Maite Méndez: "A lesión de María Lago foi o punto máis negro de toda a miña carreira"

Rematou o curso e é o momento de facer balance para o Club Baloncesto Arxil: unha fase de ascenso na que o conxunto verde non foi quen de poñer a guinda, lesións de gravidade das dúas xogadoras máis importante do club da última década, contratempos, sobresaltos... un ano duro, de desgaste pero tamén para ilusionarse de novo
Maite Méndez, sentada no medio da cancha do CGTD. DAVID FREIRE
photo_camera Maite Méndez, sentada no medio da cancha do CGTD. DAVID FREIRE

Aínda co cansanzo do longo desprazamento a Melilla no corpo, Maite Méndez fala desde o seu interior, cos sentimentos quentes, cunha mestura de orgullo, decepción, enfado e tristura polo remate do curso. A campaña 2021- 22 foi unha das máis intensas dos últimos tempos para o Club Baloncesto Arxil. Unha campaña chea de sucesos positivos e negativos, no que aconteceron moitas cousas, en ocasións demasiadas, e que se saldou coa clasificación para un play-off no que todo o que podía saír mal, saíu mal para o conxunto pontevedrés. Tanto en resultados canto en situacións físicas.

"Foi unha temporada bestial, con moitos condicionantes e un esforzo impresionante de todo o club: xogadoras, técnicos, directiva e afección".

E coa mágoa de non poder conseguir o ascenso…

O primeiro día os equipos do grupo A chegamos moi tocados: tres triunfos de máis de dez puntos dos rivais do grupo B. Había moita diferenza a nivel de frescura. Nós chegamos á fase con 25.000 quilómetros de viaxes enriba, por nove ou dez mil do outro grupo.

A viaxe a Melilla, condicionou?

Chegamos o día anterior ás sete da tarde e erguémonos ás sete da mañá para xogar ás once o primeiro partido. Ademais María Lago tivo que viaxar no mesmo día…Despois vén a lesión da propia Lago. Ao longo da temporada disputamos unha gran parte de partidos sen o plantel completo.

Quédalle un sabor agrio polo desenlace?

Vimos as semifinais e había diferenza entre os dous grupos. Pero elas (o grupo B) chegaron moito máis frescas e propuxeron partidos moi duros. Despois, todo o mundo se queixou do nivel da arbitraxe. Nós non saímos ben no primeiro partido. O segundo váisenos das mans no último minuto. Un desastre.

Non me sentín respectada no campionato e así llo fixen saber ao responsable dos árbitros.

Que lles faltou para ascender?

Veteranía. Físicamente chegamos moi rotas. Aínda así aguantamos ben os tres partidos. Fomos quen de competilos. Pero houbo un condicionante no último cuarto do segundo encontro: non dispuxemos de faltas de tiro. E non porque non o buscásemos. 

Fanse poucas dúas prazas de ascenso neste grupo?

Tódolos trocos nas fases de ascenso sempre van ser para peor. Como pase a ser a fase de ascenso de Primeira Nacional, vai ser via crucis. Hai cousas que para unha terceira categoría non teñen sentido. Isto ten que valorarse. Eu acabei moi decepcionada no apoio á figura da muller como xogadora/árbitra/adestradora. De dez árbitros, só unha muller nunha fase de ascenso feminina. Nos corpos técnicos, moi poucas mulleres. Eu era a única primeira adestradora. Aínda que iso non depende da FEB. Pero o tema da arbitraxe si depende dunha entidade que enche a boca co asunto da paridade e o ‘Universo Mujer’. Non me sentín respectada no campionato e así llo fixen saber ao responsable dos árbitros. Había xente que montaba uns circos impresionantes, mentres que eu intentei falar cos colexiados e non me atenderon en ningún momento. Non ten razón de ser cando te xogas o ascenso a unha segunda liga. É unha experiencia inesquecible. Fixeron unha festa de clausura e iso xestionárono moi ben. Foi un acto moi bonito. Pero decepcionada si, vendo a primeira semifinal pensabamos que podíamos estar alí e cando vimos a segunda, pensamos que estivemos a piques de gañarlle a Adareva. Todo o mundo gozou do nivel da fase, pero nós no avión estabamos moi tristes e doídas, porque pensabamos que o tivemos ao alcance da man. O club remou moito para superar contratempos, desprazamentos inhumanos, partidos moi duros, pistas que non son dignas nin de Primeira Nacional. Aínda así chegamos ata aí.

As peores novas da temporada, as lesións de dúas pezas básicas para o club como Carla Fernández e María Lago…

O peor, sen dúbida a lesións de ámbalas dúas. As demais estiveron algo apartadas do equipo puntualmente. A de Dunja puido ser grave. Pero a rotura do tendón de Aquiles de María foi o punto máis negro, probablemente de toda a miña carreira deportiva como adestradora. A nivel espiritual son moito máis que dúas xogadoras: son un puntal fundamental co corpo técnico e de xestión de grupo. Iso notámolo na segunda volta.

A temporada foi como se estivesemos xogando ao tenis e de súpeto a rede cambiase de altura

Que vai acontecer de cara ao futuro con elas?

Temos unha semana para sentar e repousar e analizar todo: os erros en xestión deportiva se hai erros. Queremos seguir facendo un equipo competitivo para seguir medrando como club. Non podemos valorar agora que sucederá. Carla xa está correndo. María ten unha lesión máis complicada. Temos unha reunión co equipo sanitario para ver que expectativas temos nos dous casos e tomar decisión. Pero elas van ter oco no plantel o ano que vén cando estean preparadas fisicamente. Hai que ter paciencia. Carla de momento está dentro de prazos. No caso de María está pendente da operación. Elas saben que esta é a súa casa e o sitio aquí sempre o teñen asegurado. As dúas.

Véselle desgastada, pero tamén con ganas de seguir. Dá a impresión de que este verán non vai haber as dúbidas sobre a súa continuidade de tódolos anos.

Temos que esperar a ver calendario e moitas cousas, porque este ano foi moi duro: non só o tema da xestión do equipo. Cando empezamos a perder e a perder xogadoras, as cousas non foron tan ben. As viaxes, a xestión de descansos fíxonos chegar cansos mentalmente á fase ao corpo técnico. Foi unha cadea de elementos. Foron moitas cousas. Estamos moi orgullosos de onde chegamos. Tiñamos un bo equipo, pero ese equipo foi saltando valos toda a temporada. Houbo detalles que nos saíron mal, condicionantes, aspectos incontrolables que van entrando en xogo. Foi como se estivesemos xogando ao tenis e de súpeto a rede cambiase de altura o rachase a corda da raqueta. Ao final todo iso afecta. A pesar diso, estivmos aí. Estamos orgullosos das xogadoras. Agora toca esperar para ver que plantel podemos ter. Estamos animadas porque despois de sete anos voltamos estar aí, que é importante para o club. Gañámonos o respecto como club outra vez. Fomos os único equipo, xunto con Castellò, que ficamos á entrega de premios dos campións. Recibimos parabéns pola actitude, polo traballo e polo solidarios que fomos cos rivais noutros momentos. É o que debemos lembrar. Cando consegues iso, o obxectivo está cumplido, máis alá de ascender ou non. 
    

Comentarios