O mellor tempo para a Ostra

A popular carreira de Arcade bateu o seu récord de participación con máis de 400 deportistas. A proba tivo carácter inclusivo, coa presenza de deportistas de atletismo adaptado, e solidario

Carreira da Ostra celebrada o pasado domingo no peirao de Arcade. RAFA FARIÑA
photo_camera Carreira da Ostra celebrada o pasado domingo no peirao de Arcade. RAFA FARIÑA

Pagou a pena a espera. A Carreira infantil da Ostra bateu o seu récord de participación coa presenza de máis de 440 atletas menores de idade no trazado realizado arredor da zona do Peirao de Arcade. O adiamento da proba o 31 de marzo, debido ás inclemencias meteorolóxicas, traduciuse dúas semanas despois nunha exitosa cifra de rapaces e rapazas vestidos de curto.

Ademais do seu afán lúdico e da promoción da actividade física entre os mozos e nenos do municipio e da contorna, a proba tivo carácter inclusivo, coa participación de atletas de categoría adaptada. Igualmente, tivo un acento solidario, ao contar coa presenza da Asociación Bicos de Papel.

A carreira tivo unha gran presenza de seareiros, pais e nais dos deportistas e veciños da localidade, que aproveitaron o bo tempo para gozar dunha xornada fundamentalmente festiva máis que competitiva. A ubicación do itinerario íntegro na zona do porto da localidade facilitou a presenza dos espectadores e o seguimento da proba. Así, as beiras estaban ateigadas de afeccionados que acompañaron e deron folgos aos participantes.

Os máis pequenos, os biberóns, correron ao caron dun adulto, pai ou nai, para percorreren os 50 metros da distancia que correspondían ao seu grupo de idade.

A organización concedeu premios a tódolos participantes: unha medalla conmemorativa dun momento no que puideron probar as súas habilidades e unha mochila con cadansúa merenda e con material didáctico para a promoción de hábitos saudables.

Inclusiva

A carreira afrontaba a súa primeira edición con carácter inclusivo. Nunha mesma liña de saída reuníronse persoas con e sen discapacidades.

Os menores participantes dentro da categoría de atletismo adaptado realizaron o percorrido co acompañamento de familiares, amigos e con persoas voluntarias. Cada neno participante con diversidade funcional e con necesidades especiais, puido realizar un percorrido exclusivo de aproximadamente 150 metros. As medidas incluíronse dentro do programa "Soutomaior Inclusivo".

Con distancias desde os 50 ata os 600 metros, a carreira contou con corredores desde os biberóns ata os infantís.

Ademais, a edición tivo carácter solidario, xa que se proporcionou a visibilidade á Asociación Bicos de Papel, que desenvolve o seu traballo coas familias cuxos fillos foron ou están a ser tratados na Unidade de Oncoloxía Pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a través da colocación dun stand durante a carreira co obxectivo de recadar fondos, coa participación voluntaria de corredores e espectadores.

Comentarios