Melania Rodríguez avanza ás semifinais do Mundial de trampolín

A representante do Ximnasia Pontevedra concluíu na décimo sexta posición a primeira rolda clasificatoria, dominada pola inglesa Peage e a armada chinesa
Melania Rodríguez no último Campionato de España . DP
photo_camera Melania Rodríguez no último Campionato de España. DP

Melania Rodríguez clasificouse para a rolda semifinal do Campionato do Mundo de trampolín que se disputa desde este xoves e ata o domingo na localidade de Birmingham (Reino Unido).

Rodríguez rematou na décimo sexta posición na primeira quenda clasificatoria do mundial despois de realizar unha mellor puntuación de 53,680 puntos na súa segunda rutina. Na primeira, a valoración dos xuíces, que teñen en consideración catro elementos diferentes para emitir a súa puntuación, foi sensiblemente inferior, de 53,250.

As sensacións despois da primeira quenda de competición non son as mellores para os intereses da deportista ponteareá de superar o reto de meterse na final, xa que ficou a máis de un punto de distancia do oitavo lugar, o último que terá posto na rolda definitiva, a loita polas medallas. Rodríguez finalizou a 1,150 puntos da oitava clasificada, a chinesa Cao Yunzhu. Cabe lembrar que esa cantidade, oito prazas, son tamén as que están en disputa como pasaporte para os Xogos Olímpicos de París 2024. Os dous exercicios da pupila de Pablo Hinójar eran de unha dificultade de 14,200.

As semifinais terán lugar este sábado a partir das 13:00 horas

Melania foi unha das primeiras deportistas en subir ao trampolín para levar a cabo o seu exercicio. Foi este xoves á mañá (ata 76 competidoras estaban inscritas nesta proba). Provisionalmente chegou a colocarse en primeira praza e rematou no segundo lugar o seu grupo clasificatorio.

Pero a medida que foron sucedéndose as competidoras, as principais favoritas foron superando e mellorando a puntuación da ximnasta ponteareá.

Non foi sorpresa que a inglesa e campioa do Mundo Bryony Peage fose a que acadase unha mellor puntuación de tódalas participantes. A británica completou as dúas mellores rutinas das competidoras. Calquera delas lle serviría para chegar á segunda rolda clasificatoria como primeira. Rematou cunha mellor puntuación de 57,210, por diante da armada chinesa que encabezaba Zhu Xueying (cun mellor exercicio de 56,340). A terceira e cuarta clasificadas da xornada do xoves tamén foron da superpotencia asiática.

Rodríguez foi a segunda mellor española das participantes, superada pola ximnasta albaceteña Noemí Romero, que finalizou cun rexistro de 54,350.

A pupila de Pablo Hinójar ficou a máis de un punto da oitava praza, que marca a clasificación olímpica

As roldas semifinais levaranse a cabo coas mellores 24 deportistas, este sábado, a partir das 12:00 hora local inglesa (13:00 hora española). No caso de avanzar cara á final, Rodríguez tería o seu gran reto o domingo a partir das 13:10 hora local (14:10 en Galicia).

Na clasificación por equipos nacionais despois da primeira xornada, o combinado español rematou na quinta praza, grazas á achega de Melania Rodríguez, Noemí Romero, Erica Sanz e Noa Puente-Dodd. Sumaron un total de 312,470 puntos e concluíron por detrás do poderoso equipo chinés. No segundo lugar remataron as francesas. Terceiras foron as canadenses e cuartas, as xeorxianas.

A proba de trampolín é a máis relevante para Melania Rodríguez, por ser a única modalidade olímpica dentro da ximnasia acrobática. Iso si, non será a única na que ten programado participar. Este venres ten en mente competir entre as 10 e as 14:00 horas nas probas clasificatorias de dobre mini tramp.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios