O surfista Milo Castelo é recibido no Concello logo da súa xesta en Tenerife

Tino Fernández recibiu o deportista logo de proclamarse campión do Europa Máster de Surf para maiores de 40 anos e acadar o cuarto posto na categoría de maiores de 45
Tino Fernández recibe a Milo Castelo.DP
photo_camera Tino Fernández recibe a Milo Castelo.DP

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu esta mañá na Sala de Xuntas do Concello de Pontevedra ao deportista Milo Castelo, que vén de proclamarse en Tenerife campión do Europa Máster de Surf en categoría de maiores de 40 anos e de obter un cuarto posto na categoría de maiores de 45. O edil do PSOE felicitou ao surfista da Urban Culture Factory pola súa xesta, asegurando que "é un orgullo para a cidade ter a xente que sexa capaz de seguir practicando deporte a moi alto nivel aos 40 anos", xa que pon de manifesto "a importancia que ten o deporte en Pontevedra e a inmensa sorte que temos de ter deportistas de alto nivel en tódalas disciplinas e categorías". "Debe servir como acicate para que a actividade física sexa un elemento fundamental ao longo da nosa traxectoria vital. A actividade física e a saúde están moi relacionadas e exemplos como o de Milo deben axudarnos a fomentar esa practica de exercicio tan importante en tempos de pandemia", subliñou Fernández, que lle entregou a Castelo como agasallo un USB personalizado da concellería de Deportes.

Pola súa banda, o surfista pontevedrés afirmou que este título de campión de Europa "é un xeito de gratificar o traballo de toda unha vida", algo que "teño que agradecer o apoio da miña familia e a miña muller, que fixo posible que trouxera este premio para Pontevedra". "Quero a animar a todos os que xa entramos nunha certa idade –salientou Milo Castelo– a que saiban que nunca é tarde para facer un deporte. O deporte comézase desde moi novo e debería de manterse ata a ancianidade. A mensaxe é que a xente non deixe os hábitos deportivos, porque é o mellor que temos". 

Comentarios