martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Malleiras a pares para crecer

undefined
Rufo, Charles e Seoane celebrando un gol de Pontevedra desta temporada. ADG MEDIA
O Pontevedra suma dúas vitorias por tres ou máis goles por primeira vez nos últimos dez anos para meterse no grupo de cabeza. Hai catro antecedentes de encadeados similares no que vai de século

Golear nunca é doado, mesmo para un equipo que está fóra da categoría que por tradición, afección e historia se cre que lle corresponde. O Pontevedra fíxoo en dúas ocasións consecutivas. En dous partidos seguidos que lle permiten recuperar sensacións e tomarlle o pulso á competición.

O once que dirixe Ángel Rodríguez bateu ao Marino e ao Llanera con cadanseu 3-0. En dous encontros, o bloque da cidade do Lérez conseguiu tres efectos: gañar, algo que non fixera ata o momento; marcar máis de dous goles, novidade neste exercicio, e ficar coa portería a cero, feito que tampouco se producira.

O bloque granate xa está situado no grupo de cabeza, con sensacións renovadas na súa batalla polo obxectivo do ascenso.

Dous dos triunfos por tres tantos ou máis foron en Terceira, dentro da mellor serie de triunfos seguidos, sete, dos últimos anos

Os resultados en cadea contra o Llanera e o Marino tardaron 10 anos en producirse. Unha década enteira debeu pasar para que o once da capital do Lérez concatenase dúas vitorias por tres goles ou máis dianas de diferenza. Pode parecer sinxelo para un bloque teoricamente superior aos que o rodean. Pero non o é tanto.

Ao longo do século XXI, o Pontevedra foi en moitas ocasións claro candidato e favorito ao ascenso nas diferentes categorías nas que xogou. Nos catro anos en Terceira División e en moitos dos campionatos de Segunda B que disputou, contaba con planteis dunha calidade tan elevada con respecto ao que o rodeaba que lle permitiu disputar fases de ascenso de maneira case sistemática entre o 2002 e o último ascenso a Segunda B, no 2015. Pero nin así logrou repetir goleadas.

A única vez ata agora no século na que o Pontevedra logrou tres goleadas seguidas foi na segunda etapa con Gay no banco

PRECEDENTES. Ao longo do século só conseguíu ese fito en catro oportunidades. A actual foi a quinta. Dúas delas foron no mesmo mes da mesma liga. Na 2011-12. Cun bo plantel ao seu cargo, Milo Abelleira dirixiu ao bloque pontevedrés a catro goleadas dentro da mellor serie de triunfos encadeados do século. Na quinta e sexta xornadas daquela campaña, o PCF venceu por 3-0 ao Ourense e por 0-3 ao Negreira. Dúas semanas despois, gañoulle 0-3 ao Vilalonga e 4-1 ás Pontes. Alí rematou a gloria daquel equipo, que principiou a súa deriva ata rematar o curso con demasiados trocos de futbolistas, altas e baixas de xogadores inesperadas, malas sensacións no xogo e un play-off inocuo no que foi eliminado con facilidade polo Espanyol B.

Con José Aurelio Gay produciuse outro encadeado de goleadas. Pero non co José Aurelio Gay do play-off, senón co Gay da segunda etapa. Entre a xornada 28 e a 30 da campaña 2008-09, o PCF logrou tres triunfos concatenados por tres goles de diferenza. A única vez que o logrou neste século: un 0-3 contra o Sporting B, un 4-1 contra o Marino de Luanco e un 0-3 en Lezama contra o Bilbao Athletic. O Pontevedra semellaba lanzado a polo play-off, enlazaba seis triunfos seguidos (mellor marca da súa historia en Segunda B). Pero o seu fin de curso foi tráxico.

A outra vez con dúas goleadas seguidas foi con Alberto Argibay como adestrador, na 2005-06, nos dous últimos partidos do ano natural 2005: unha goleada contra o Castillo (5-0) e outra contra o San Isidro (1-4). E non debutara Igor.

Con Gay o cadro granate era quen de marcar máis de tres goles e perder
Ao longo destes anos, o Pontevedra foi quen de facer tres goles ou máis moitas veces en varios partidos seguidos. Pero á marxe das catro ocasións mencionadas, nunca cunha diferenza de máis de dous tantos có rival. 

Mesmo foi quen de facelo perdendo un dos dous partidos da serie. Iso aconteceu na 2002-03, na fase de ascenso: triunfo 3-4 en Barakaldo e derrota 5-6 en Pasarón contra o mesmo rival. Ningún dos dous equipos se xogaba nada. O sistema de liga de ascenso a seis partidos xa os deixara sen opcións antes de medírense. 

Na 2003-04, o PCF fixo tres goles ou máis en catro duelos consecutivos, pero un deses partidos foi perante ao Calahorra: aquela derrota por 6- 3, partindo dun 0-3 favorable. Difícil de esquecer.

Malleiras a pares para crecer
Comentarios
ç