O Marín Peixegalego procura o pleno contra La Flecha

O equipo de Javi Llorente non poderá contar con Daniel de Villalobos, mancado nun xeonllo nun adestramento semanal
Javi Llorente durante un tempo morto do Peixegalego. GONZALO GARCÍA
photo_camera Javi Llorente durante un tempo morto do Peixegalego. GONZALO GARCÍA

O Marín Peixegalego procura a terceira vitoria da temporada no seu arranque de curso na Liga EBA. O equipo dirixido por Javier Llorente mídese ao La Flecha, a partir das 19.00 horas deste sábado no Polideportivo Municipal de La Vega, na localidade vallisoletana de Arroyo de la Encomienda. 

Os dous bloques comparecen en escena con traxectorias completamente opostas. A escadra azul acumula dúas vitorias en dous enfrontamentos, cunhas boas sensacións que o colocan no paquete de equipos con pleno no inicio do campionato. O bloque castelán está na zona baixa da clasificación, como pechacancelas, resultado de dúas derrotas, a última delas moi abultada fronte á Cultural y Deportiva Leonesa, líder da clasificación e un dos candidatos a pelexar polo ascenso. A outra derrota, en Betanzos, pon de manifesto que o bloque de Arroyo aínda ten marxe de mellora neste arranque de competición.

No Marín Peixegalego a situación é completamente diferente. Malia as baixas, derrotou o Círculo de Gijón, un dos claros aspirantes a vencer a liga regular e loitar polo ascenso, e o Cultural Covadonga, cadro da zona baixa que tampouco estreou o apartado de triunfos. 

A visita a terras castelás será unha nova proba para o bloque do Morrazo, que chegará á cita novamente en cadro, con só sete xogadores séniores dispoñibles. Á ausencia de Zack Monaghan (aínda non chegou a chan pontevedrés e desde o club non queren precipitarse na confirmación da fichaxe), súmase a de Daniel de Villalobos, que durante a semana padeceu un problema no xeonllo que lle impedirá viaxar e o ten á espera de resultados de probas médicas para coñecer o alcance da doenza.

Comentarios