O Marín Futsal queda sen Sara Santos antes da visita do Burela

A xogadora brasileira xogará cedida no Ourense Envialia o que resta de temporada
Sara Santos durante un partido co Marín Futsal ANXO LORENZO
photo_camera Sara Santos durante o amigable do Marín Futsal contra o Ourense Envialia B. ANXO LORENZO

Sara Santos non estará este sábado sobre o parqué do pavillón Municipal da Raña de Marín para afrontar a sétima xornada de liga de Primeira División. A brasileira causa baixa no club marinense despois de acadar un acordo co Ourense Envialia para pasar a formar parte da súa disciplina ata o remate da temporada en condición de cedida. 

O conxunto de Ramiro Díaz perde potencial antes da disputa dunha xornada na que recibirá un dos claros candidatos a loitar por todos os títulos esta temporada, o Burela Pescados Rubén, invito ata a data.

A relación entre os dous clubs facilitou a operación. A entidade das Burgas xa coñecía as habilidades da carioca, polo que a adaptación será máis sinxela para a xogadora, que explicou os motivos da súa saída.

"Hai unhas semanas puxéronse en contacto comigo e fixéronme unha oferta que considero moi boa para min e para o meu futuro", aclarou, antes de desfacerse en eloxios ao Marín Futsal polo trato que recibiu e por facilitar a transacción. 

O contrato de cesión establece que Santos non poderá enfrontarse ao Marín Futsal co seu novo equipo

"Estou agradecida ao club por terme dado a oportunidade de estar aquí. O grupo que teñen estas mozas é un dos mellores nos que estiven nunca. A decisión non foi sinxela, pero creo que é o mellor para o meu futuro", expresou a xogadora brasileira, que tamén comentou que non houbo grandes complicacións para que as partes acadasen un punto de encontro. 

"A relación entre os clubes é boa e fixo que o acordo fose moito máis fácil. Agora espero aportar moitas cousas ao Ourense e que consigamos crecer e mellorar en cada adestramento", finalizou. 

O contrato de cesión establece que Santos non poderá ser aliñada en ningún enfrontamento do Envialia cando o seu novo equipo se mida ao Marín Futsal.

Non será a única baixa para o envite deste sábado contra o Burela: tampouco estará Bea Mateos por motivos persoais.

Será unha difícil proba para o bloque de Ramiro Díaz, xa que enfronte estará un bloque invicto e sen dúbidas, ao contrario das marinenses, que logo dun comezo esperanzador, levan catro xornadas consecutivas sen coñecer o triunfo: dúas igualadas e dúas derrotas nos catro enfrontamentos máis recentes. No último duelo, o cadro da franxa celeste igualou 1-1 fronte o Alcorcón na casa.

Non parece o momento máis apropiado para lograr a remontada, pero se hai unha ocasión sinalada para ofrecer a mellor cara, esa é con motivo das grandes visitas.

Comentarios