Melania Rodríguez avanza á segunda rolda en Bakú

A pupila de Pablo Hinójar rematou na décima terceira posición a primeira fase da Copa do Mundo de trampolín, puntuable para a clasificación olímpica de París 2024

Melania Rodríguez nos World Games 2022.
photo_camera Melania Rodríguez nos World Games 2022.

Melania Rodríguez estará este sábado 24 na segunda rolda da Copa do Mundo de trampolín que se disputa na capital de Azerbaixán, Bakú. A deportista do Ximnasia Pontevedra obtivo a décimo terceira mellor puntuación das participantes na primeira rolda, de maneira que garantiu o seu lugar na penúltima fase.

Rodríguez procura a maior cantidade de puntos para intentar esgotar as súas posibilidades de clasificarse para os Xogos Olímpicos de París 2024.

A ponteareá pasou ás semifinais da cita azerí despois de sumar 54,070 puntos na súa segunda oportunidade. Iso permitiulle rematar por diante da súa compañeira de selección Noemi Romero, coa que pelexa pola única praza á que tería dereito España nos Xogos de París 2024 (se algunha das candidatas é quen de superar os esixentes criterios establecidos pola Federación Internacional de Ximnasia).

A ximnasta comezou a súa participación nesta penúltima proba puntuable para a clasificación olímpica cun erro no seu primeiro exercicio. Os seus 19,440 puntos obrigábanlle a manter a concentración e non fallar na súa segunda actuación, coa fin de garantir a presenza na penúltima rolda.

Finalmente, a pupila de Pablo Hinójar foi quen de completar unha boa segunda rutina que lle permitiu acadar os 54,070 puntos que lle deron o pasaporte para a seguinte fase.

Nese segundo paso cara a final tamén estará Noemi Romero. A outra representante española finalizou a primeira clasificatoria no décimo noveno lugar, con 53,880 puntos. Foi unha primeira quenda moi igualada, na que a décima e a vixésima clasificadas estiveron separadas por só tres décimas.

As diferenzas, se cadra, foron máis acusadas con respecto ás dúas primeiras. As chinesas Zhu Xueying e Hu Yicheng pasaron á semifinal coas mellores calificacións, 56,900 e 56,690, respectivamente, cunha notable diferenza sobre tódalas demais.

Melania tomará parte este sábado 24 coas 24 mellores á procura dunha das oito notas máis destacadas para poder estar na final. Está previsto que o segundo grupo, no que foi incluida a pontevedresa, comece a desenvolver a súa actividade a partir das 12:50 hora local (9:50 de Pontevedra).

Comentarios