Manuel Collazo: "O club chegou a un tope no que non pode medrar máis"

Premio HQR! ao mellor proxecto de base ▶ É difícil medrar tanto e tan ben como o fixo o CAB en apenas unha década: un club que integra o deporte como método de formación e integración social, feito que o converte en un referente a nivel local e lle dá cada vez máis presenza no ámbito do baloncesto galego
Manuel Collazo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Manuel Collazo, presidente do CAB. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Rigor, respecto, formación e conexión coa sociedade son os piares sobre os que Manuel Collazo desexa que se constrúa unha das entidades con maior crecemento da cidade dos últimos tempos.

Que supón para o CAB o premio HQR! ao proxecto de base?
É unha inxección de moral para a directiva, na que estamos catro pais: Eugenia, Natalia e Jorge están xunto a min neste proxecto, xunto con algunhas outras persoas colaboradoras. O día a día dun directivo dun club deportivo é duro. Implica moito tempo e esforzo. É un recoñecemento moi acertado a un club que está a facer moito por Pontevedra. Temos 21 equipos, atendemos dous colexios e ademais as EDM. Pasamos de non ter presenza a gañar sete títulos e ter cinco equipos, catro deles femininos, en ligas galegas. E ademais fundamos o CAB Social. Contamos con 13 adestradores en nómina. Somos case unha mediana empresa.

É un dos maiores orgullos comprobar como o neno non deixa de medrar?
É un grande orgullo: ver como os rapaces progresan no bote, no rebote, nas entradas coas dúas mans. Podemos corrixir a un rapaz por non realizar ben unha acción de técnica individual, pero nunca por encestar ou non encestar. O importante é que aprendan a base e a técnica. Nese aspecto intentamos reforzar ese traballo desde abaixo, e por iso temos os adestradores con máis peso específico nas categorías máis baixas, en premini e mini, que é onde se aprende o oficio.

Cales son os seguintes obxectivos do club?
O club chegou a un tope no que non pode medrar máis, sobre todo porque hai escaseza de canchas. Gustaríannos achegar algún xogador/-a á selección galega e tamén algún adestrador. A nivel deportivo, que os rapaces aprendan ben. Os títulos, con iso, xa veñen.

Que é o mellor e o non tan bo de ser directivo?
O bo: o recoñecemento e os rapaces, que che dan moita forza. Satisface axudar a un club de forma voluntaria a medrar. O máis duro é o día a día. Os pais marchan de vacacións cando remata o campus en xullo e a directiva segue a traballar. Hai que pagar 13 nóminas tódolos meses. Hai unha responsabilidade civil. Manexamos un orzamento de máis de 100.000 euros. Sen as empresas colaboradoras sería imposible de acadar. Somos estrictos e serios e queremos que o club teña un funcionamento profesionalizado, o que é moi difícil.

Un aspecto esencial do club é o aspecto social, o CAB Social.
É un grande obxectivo para nós. Baséase en tres piares: o deporte integrado, un aspecto no que aínda temos moito camiño que percorrer; as campañas e axudas a asociacións: niso facemos o máis que podemos; e o ocio inclusivo: levamos aos rapaces de Down Pontevedra aos campus, veñen ver o Obradoiro a Santiago connosco, moitos veñen ver os partidos do equipo sénior. Este ano, ademais, incorporamos o traballo con pacientes de Duchesne.

Desde que é presidente, algunha vez pensou en deixalo?
Moitas. O ano pasado na asamblea xeral detectamos dúas grandes limitacións: a disponibilidade de pavillóns acondicionados para o baloncesto e a sobreexposición da directiva. Ese é un risco latente. Solucionar ese problema implicaría contar con máis empregados no ámbito administrativo, porque se non isto pode colapsar en calquera momento. Aí si que vexo un problema importante. Polo demais, grazas a todo o que fixemos, ao club non lle faltan rapaces. Mesmo ás veces non podemos acoller a todos. E a nivel de adestradores, somos unha referencia. Moitos adestradores queren vir ao CAB.

O baloncesto pontevedrés está dividido en catro clubs, pero o seu estado de saúde parece que nunca foi mellor…
Certo. Pero creo que os directivos e as direccións deportivas deberíamos dar un paso adiante para cooperar en moitas máis cousas. Vendo o nivel que hai, se só fosemos un club, Pontevedra sería unha potencia no básquet galego. Hai moi bos xogadores, pero divididos en varios clubs. Se unísemos forzas, sería interesante. Pero é certo que é moi complicado. En calquera caso, xa estamos a colaborar en eventos.

As relacións cos outros clubs de Pontevedra, como son?
Son boas, moi boas. Desde a directiva intentamos que as relacións sexan correctas e estables con tódolos clubs e así o son.

Pensou ata cando seguirá?
Gustaríame estar toda a vida, pero entendo que, como con todo, hai unha data de caducidade.

Baixo a súa experiencia que debe cambiar no baloncesto e nos clubs?
A nova directiva da Fegaba está a dar pasos na dirección correcta. A nivel de clubs, hai que deixar traballar as directivas e as directivas teñen que deixar traballar os adestradores. Establecer unha metodoloxía de traballo, un libro de estilo aplicable a tódalas categorías do club. Iso custa un tempo aplicalo. A nivel municipal, o principal problema é o pavillón. Xa que os clubs realizamos un traballo para a sociedade, deberíamos ter ferramentas para poder desempeñalo: atendemos a preto de 1.000 rapaces no baloncesto pontevedrés. Anabel Gulías está a facer un bo traballo, pero faltan instalacións... non só pavillóns, senón ás veces salas para poder levar a cabo reunións. Niso hai moito que crecer.

Cal é o desexo para 2024?
O CAB está no bo camiño e os próximos dous anos son fundamentais para asentar o proxecto. Que metamos algún xogador ou adestrador na selección. Pero se lle teño que pedir algo ao baloncesto galego é o respecto máximo aos árbitros: que a Fegaba non teña que poñer sanción ningunha debido a que desde a bancada ou dos bancos haxa faltas de respecto ou violencia cara os colexiados. Con iso hai que ter tolerancia cero.

Persoal
Un emigrado apaixoado do deporte
Máis de un cuarto de século no estranxeiro abren a mente e forxan a personalidade. Ese foi o período que Manuel Collazo viviu en Mainz, Alemaña: desde os oito anos ata xa entrado o século XXI. Nesa etapa mesmo chegou a debutar na Segunda División da Bundesliga.

Nacido en Moraña, casado con Lucía e pai de Joel e Carla, asume a presidencia do CAB intentando achegar os coñecementos que a cultura teutona deixaron no seu ser: rigor, responsabilidade, respecto e formación. O afán non é outro que o traballo pola mellora do baloncesto pontevedrés, sen deixar de lado unha achega á sociedade desde unha ollada solidaria.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios