Con Mendieta e Otto van Mudi camiño á permanencia

David Goldar e David Castro cruzaron os seus camiños en ducias de ocasións desde a infancia, cando se coñeceron xogando ao fútbol e acuñaron os seus alcumes, ata agora, que loitan xuntos pola salvación do Pontevedra na Segunda B 

Goldar e Castro posando para Diario de Pontevedra en Pasarón. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Goldar e Castro posando para Diario de Pontevedra en Pasarón. OLGA FERNÁNDEZ

A David Castro empezáronlle a chamar Mudi cando era un rapaciño e chegou a Pontevedra para xogar no A Seca. Castro era máis ben reservado. A súa falta de locuacidade puxo a primeira pedra para o seu alcume. Entre o seu adestrador, os seus compañeiros e o seu bo sentido do humor fixeron o resto. 

«Hai que falar máis no campo. Parecemos todos mudos, como David Castro», díxolle un día o seu técnico a todo o plantel da Seca infantil. A broma non quedou alí, porque os xogadores do seu equipo «aburríanse nun adestramento» e comenzaron a declinar as diferentes variables internacionais do seu apodo orixinal. «En inglés, Mudison; en portugués, Mudisão, e en holandés, Otto van Mudi». 

"En inglés, Mudison; en portugués, Mudisão, e en holandés, Otto van Mudi" 

Daquela graza, Castro sacou unha utilidade cando tivo que darse de alta no Twitter. Canso de comprobar como estaban ocupados tódolos dominios relacionados co seu nome, «púxenme @OttoVanMudi. E claro, se nas redes sociais tes ese nick, ao final o alcume queda con máis forza. Ao final manteño ese nome no Twitter, porque me queda como lembranza e ademais faime moita graza», di o protagonista.


David Goldar foi Mendieta desde un pouco antes, cando aínda xogaba na escola, en Portas. As súas guedellas douradas asemellábano a Gaizka Mendieta, a grande estrela do Valencia CF do cambio de século.

Goldar era moi pequerrecho daquela e xogaba preto da área, como agora, pero da área rival. «Era goleador: dianteiro, estremo. Era moi pequeniño, dei o estirón moi tarde», lembra.

"Era goleador, dianteiro, estremo. Era moi pequeniño, dei o estirón moi tarde"

Pouco a pouco foi vendo a súa posición retrasarse. Cando fichou pola canteira do Celta comezaron con aquel labor. «Pasei oito anos de medio centro». 

En xuvenil de segundo ano, con David de Dios como adestrador celeste e con Luis Santiago na selección galega que se proclamou subcampioa de España de autonomías «xa xoguei coma central».


«É unha bendita locura», recoñece o futbolista de Romai, que agora xa é máis coñecido polo seu apelido que por aquel alcume de infancia.


O curioso é que Castro e Goldar, Otto van Mudi e Mendieta, levan toda a vida cruzando os seus destinos, desde o colexio ata agora, que comparten minutos no centro da defensa do Pontevedra, posto que Castro debeu asumir hai pouco.

«Ao contrario do que lle pasou a Goldar, sempre lle saquei unha cabeza aos demais nenos, desde ben pequeno». Os adestradores aproveitaban o seu desnvolvemento para aliñalo de estremo, de centrocampista e, máis tarde, de lateral. «De central nunca xogara ata o ano pasado, nun partido de Copa Deputación». Este curso acoplouse a esa posición como solución de emerxencia e, polo seu rendemento, non parece ser unha idea desafortunada. 

Os dous granates coñecéronse no colexio, nos xogos escolares comarcais que se organizaban en Cuntis, Portas ou Caldas. «Lembro estar no descanso do xantar cos compañeiros de Cuntis vendo como xogaban os rapaces de Portas». Castro viu a Goldar, que destacaba, e decidiu achegarse a el para facerlle a pregunta máis universal dos nenos. «Podemos xogar?»

«Nin me lembraba. Era o capo, hahaha», ri Goldar afablemente ao coñecer aquel detalle perdido xa da súa memoria. 


Desde entón enfrontáronse ducias de veces. O de Portas foi ao Vilagarcía primeiro e ao AJ Lérez despois, en alevíns. O cuntiense fichou polo A Seca pouco despois, xusto antes de que o seu actual compañeiro marchase para o Celta. Nesa etapa coincidiu co tamén granate Pibe.

Actualidade. Agora comparten responsabilidade no primeiro equipo do Pontevedra cun obxectivo común, a permanencia». Quédanlles cinco xornadas.

«Vimos nunha dinámica boa e temos un partido chave agora contra o Guijuelo. Teño confianza: imos saír de aí», explica o cuntiense.
Niso concorda co seu veciño de Portas, que cre que o Guijuelo ten máis motivos para preocuparse. «Vén a Pasarón e está nunha dinámica complicada na que non obtén bos resultados. O Pontevedra leva catro de catro, aínda que sabemos que vai ser difícil e que imos ter que sufrir».

"Crecín vindo a Pasarón, tirando papel hixiénico ao campo para despois pedir perdón por facelo e ter que recollelo"

David Goldar aplica mesura na súa análise da situación do equipo, máis alá da clasificación. «Cambiou todo, por cousas do fútbol: o que mandan son os resultados. Non estamos a facer nada extraordinario agora nin algo pésimo antes».

Como explica o seu compañeiro, as dinámicas son vitais para entender o final da temporada do PCF e a súa reacción. «Sabiamos que nos podía chegar o noso momento de encadear dúas ou tres vitorias seguidas que nos desen un plus de confianza».

Os dous lle piden aos seareiros que apoien e que crean. Que gocen se vai ben e lles dean calor se non saen as cousas. «Que non veñan a xulgar con ollo inquisidor, como se os futbolistas lles debesemos algo. Eu crecín vindo a Pasarón, tirando papel hixiénico ao campo para despois pedir perdón e ter que recollelo. Iso era un pracer. Viña aquí a gozar», lembra Mendieta, seareiro granate na súa infancia.

Otto van Mudi, que cando se solta é bastante máis locuaz do que aparenta agrega: "O vestiario está ao cen por cento coa causa. Que confíen en nós, que imos dalo todo".

Quen é Goldar?
Busquen un rapaz que se pareza a Mendieta e atoparano. Si, o segundo pola esquerda de abaixo, na súa etapa no AJ Lérez.Quen é Goldar Busquen un rapaz que se pareza a Mendieta e atoparano. Si, o segundo pola esquerda de abaixo, na súa etapa no AJ Lérez.

 

E David Castro?
Se teñen dúbidas, atopen a Pibe. Efectivamente: o que o rodea co brazo esquerdo, o segundo pola dereita da fila de abaixo.E David Castro Se teñen dúbidas, atopen a Pibe. Efectivamente o que o rodea co brazo esquerdo.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios