Medio milleiro de ciclistas enfrontaranse a ramplas de máis do 20% na Pontevedra 4 Picos

O itinerario discorrerá por Moraña, Campolameiro, Fentáns, Cuspedriños, Ponte Caldelas, Marcón, Lago de Castiñeiras, Marín e Pontevedra
Presentación de 4 Picos Road. DP
photo_camera Presentación de 4 Picos Road. DP

Medio milleiro de ciclistas enfrontaranse este domingo á IV edición da Pontevedra 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela, cuxo itinerario discorrerá por Moraña, Campo Lameiro, Fentáns, Cuspedriños, Ponte Caldelas, Marcón, Lago de Castiñeiras, Marín e Pontevedra.

Os participantes na proba cicloturista, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa firma Global DXT, a Deputación e a Federación Galega de Ciclismo, deberán completar un percorrido de 121 kilómetros, no caso de realizar a distancia longa (o fondo), ou de 90, para aqueles que opten pola de medio fondo.

O evento, que conta co apoio do Grupo Froiz, a bebida oficial galega Artio Sport Drinks e a cadea de Panaderías Xeve (que achega alimentos), así como doutros patrocinadores privados como Ottobosley, marca dos chalecos conmemorativos que se entregarán a todos inscritos, foi presentado este mércores no Teatro Principal.

No acto participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes Gregorio Agís; o director técnico do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Evaristo Portela; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o responsable da organización, Josevi Cimadevila, e o responsable de seguridade e tráfico da proba, o brigada da Garda Civil Óscar Álvarez.