións de traballo do verán en ausencia do de Ciudad Real) na toma de decisións.

O bloque pontevedrés bateu ao Sanjoanense portugués por sete goles. Máis alá do resultado, que carece de todo valor deportivo, o bloque cisneísta amosou as súas armas deportivas e variedade de recursos, aínda coa gran cantidade de ausencias que padeceu.

Ata 20 xogadores dispuxeron de minutos sobre a cancha do pavillón municipal, nun compromiso que estaba previsto como triangular, pero que a ausencia do Teucro, a causa do confinamento que tivo que afrontar polo caso de covid-19 no plantel do Lalín, converteu nun enfrontamento único.

Brillo na primeira liña para os xogadores máis asentados do colectivo na faceta goleadora: CHan e Preciado, con elevadas porcentaxes de acerto no lanzamento. A eles váiselles unindo paseniñamente o brazo armado do luso Daniel das Neves, que segue co proceso de aclimatación, así como a gran cantidade de novos rapaces que alternarán primeiro equipo e xuvenil ou filial que ten en nómina.

Boas sensacións, bos minutos e outro debut de outro xuvenil da inesgotable factoria de talentos do club: o arqueiro Kike Lorenzo, que compartiu protagonismo con Juan Novás.

Ficha técnica:

Cisne Dicsa Modular: Juan Novás, Quique Lorenzo, Diego López (4), Marko Ojeda (1), Carlos Ocaña (1), Álex Chan (5), Pablo Picallo (2), Bruno Vázquez (1), Javiva (2), Iván Calvo, Carlos Pombo (2), Marco García de Castro (2), Álvaro Preciado (6(, Álex Conde, Dani López (2), Iago Vidal, Mateo Arias (4), André de Moura (2), Daniel Mendes (5) e Román Arboleya.

Incidencias: Partido amigable disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra a porta pechada. Non se levantou acta do encontro.

Comentarios