A mellor loita chega a Silgar

Competidores de 20 países tomarán parte na segunda reunión do Ranking Series Mundiais de Loita Praia que se levará a cabo a próxima fin de semana no areal de Sanxenxo
Un momento da presentación no Concello de Sanxenxo. CEDIDA
photo_camera Un momento da presentación no Concello de Sanxenxo. CEDIDA

Os mellores especialistas do mundo da loita praia competirán nas areas de Silgar a próxima fin de semana do 18 e 19 de xuño na segunda reunión do Ranking Series Mundiais de Loita Praia que foi presentada onte no consistorio sanxenxino.

Sanxenxo é a primeira localidade española que acolle unha cita de tal envergadura desta disciplina, que xa celebrou a súa primeira proba en Turquía a finais de maio. Despois haberá tres paradas máis, en Francia, Grecia e Romanía, onde se levará a cabo a gran final.

Á beira da Ría de Pontevedra acudirán os mellores deportistas dos 20 países inscritos no evento. Super potencias da loita como Georgia, Romanía, Francia, Azerbaixán, Grecia ou Taxikistán terán representación no certame, como tamén o terá a veciña Portugal. Chama a atención tamén a presenza de Ucraína no certame, dada a situación pola que está a atravesar o seu país.

Os horarios de competición serán de 10:00 a 13:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas. As finais quedan reservadas para o domingo 19 de 15:00 a 18:00 horas, onde os deportistas se xogarán as preseas, o trofeo o mellor derrubo (o máis espectacular), así como a clasificación final por equipos.

Para este evento a Federación Galega de Loita e D.A. montará na praia de Silgar unha instalación deportiva, con bancadas, haimas e dous círculos oficiais de Loita (7 metros de diámetro), para o desenvolvemento da proba.

Pablo García, do Club de Loita Pontevedra, será a representación local no campionato na categoría de -80 quilos. Non estará presenta Lydia Pérez, concentrada coa selección española absoluta para participar nos Xogos do Mediterráneo. Ademais de García, Noelia Lalín do Keltoi de Vila de Cruces (+70 quilos) e Cora Ayude (Escola Ayude de Santiso, +70 quilos) son as outras membros da delegación española que a fin de semana competirán sobre a area de Silgar.

Regras

A Loita Praia e unha disciplina con regras sinxelas para simplificar o seu entendemento:

Gaña o deportista que consiga tres puntos antes de que finalice o tempo de combate, que son tres minutos.

Para lograr un punto, cada loitador precisa que o adversario pise fora do círculo de area ou derribar ao adversario e facerlle tocar o chan con calquera parte do corpo que non sexan as prantas dos pés. Conséguense 3 puntos e acaba o combate cando se proxecta o adversario polo aire e cae coas costas contra a area. En caso de que remate o tempo, vencerá o deportista con maior número de puntos.

A colaboración directa entre a Federación Española e a Federación Galega de Loitas Olímpicas posibilitou a chegada do Mundial a Sanxenxo. O Concello de Sanxenxo, que concedeu tódalas facilidades para albergar a proba, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral para o Deporte axudaron de forma crucial para que o evento tivese lugar na ría de Pontevedra.

A cita é a antesala do mundial de loitas olímpicas sub-23 que se levará a cabo no mes de outubro, así como os mundiais de grappling e grappling-Gi U-17, U-20 e absoluto.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios