O milagre do nariz de Romay

O media punta malpicán non precisará cirurxía para recompoñer a fractura e poderá adestrar xa esta semana
Manuel Romay atendido no terreo de xogo polo doutor Pepe Barragáns. RAFA FARIÑA
photo_camera Manuel Romay atendido no terreo de xogo polo doutor Pepe Barragáns. RAFA FARIÑA

No minuto 60 do partido entre o Pontevedra e o Sporting B do pasado domingo, Manuel Romay sufriu un importante golpe no nariz que o deixou grogui. Despois dun par de minutos deitado no chan polo forte impacto que padeceu e tras recibir a atención dos responsables sanitarios do Pontevedra encabezados polo doutor Barragáns, o malpicán tivo que retirarse do terreo de xogo substituido, seguido por un regueiro de sangue que non anticipaba nada bo.

Afortunadamente para o deportista e para o Pontevedra, o alcance da lesión do media punta granate será menor do que se prevía no momento inmediatemente posterior ao incidente. O deportista padeceu unha fractura dos osos propios do nariz cun importante desprazamento. A rápida reacción dos sanitarios do PCF permitiron colocar os osos e suturar a ferida provocada polo golpe de Romay.

O propio media punta agradeceu o traballo dos galenos na rede social Twitter. "Grazas a tódolos que se preocuparon por min. Os doutores conseguiron colocarme o nariz sen chegar a unha operación", relatou.

Este luns a exploración radiográfica que lle realizaron na zona danada confirmou que a aliñación dos osos fracturados é a correcta e que só existe un leve desviamento lateral cara á dereita que se solucionará sen precisar unha intervención cirúrxica.

De tal maneira, o xogador poderá retornar ao campo de traballo en dous ou tres días. Iso si, deberá traballar con protección durante un tempo. As súas sensacións serán as que determinarán se poderá participar no partido da fin de semana que enfrontará ao Pontevedra contra o Ibiza (domingo, 12.00 horas).

O club realizaralle unha resonancia magnética no nocello que ren magoado Adighibe para desbotar calquera lesión

NACHO. Polo que haberá que agardar máis será pola diagnose da lesión de Nacho López. Durante a primeira parte do enfrontamento contra o Sporting B, o asturiano sufriu unha forte molestia nos isquiotibiais da perna dereita que lle obrigou a ser substituido polo seu compañeiro Santi Figueroa.

O futbolista será sometido a unha proba, que está prevista para hoxe, coa fin de determinar se padece unha rotura de fibras e o tempo que a doenza o vai manter fóra dos terreos de xogo. A evolución das primeiras 24 horas foi positiva.

Outro dos xogadores que inqueda ao club é o dianteiro Adighibe. A Panteira leva varias semanas arrastrando problemas de nocello. O club optou por realizarlle unha resonancia magnética para descartar calquera lesión de importancia.

Jaouad Arraji e Alfredo Mejía poderían estar a disposición de Luismi para o partido que o PCF xogará en Ibiza o domingo ás 12.00

No apartado positivo, Javi López irá incorporándose ao traballo colectivo paulatinamente despois de superar os seus problemas musculares nos isquitibiais.

O club agarda que a súa última incorporación, o defensa internacional marroquí Jaouad Erraji, complete a semana co colectivo despois de estar concentrado coa selección sub-23 do seu país e estea dispoñible para o duelo dominical. Ademais, Luismi confía en contar coa achega de Alfredo Mejía, xa que o hondureño puido traballar nos últimos días co colectivo e as súas cualidades encaixan co que busca o preparador.

Comentarios