A Media Maratón de Pontevedra busca novos Reis

Álvaro Prieto aspira a obter o primeiro título da proba, na que non correrá o vixente campión, Alejandro Fernández. Edymar Brea, gran favorita para reeditar a coroa na categoría feminina
Manuel Hurtado e María Yolanda Gutiérrez, triples gañadores do Medio Maratón de Pontevedra. JAVIER CERVERA
photo_camera Manuel Hurtado e María Yolanda Gutiérrez, triples gañadores do Medio Maratón de Pontevedra. JAVIER CERVERA

Poucas cidades teñen un enraizamento tan grande do atletismo como Pontevedra. Dous clubs da disciplina regan a súa canteira e un deles, a Sociedad Gimnástica, faino coa vitola de decano da disciplina en España.

O estilo de vida da cidade e a súa organización é unha continua chamada á practica do deporte popular, do deporte ao aire libre. Nese contexto, e coa febre do atletismo afeccionado instalado na sociedade, é doado comprender que a Media de Pontevedra sexa un dos maiores acontecementos anuais do deporte local.

A Media Maratón rexorde despois dun ano pasado marcado polas grandes dificultades derivados da pandemia. Cuns protocolos aínda ben rigorosos para a disputa da competición, a carreira, que nas últimas campañas recuperou a vella denominación de Gran Fondo (así foi bautizada nos anos 70 a proba de 20 kilómetros que se celebraba e que foi o preludio da actual Media), acadou a cifra dos 600 inscritos na longa distancia e os 350 na 10K.

Ao longo dos anos, a proba viu desfilar a algúns dos máis grandes especialistas galegos do fondo e mesmo deportistas doutras zonas da península.

Manuel Hurtado posúe o actual récord de triunfos na proba masculina (3). Pedro Nimo venceu tamén tres ocasións, pero na 2016 non se inscribiu na Media e si no Campionato Galego para o que era valedoiro a distancia, polo que tecnicamente só ten dous éxitos. Elías Domínguez (7) é o que sustenta máis podios. Na carreira feminina hai cuádruplo empate a tres triunfos no alto do palmarés. A lusa Alcira Lario foi a primeira e a tudense Leticia Fernández Barbosa, a que o fixo de maneira máis recente. Clásicas como Soledad Castro ou Yolanda Gutiérrez tamén lograron o triplo entorchado.

DE 100 A 1.500. A carreira evoluiu desde unha proba para elixidos cara a unha carreira masiva. Os 600 participantes da longa distancia desta oportunidade son unha pequena parte dos que chegaron a completar a proba noutros momentos da súa historia. En 2015 acadaba o seu cénit a nivel de participación, con case 1.500 deportistas na liña de meta, a pesar de que o tempo fixo as súas falcatruadas e causou algunhas retiradas e algunha que outra incomparecencia tamén.

Iso contrasta co grupo selecto de competidores dos primeiros medios maratóns, nos que se citaban entorno a un centenar de atletas para cubrir a distancia.

Na Media tomaron parte atletas con aroma olímpico. Competiron e gañaron. É o caso de José Carlos Adán, dobre vencedor da competición entre a década dos 90 e dos 2000, ou de Elisardo de la Torre, ámbolos dous brillantes vencedores dunha carreira que modificou o seu percorrido en varias ocasións.

ATA MARÍN. O circuito, con algunhas alternativas, co casco antigo como protagonista xunto coa beira do río e a Ponte dos Tirantes, ten moitas variantes ao longo da historia da proba.

A viaxe de ida e volta a Marín foi habitual durante a primeira década da carreira. Cun circuito que atravesaba a autovía, os corredores realizaban tempos fastuosos aproveitando a falta de xiros, de cambios de dirección e de subidas e baixadas. Recto, plano e liso.

A XXV edición apunta á vixente campioa, Edymar Brea, como principal favorita para revalidar o título do pasado curso. Haberá que comprobar o estado de forma da polifacética competidora venezolana. O dorsal 1 da carreira correspóndelle por méritos propios. Na categoría masculina, Alejandro Fernández non poderá reeditar a vitoria do pasado curso, ao non estar entre os inscritos. Si estará na liña da saída Álvaro Prieto. Despois de dous segundos postos, presenta a súa candidatura a filtrarse no grupo de gañadores.

O triplo triunfador da competición, Manuel Hurtado, co dorsal número catro ao peito, agarda pelexar polas prazas de honra e, quen sabe, se agrandar o seu palmarés ata o cuarto triunfo.

Entre os gañadores da proba hai varios deportistas nados fóra das nosas fronteiras. Alcira Lario ou Edymar Brea en categoría feminina, a primeira e a última muller en facelo. Entre os homes, o lituano Robertas Geralavicius e o marroquí Hassan Lekhili inscribiron o seu nome no libro de honra da carreira, na que tamén gañou un corredor paralímpico por eiva visual, o gran Gustavo Nieves.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios