A Milla Anedia volve á rúa con máis de medio millar de deportistas

A proba retorna á Avenida Montero Ríos despois de dúas edicións nas pistas do CGTD
Un momento da Presentación da IX Milla Solidaria Anedia. CEDIDA
photo_camera Un momento da Presentación da IX Milla Solidaria Anedia. CEDIDA

Máis de medio millar de deportistas tomarán parte na IX edición da Milla Solidaria Anedia, que se levará a cabo o próximo domingo, organizada por Anedia en colaboración co Atletismo Rías Baixas, o Concello de Pontevedra e a Federación Galega co gallo da celebración do Día Mundial da Diabetes.

Será unha cita especial, co seu retorno á normalidade, despois de dous anos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva por motivos sanitarios. As corridas dos diferentes grupos de idade levaranse a cabo no circuito homologado con centro neurálxico na Avenida de Montero Ríos, un dos espazos atléticos de referencia do atletismo popular de Pontevedra.

Ademais dos 14 deportistas de categoría elite, os corredores populares terán o seu espazo nas diferentes grupos. Os séniores populares darán forma á proba máis numerosa. Un total de 126 inscritos partirán arredor das doce do mediodía para completar os 1,6 quilómetros do traxecto.

As probas dos rapaces contará coa participación de 335 nenos. Dividiranse en catro faixas de idade: os sub-10, os sub-12, os sub-14 e os sub-16 que á súa vez se dividirán en carreira masculina e feminina. Ademais, os máis pequenos poderán competir en dúas probas moi especiais: a denominada Patrulla Canina, para os cativos nados entre 2015 e 2018, cunha distancia de 150 metros, e a Bob Esponja, de meniños do 2019 en diante, con 80 metros a percorrer.

Haberá probas para tódalas categorías: desde elite ata os máis pequenos, nados despois de 2018

Pero ademais diso, a competición contará cunha proba de remudas 4x500, na que tomarán parte oito conxuntos e unha andaina de 500 metros aberta a tódalas persoas e sen afán competitivo, simplemente para concienciar da importancia de realizar exercicio en tódalas faixas de idade e do valor que implica camiñar para a saúde.

As probas sub-12 e sub-12 serán de 500 metros de distancia e as sub14 e sub-16 estenderanse por un quilómetro.

É a novena edición dunha proba destinada a visibilizar os problemas derivados da diabetes, conta a que combate Anedia. 

As probas de idade principiarán ás 10:30. Ás 11:50 será a carreira popular feminina, ao mediodía a popular masculina e, despois que que corran os Patrulla Canina e os Bob Esponja, será a proba elite (12:40) e, como peche, a andaina, dez minutos despois.

Na presentación da Milla, levada a cabo no Concello de Pontevedra, participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros; a presidenta da Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia), María José Rego Lojo; a súa ex presidenta Silvia Puga (cofundadora de Anedia), mestra e xefa de Estudos do CEIP de Marcón; o director técnico da proba, Gonzalo Méndez, presidente do Club Atletismo Rías Baixas, e mailos deportistas Alberto Guimeráns e David Ferrer (delegado da Federación Galega). 

O lema escollido este ano para celebrar o Día Mundial da Diabetes, moi presente na proba, é Educar para protexer o futuro.

Comentarios