Miguel García: "Levo o Arcade dentro"

O CD Arcade recibe o premio especial HQR! na temporada na que cumpre os 100 anos de historia, que o converte nun dos clubs máis lonxevos de Galicia
Miguel García, presidente do CD Arcade, na bancada do campo do Salgueirón. ANXO LORENZO
photo_camera Miguel García, presidente do CD Arcade, na bancada do campo do Salgueirón. ANXO LORENZO

Traballo, educación, diálogo, humildade, rigor, paixón polo fútbol base... son algúns dos valores que definen a Miguel García, a cabeza visible dun equipo de traballo que vive con orgullo o centenario do nacemento do CD Arcade, recoñecido co premio Especial HQR!, entregado en ocasión dun feito ou fazaña excepcional. 

Que supón para o CD Arcade este premio?
Son cousas que axudan e recoñecen o traballo dun club centenario polo que pasaron moitos presidentes, moitos xogadores e moita xente. 

Cal é a súa traxectoria no club?
Comecei no 90 como xogador no Arcade e cheguei a xogar en Preferente. Vinculeime moito co club e unha vez que meu fillo comezou a xogar, acabei metido no ‘vicio’ e contaxiando a toda a familia. Despois chegou o de ser directivo e o de ser presidente, que é algo moi bonito. Segues adiante porque che gusta e porque che dá reparo deixalo e que non haxa ninguén que poida seguir con isto. Ao final, sempre digo o mesmo: cando remate o ano, déixoo. Agora o club ten unha directiva na que entraron catro pesos pesados: deses que traballan, que cumpren, que teñen iniciativa, que fan propostas. Eu son o presidente e son un máis e iso agradécese moito. 

"Sempre digo o mesmo: cando remate o ano déixoo"

Poucos clubs de calquera deporte e de calquera lugar poden presumir de cumprir 100 anos.
Hai que cumprilos. Hai xogadores da temporada 1953-54 que aínda están vivos, que teñen máis de 90 anos. En ocasións paras a falar con eles e cóntanche cousas que che fan reflexionar no que pasou toda esa xente nas orixes. Tamén hai quen ve o campo como o temos e cre que agora é todo moi fácil. Pero detrás disto hai moito traballo. Non se reduce a un partido do sábado ou o domingo. O campo viviu por moitas etapas: cando se fixeron as bancadas, cando estaba pegado a cemiterio... non había auga quente. Eu comecei xogando en terra e duchándome rápido, que se non apagaba o quentador de auga. Agora cambiou todo para mellor... Cen anos son moitísimos.

Desgasta moito unha presidencia dun club?
Isto quéimate. Hai problemas en ocasións cos pais, que despois son boa xente, pero ás veces non entenden por que fas algunhas cousas. Eu son dialogante e gústame falalo, pero ás veces isto fai que non durma. E tamén hai problemas económicos para poder conseguir materiais para que os rapaces poidan ter as mellores condicións. Eles veñen pasalo ben e a gozar, sobre todo ata xuvenís. E en situacións pásalo mal, porque te mina por dentro. Queres estar en todo e logralo é complicado.

"Son dialogante e gústame falalo, pero ás veces hai problemas que fan que non durmas"

É máis dura a parte social, a relación cos pais ou a económica?
Ao comezo da temporada fas unha reunión, fas cálculos e dis: "ao CD Arcade fanlle falta X Euros para a temporada". E hai quen di. "Vós estades tolos!". Non. É así. Hai fichas, roupa, balóns e material e todo é para os rapaces. Intentamos facer as cousas ben, que cada equipo e cada rapaz teña o seu material, supervisados polos adestradores, que son grandes profesionais e moi boa xente. Son adestradores que saben o que fan, porque traballar con rapaces non é nada sinxelo. O noso coordinador, Joaquín, sempre está moi atento a tódolos problemas que poidan ter os menores. E neses casos intentamos falar cos pais para entender a problemática ou transrmitírllela a eles.

Hai que saber ser presidente...
Isto é moi sacrificado. Non sei ata cando durarei nisto. Pero como levo o Arcade tan metido dentro... Se teño que ficar na casa e sei que están a adestrar, decido achegarme para velo. Aos adestradores non lles gusta estar sos. E creo que o CD Arcade pode dicir que ten moita seriedade. Pero estar nunha directiva tenche que gustar. Estar por estar non vale. 

Teñen algún obxectivo para esta temporada? O ascenso a Preferente?
Xa estivemos ás portas un par de veces. Estamos a xogar ben e temos un bo equipo sénior. Todo está moi igualado. O ano pasado rematamos quintos e non entramos no play-off. Fixemos unha temporada moi boa. Pero agora estamos nun momento baixo, dentro dunha categoría moi bonita, na que calquera pode gañarlle a calquera. O que non me gusta é que ás veces os adestradores e os xogadores acaban queimados e iso non pode ser. Aféctame velos así. 

"Dixen que o día que suba o Arcade a Preferente deixo todo. Igual teño que botar un par de anos máis"

Ata cando teremos Miguel García no CD Arcade?
Non me gusta mentir. Cando collín o equipo estaba en Terceira Rexional. Fomos subindo pouco a pouco e agora levamos uns aniños en Primeira. E dixen que o día que suba o Arcade a Preferente deixo todo. Igual teño que botar un par de anos máis (ri). O bonito é manterse. Se puidéramos xogar a fase de ascenso outra vez, xa sería unha cousa bonita.

O club medrou moito canto a resultados e canto a estrutura. Quédalle algo por cambiar ao CD Arcade?
Temos tódalas categorías e mesmo temos dous conxuntos en categoría alevín. Pero fáltannos os cadetes desde hai de dous anos, por un problema co adestrador daquela, que levou os xogadores. Os futbolistas son do club, non son do adestrador. Eu creo que debe ser así. Intentamos que iso non volva ocorrer. Canto a títulos, iso é o de menos. Os resultados veñen. Despois, temos unhas instalacións moi boas, con material para tódolos nenos e temos tres equipos femininos. O primeiro é que poidan desfrutar. Se gañas, ben, se non gañas, non pasa nada. Todos non poden ser titulares ou ser Messi. Pero o importante é que estean felices. Iso é o que queremos no club e respectarnos entre todos. Se non, isto sería un circo. E nós sempre queremos ser serios. 

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios